O Concello de Oroso inicia as obras de reurbanización da rúa Xuncal (Sigüeiro), que estarán rematadas antes de 3 meses.
As obras comezaron coa renovación de pluviais e continuarán cun novo saneamento e coa eliminación das distintas alturas das beirarrúas.
Durante os traballos estará prohibido aparcar en toda a rúa, que permanecerá aberta ao tráfico.
O Concello de Oroso inicia as obras de reurbanización da rúa Xuncal (Sigüeiro), uns traballos orzamentados en 140.450 euros e que estarán rematados antes de tres meses. “Aínda que o prazo de execución dos traballos é de catro meses, a empresa comprometeuse co Concello a reducilo a pouco máis de dous meses para evitarlles molestias innecesarias os veciños”, explica o concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras.
De feito, a pasada semana o Concello de Oroso xa lles enviou unha comunicación aos veciños da rúa Xuncal na que se lles informaba sobre a data de inicio das obras e o propósito das mesmas, que é modernizar unha das rúas máis importantes de Sigüeiro (xa que é a entrada principal ao centro da vila). Nesa carta, o Concello de Oroso informaba de que dende hoxe, e ata o remate dos traballos, estará prohibido estacionar ao longo da rúa que, sen embargo, permanecerá aberta ao tráfico.
Isto será posible porque as obras se desenvolverán inicialmente na marxe esquerda da rúa e despois pasarán a executarse na marxe dereita. Deste xeito, o Concello de Oroso pretende facilitar a mobilidade e minimizar as molestias que poidan ter tanto veciños como os distintos establecementos comerciais da rúa do Xuncal.
Obxecto das obras
A rúa Xuncal é unha das primeiras que se abriron en Sigüeiro, polo que ten numerosos déficits que se arranxarán con estes traballos, especialmente o seu saneamento antigo e as distintas alturas nas beirarrúas. Os traballos comezaron hoxe coa recollida de pluviais na marxe esquerda e continuarán coa renovación do saneamento, actualmente formado por tubos de formigón que se atopan en malas condicións e que dan lugar a cheiros e molestias para os veciños. Despois, as obras realizaranse na parte esquerda.
Eduardo Veiras explica que “o único momento no que teremos que pechar a rúa ao tráfico será cando rematemos co novo firme de aglomerado para esta rúa, que permitirá subir a súa altura e facilitar a eliminación das distintas alturas que hoxe hai nas beirarrúas”. Neste sentido, o concelleiro de Vías e Obras sinala que “eliminaremos as distintas alturas aló onde sexa posible, buscando telas a un único nivel”. Unha vez rematados os traballos, que tamén inclúen a renovación do alumeado público, a zona de aparcamento cambiará de batería a en liña en ambos lados da rúa.
A reurbanización da rúa Xuncal é un proxecto aprobado polo pleno municipal o pasado mes de setembro ao abeiro do Plan DTC 94 da Deputación da Coruña. O obxectivo é renovar unha das rúas máis antigas de Sigüeiro e que actualmente é a porta de entrada ao corazón da capital municipal, onde se sitúan o parque do Carboeiro, o Concello, o centro de saúde e o centro cultural. Ademais, como asegura o alcalde, Manuel Mirás, “pretendemos que sexa unha rúa emblemática e comercial, intentando así apoiar ao comercio local nuns momentos de dificultade”.