subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso investirá 140.000 euros na reurbanización da rúa Xuncal, unha das primeiras rúas construídas en Sigüeiro.


As obras comezarán en marzo e incluirán a renovación do saneamento e do alumeado público, así como unha profunda mellora nas beirarrúas.

orosoO Concello de Oroso vai investir 140.450 euros na reurbanización da rúa Xuncal (Sigüeiro), unhas obras que comezarán o vindeiro mes de marzo e que consistirán na renovación do saneamento na rúa, nunha profunda mellora das súas beirarrúas e a renovación do alumeado público. “Estamos falando dunha das primeiras rúas de Sigüeiro, despois da avenida de Compostela, e ten moitos déficits, como un saneamento antigo ou distintas cotas nas beirarrúas, que pretendemos solucionar con estas obras de reurbanización”, explica o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.

Un proxecto que foi aprobados en pleno o pasado mes de setembro, ao abeiro do Plan DTC 94 da Deputación da Coruña, e cuxas obras comezarán nun par de semanas. O prazo de execución dos traballos é de catro meses. As obras consistirán na renovación do obsoleto saneamento da rúa Xuncal, que actualmente está formado por tubos de formigón que se atopan en malas condicións, o que da lugar a cheiros e molestias para os veciños.

Así mesmo, procederase a renovar o alumeado público desta rúa e a eliminar as distintas cotas de altura das beirarrúas, así como proceder á súa ampliación. “Queremos que a rúa Xuncal se converta nunha das rúas máis importantes de Sigüeiro, pois é a entrada principal á praza Isaac Díaz Pardo e ao centro de Sigüeiro. Por iso, pretendemos que sexa unha rúa emblemática e comercial, intentando así apoiar ao comercio local nuns momentos de dificultade”, sinala Manuel Mirás.