subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso remata as obras da primeira fase da senda peonil de acceso a Porto Avieira, cun investimento de 78.000 euros.


O concelleiro de vías e obras, Eduardo Veiras, explica que “nunha segunda fase pretendemos levar as sendas peonís ata a entrada principal de Porto Avieira e á localidade de Piñeirón”.

orosoO Concello de Oroso vén de rematar a primeira fase da senda peonil de acceso á urbanización Porto Avieira, na parroquia da Gándara, dende a estrada DP-3801 (Sigüeiro-Cimadevila). Unhas obras que forman parte do Plan de Obras e Servizos 2012, por un importe de 77.775 euros, e que incluíron tamén a realización de obras de mellora na rede viaria nas parroquias da Gándara, Marzoa, Pasarelos, Senra e Os Ánxeles.

A nova senda peonil, a sétima que se constrúe no municipio de Oroso, ten unha extensión duns cincocentos metros e enlaza a entrada de Porto Avieira coa senda peonil que conecta con Sigüeiro xusto á altura do local social da parroquia. O concelleiro de vías e obras, Eduardo Veiras, adianta que “nunha segunda fase pretendemos prolongar esta senda peonil ata a entrada principal de Porto Avieira e da localidade de Piñeirón”.

A nova senda ten un ancho de dous metros, cunha base de grixo artificial compactado e con quince centímetros de formigón. Unhas características idénticas ás outras sendas peonís existentes no municipio (Vilacide, Trasmonte, Deixebre –2- e Vilarromarís), pois a única senda peonil diferente é, precisamente, coa que enlaza e que une A Gándara con Sigüeiro (que foi realizada cunha capa asfáltica e cunha serie de illotes que separan os peóns do tráfico rodado).

Nos últimos catro anos, o Concello de Oroso leva executado un total de sete sendas peonís, xa que as obras de construción da sexta senda, no núcleo de Baxoia (parroquia de Deixebre) están a piques de rematar. En total, o Concello de Oroso leva investidos case 808.000 euros nestes proxectos que “melloran a seguridade viaria dos nosos veciños e veciñas das parroquias, polo que son moi valoradas pola veciñanza, e que esperamos seguir incrementando nos próximos meses”.