subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inicia a última fase da alameda de Góis, que inclúe unha ampliación dos sistemas de recollida de pluviais.


As obras inclúen tamén a dotación de aglomerado na superficie utilizada para festas e dunha mestura de xabre con cemento para a zona do parque.

orosoO Concello de Oroso vén de iniciar as obras da última fase da Alameda de Góis, que inclúen unha significativa mellora dos sistemas para a recollida de augas pluviais. O concelleiro de vías e obras, Eduardo Veiras, explica que “en casos de moita choiva, o sistema actual non era quen de canalizar toda esa auga. Agora, actuamos en dous puntos concretos da alameda e así evitaremos que a auga poida chegar ata a avenida de Compostela ou ata a zona da ponte sobre o Carboeiro”.

Unhas obras que comezaron esta mesma semana e que estarán finalizadas antes de que remate o mes de xullo. Ademais de mellorar o sistema de recollida de augas pluviais, os traballos inclúen tamén o aglomerado da parte da praza dedicada a eventos, que ata o momento só dispuña de rego asfáltico. Na parte do parque, colocarase o bordo sobre os parterres, que están adaptados á topografía do lugar, e a súa superficie de terra será substituída por outra de xabre con cemento, moito máis compacta.

Espazo de ocio para todas as idades

A alameda de Góis ocupa unha parcela triangular xunto ao paseo do río Carboeiro, o centro urbano de Sigüeiro e a avenida de Compostela (N-550). Trátase dun espazo público multifuncional e para todas as idades, pois pode ser utilizado polos veciños e veciñas como parque, dispón dun circuíto biosaudable con máquinas para os maiores e conta cun grande espazo central para acoller eventos como concertos, o tradicional mercado dos sábados ou a festa orosá por excelencia: a Festa da Troita.

As actuacións iniciadas esta semana veñen a completar as dúas primeiras fases, acometidas nos anos 2009 e 2010. A primeira fase do que hoxe é a alameda de Góis deu comezo da man do obradoiro de emprego “Paseo Fluvial Rego Carboeiro Fase II”, un proxecto orzamentado en máis de 1,1 millóns de euros e que permitiu non só a construción da devandita alameda senón tamén a recuperación ambiental de 30.000 metros cadrados situados na marxe dereita do río Carboeiro. Un ano despois, un convenio asinado entre o alcalde Manuel Mirás e o daquela presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, permitiu investir algo máis de 100.000 euros no acondicionamento da alameda de Góis, que incluíu a dotación de alumeado público e a construción das canalizacións para a recollida de augas pluviais e para o abastecemento de auga potable.