subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso remata en prazo a reurbanización da rúa do Portiño (Sigüeiro), unhas obras orzamentadas en 200.000 euros.


As obras incluiron a ampliación da ponte sobre o río Carboeiro e a construción de beirarrúas de 2,5 metros de anchura.

orosoO Concello de Oroso vén de rematar as obras de reurbanización da Rúa do Portiño, en Sigüeiro. Uns traballos orzamentados en 200.000 euros e que foron financiados ao 100% pola Deputación Provincial da Coruña grazas a un convenio de colaboración asinado polo alcalde orosán, Manuel Mirás, en setembro de 2010.

Os traballos de reurbanización da rúa do Portiño tiveron lugar entre a ponte sobre o río Carboeiro e o enlace desta rúa coa avenida de Compostela (N-550). Unhas obras que incluiron a construción de beirarrúas (de 2,50 metros de anchura) cun pavimento de lousas hidráulicas de 30x30 cm e beiras de formigón. Unhas beirarrúas que enlazan coas que o Concello de Oroso construíu no primeiro semestre deste mesmo 2012 na Avenida de Compostela (na marxe esquerda da N-550), de xeito que os veciños da rúa do Portiño xa poden chegar a través de beirarrúas ata a gardería municipal da Ulloa.

Ampliación da ponte

En canto aos servizos básicos, o proxecto incluíu a execución da rede de pluviais e o soterramento da rede de electricidade, unha actuación que implicou tamén a instalación de novas luminarias. Como obra singular, ampliouse a ponte que cruza o Rego Carboeiro cunha lousa de formigón armado en voladizo sobre o río. “Deste xeito, incrementamos a seguridade viaria na zona xa que esta ampliación facilita o tránsito de automóbiles e gaña espazo para os peóns que usan a beirarrúa”, explica Manuel Mirás.

Unhas obras que se remataron no prazo indicado polo alcalde de Oroso: xullo de 2012, logo dun retraso motivado por unha alegación ao proxecto presentada por un veciño, que obrigou a executar os traballos en dúas fases. De feito, Mirás Franqueira indica que “a nosa intención é acometer unha terceira e última fase para pechar definitivamente a reurbanización da rúa do Portiño”. Unha terceira fase que incluiría a execución de beirarrúas das mesmas características das recén estreadas en dous pequenos tramos (un no que actualmente hai dous inmobles en construción e outro no que haberá que recurrir á expropiación do terreo).