subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso reparte 2.000 cinceiros portátiles para acabar coas cabichas no chan


orosoO Concello de Oroso está a desenvolver desde hoxe ata o xoves unha campaña de sensibilización entre as persoas fumadoras para combater a reiterada aparición de cabichas no chan de espazos públicos e nas rúas. Con tal fin, repartirá gratuitamente un total de 2.000 cinceiros portátiles para que as persoas fumadoras se acostumen a utilizalos e non tiren as cabichas no chan.

O alcalde, Luis Rey, explicou esta mañá durante a presentación da campaña que o obxectivo desta iniciativa é “concienciar ás persoas fumadoras sobre a necesidade de que teñan un comportamento máis cívico e eviten tirar as cabichas na rúa para, entre todos, conseguir ter un concello máis limpo”. “Coa entrega gratuíta dun cinceiro portátil queremos darlles todas as facilidades para que non teñan desculpa para non facelo”, resaltou.

Desde hoxe ata o xoves haberá un stand informativo ubicado na contorna da casa consistorial, no que calquera persoa fumadora poderá recoller de balde o seu cinceiro portátil. Ademais, dous voluntarios percorrerán as rúas de Sigüeiro na busca de fumadores/as para informalos desta iniciativa e entregarlle como agasallo un cinceiro portátil.