O Concello de Oroso continúa cos labores de limpeza e mantén todos os servizos de axuda durante o fin de semana
O Concello de Oroso continúa cos labores de limpeza e desinfección dos espazos públicos que comezaron o día 17 en todo o municipio, presentando unha especial atención ás proximidades do centro de saúde, farmacias ou supermercados.
Durante estes días, realizáronse traballos específicos no interior e na contorna do centro de saúde. A coordinación entre os seus responsables e o Concello de Oroso é constante, organizando ademais o acceso e a atención sanitaria nas instalacións.
O concello puxo hoxe novos carteis de aviso aos veciños e veciñas da urbanización Porto Avieira, onde haberá de novo tarefas de limpeza e desinfección desde o luns.
Durante o fin de semana, o concello mantén os servizos de axuda para as persoas maiores, aquelas que vivan soas ou se atopen en situación de vulnerabilidade e non conten con apoio familiar ou social, dentro das medidas extraordinarias tomadas pola crise do COVID-19. Os números de teléfono aos que poden chamar son:
-981 688 950, de Servizos Sociais do Concello de Oroso.
-698 169 443, de Protección Civil de Oroso.
-638 050 451, de Alcaldía.
Pedimos a todos os orosáns un exercicio de responsabilidade e que eviten as reunións e xuntanzas de familiares ou amigos durante o fin de semana, xa que é fundamental reducir os contactos sociais para frear posibles contaxios
Grazas pola vosa colaboración!