O Concello de Oroso da un impulso definitivo en FITUR ao proxecto de Vía Verde que unirá Santiago con Cerceda
O Concello de Oroso foi un dos grandes impulsores do proxecto de vía verde que unirá Santiago de Compostela con Cerceda e aproveitou a súa presenza en Fitur para ultimar os detalles da iniciativa. En concreto, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Turismo e deputado provincial, Antonio Leira, mantiveron unha reunión con representantes da Fundación de Ferrocarriles Españoles e de Adif, cos que falaron, entre outros aspectos, da posibilidade de ceder as vellas estacións de tren que hai no trazado aos concellos para o seu uso cultural, turístico ou social.
Ademais, pecharon próximas reunións de traballo con operadores de turismo de Castela Leon, Madrid, Andalucía e Extremadura para dar a coñecer a Vía Verde e o Camiño Inglés.
Nestes días de Fitur, Mirás e Leira presentaron tamén o proxecto Vías Verdes conxuntamente co Camiño Inglés a representantes do Concello de Madrid, cos que quedaron en concretar unha proposta de actividades nalgunha das prazas céntricas de Madrid co fin de dar a coñecer as iniciativas.
As obras, das que se fará cargo a Deputación da Coruña con 1,86 millóns de euros de fondos Feder, suporán a construción da primeira Vía Verde da provincia, que conectará Santiago e Cerceda cun sendeiro de 36,5 quilómetros sobre as antigas vías do ferrocarril.
“É un proxecto polo que levo loitando dende hai 14 anos, xa conseguimos financiación europea a través da Deputación e coido que en ano e medio será unha realidade; dará moito do que falar e irá sobre o trazado do ferrocarril entre A Sionlla e Cerceda, que quedou en desuso, no tramo comprendido entre Compostela, Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda”, explica o alcalde, Manuel Mirás.
Os concellos afectados e a Deputación traballan de forma intensa para que a iniciativa esté operativa nesta lexislatura, o que aumentará o atractivo turístico dos cinco municipios.