subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso aproba as obras e investimentos do Plan Único 2020, con case 500.000 euros para mellorar a vida dos seus veciños


orosoO Concello de Oroso aprobou hoxe nun pleno extraordinario e por unanimidade as obras e investimentos que incluirá no Plan Único 2020 da Deputación da Coruña, cun orzamento total de 497.279,47 euros.

As partidas irán a diferentes proxectos, no centro e nas parroquias, como as melloras na rede viaria en Oroso Pequeno, Oroso de Abaixo e avenida de Castelao; e a instalación dun novo pavimento na avenida Álvaro Cunqueiro e na praza de Isaac Díaz Pardo.

As melloras na rede viaria chegarán tamén a Cabanas, Sar (Os Ánxeles); San Román de Abaixo (Pasarelos), Ventosa (Cardama), Oroso Pequeno (A Gándara), o Barral (Villaromarís), e a urbanización Porto Avieira.

Por outra parte, haberá obras para ampliar a calzada de parte do vial que une os núcleos de Piñeirón e Carollo (Cardama), e dentro do plan complementario, traballos para mellorar a rede viaria nos lugares de A Igrexa e Bouzalonga, así como a ampliación do vial entre os núcleos de Requeixo e Eirís (Cardama).

“Non adicamos nin un só euro a gasto corrente, aínda que a propia Deputación o permite, incluso desde o Concello aportaremos cartos para completar o plan”, asegura Manuel Mirás, alcalde de Oroso. Dos 497.279,47 euros, 19.654,91 euros sairán das arcas municipais.

Na mañá de hoxe celebrouse en Oroso un segundo pleno extraordinario, no que o PP pedía o comezo dos trámites necesarios para o cambio de uso da catalogación do solo nas vivendas da urbanización Porto Avieira que estean como vivendas de “uso exclusivamente hotelero”, pasando a solo residencial.

Aínda que o grupo de goberno votou en contra, é unha posibilidade que non descarta, “pero hai que buscarlle un encaixe legal, non é unha decisión que poidamos tomar á lixeira”.