subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso contará con case 500.000 euros no Plan Único 2020 e destinará o 100% a obras e investimentos para mellorar a vida dos seus veciños


orosoO Concello de Oroso levará a un pleno municipal a próxima semana as obras e investimentos que incluirá no Plan Único 2020 da Deputación da Coruña, cun orzamento total de 497.279,47 euros.

“Desa cantidade, non adicaremos nin un só euro a gasto corrente, aínda que a propia Deputación o permite, incluso desde o Concello aportaremos cartos para completar o plan”, asegura Manuel Mirás, alcalde de Oroso. Dos 497.279,47 euros, 19.654,91 euros sairán das arcas municipais.

As partidas irán a diferentes proxectos, no centro e nas parroquias, como as melloras na rede viaria en Oroso Pequeno, Oroso de Abaixo e avenida de Castelao; e a instalación dun novo pavimento na avenida Álvaro Cunqueiro e na praza de Isaac Díaz Pardo.

As melloras na rede viaria chegarán tamén a Cabanas, Sar (Os Ánxeles); San Román de Abaixo (Pasarelos), Ventosa (Cardama), Oroso Pequeno (A Gándara), o Barral (Villaromarís), e a urbanización Porto Avieira.

Por outra parte, haberá obras para ampliar a calzada de parte do vial que une os núcleos de Piñeirón e Carollo (Cardama), e dentro do plan complementario, traballos para mellorar a rede viaria nos lugares de A Igrexa e Bouzalonga, así como a ampliación do vial entre os núcleos de Requeixo e Eirís (Cardama).

“Somos un concello saneado económicamente a pesares de que temos unha presión fiscal que está entre as máis baixas de Galicia, por iso podemos adicar este tipo de plans a mellorar as infraestruturas e os servizos básicos, non a gasto corrente ou a pagar débedas”, explica Mirás.