subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inaugura a súa estatua de Troi, unha homenaxe á troita e aos seus ríos


orosoOroso xa ten a súa estatua de Troi, a mascota do concello, un personaxe que xa é un veciño máis. A estatua serve de homenaxe á troita e aos seis ríos que pasan polo municipio.

A estatua está na avenida de Compostela, na N-550 ao seu paso por Sigüeiro. “Temos o privilexio de vivir nun municipio cun enorme patrimonio paisaxístico e Troi xa forma parte de nós”, asegurou hoxe o alcalde, Manuel Mirás, no acto de inauguración da estatua.

Desde hai moitos anos, a troita puxo a Oroso no mapa turístico, xa que o concello celebra a Festa da Troita no mes de maio, pola que pasan máis de 30.000 persoas.

“É un paso máis, primeiro apostamos por Troi para que fora a nosa mascota e agora queda inmortalizado coa estatua, coa que queremos homenaxear ao conxunto do pobo, foron os veciños e veciñas de Oroso os que fixeron grande a Festa da Troita, o manxar dos nosos ríos”, engade Mirás.

Este ano, a festa será os días 10, 11 e 12 de maio. Oroso será de novo a capital do ocio e a gastronomía galega e os milleiros de visitantes que se acheguen ao concello poderán ver a nova estatua de Troi.