subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

José Miguel Couselo Sánchez, nomeado fillo predilecto do Concello de Oroso.


O homenaxeado lembra nun emotivo discurso a súa infancia “na aldea de Oroso Pequeno, nunha familia humilde pero rica en valores”.
O alcalde, Manuel Mirás, destaca “o agarimo e o respecto co que os veciños acolleron o nomeamento”.

orosoJosé Miguel Couselo foi nomeado hoxe Fillo Predilecto do Concello de Oroso, no transcurso dun emotivo acto na casa da cultura no que tamén recibiu a Insignia de Ouro do municipio.

Diante dunha ateigada sala chea de familiares, amigos e veciños do homenaxeado, Couselo Sánchez lembrou a súa infancia: “Nacín nunha aldea tan pequena que se chama Oroso Pequeno, nunha familia económica, social e culturalmente humilde, pero moi rica en valores de amor, respecto, solidaridade e lealtade”.

José Miguel Couselo é xefe da Sección de Pediatría da Unidade de Hematoloxía e Oncoloxía Pediátrica do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). Mantén unha vinculación moi intensa co seu concello natal, ao que está moi unido.

“Quero expresar os meus sentimentos neste instante: ledicia, gozo, orgullo e satisfacción de ser nomeado fillo predilecto deste Concello; é para min unha gran honra e síntome moi honrado por este nomeamento”, engadiu Couselo.

Pola súa parte, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, falou “do agarimo, a admiración e o respecto co que os nosos veciños e veciñas acolleron a decisión unánime de conceder esta distinción por parte da corporación municipal; hoxe é un día moi especial para todos”.

“Aínda que en boa medida son os innumerables méritos profesionais de José Miguel os que provocaron esta distinción, moi por encima diso hoxe estamos aquí para homenaxear á persoa, o amigo, o veciño de Oroso que naqueles anos 50 do pasado século xogaba cos seus amigos no campo da Igrexa da Gándara”, asegurou Mirás.