subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso aproba unha moción para reclamar “o mantemento dos informativos locais e o carácter de servizo público” da CRTVG.


orosoO pleno do Concello de Oroso aprobou unha moción impulsada polos socialistas para reclamar “o mantemento dos informativos locais e o carácter de servizo público” da CRTVG.

Tanto o alcalde, Manuel Mirás, como o concelleiro autor da moción, Antonio Leira, consideran que “as desconexións locais nos servizos informativos da Radio Galega son imprescindibles para garantir o dereito de acceso á información do conxunto da cidadanía”.

A moción, rexeitada polo PP, insta tamén á dirección dos medios públicos galegos “a manter o Diario Cultural como espazo de debate e reflexión”, así como a cumprir “a Lei 9/2011 de medios audiovisuais, garantindo o pluralismo ideolóxico e social, e a promoción da lingua e a cultura galegas”.

O pleno aprobou tamén outra moción, impulsada polo BNG, na que se demanda á Xunta unha modificación do Plan Eólico de Galicia para declarar o Concello de Oroso “territorio libre de parques eólicos”.

Outro dos temas tratados na sesión foi a renuncia do concelleiro do BNG José Manuel Pérez Penas, que deixa a corporación. O alcalde Manuel Mirás agradeceulle “o traballo realizado durante todos estes anos, deixa vostede un bo recordo neste concello”.