subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inviste case 12.000 euros na construción dun parque infantil no campo da festa de Villarromariz.


orosoOs nenos e nenas da parroquia de Villarromariz contan desde esta semana cun novo parque infantil, emprazado no campo da festa da parroquia e no que o Concello de Oroso investiu case 12.000 euros. O alcalde orosán, Manuel Mirás Franqueira, explica que “aproveitamos sinerxias e fixemos este novo parque infantil coa nosa brigada de obras, polo que ao Concello saíulle moito máis económico”.

O novo parque infantil conta cun caucho continuo na zona de xogos, un material duradeiro, limpo e seguro que facilita aos nenos e nenas a súa aprendizaxe á hora de camiñar e permite amortecer o golpe en caso de caída. Sobre este chan, o Concello de Oroso instalou uns bambáns, un balancín e unha gran estrutura de xogos con tobogán. O novo parque infantil complétase cun areeiro anexo para os máis pequenos e está emprazado a carón das árbores que rodean o campo da festa, para así proporcionar sombra aos usuarios.

Esta actuación súmase aos 15.000 euros investidos o pasado mes de xuño na mellora e ampliación do parque infantil do Paseo do Carboeiro (Sigüeiro). Unha actuación na que o Concello de Oroso substituíu o pavimento baixo os distintos xogos do parque que, despois de catro anos de uso, estaba comezando a levantarse nalgunhas zonas. A maiores, o Concello de Oroso aproveitou para facer actuacións de mantemento nos xogos infantís e instalar dúas novas propostas, dirixidas a nenos e nenas de entre 3 e 10 anos.