Premios da Gala da Cultura do Concello de Oroso 2018.
Documentación
Bases dos premios da Gala da Cultura
PRESENTACIÓN:
O Concello de Oroso, neste ano 2018, segue a considerar oportuna a creación dun recoñecemento ao mérito en distintas actividades culturais para galardoar deste xeito a quen destaque especialmente en cada unha delas.
Por este motivo, convócase para o venres 1 de xuño a quinta edición da Gala da Cultura, na cal se concederán as seguintes categorías de premios:
A. CATEGORIAS
- Recoñecemento Especial á Traxectoria no eido da cultura.
- Recoñecemento Especial á Promesa 2017, que despunte nalgunha categoría ou disciplina artística.
- Recoñecemento Especial á Asociación /Entidade 2017, que potencia a cultura no concello de Oroso.
- Recoñecemento Especial á Empresa polo seu apoio á cultura.
B. PREMIOS
Os premios non terán dotación económica ningunha. O/a galardoado/a recibirá unha placa e un diploma e os nomeados un diploma como recoñecemento ao seu labor cultural.
C. PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS
Poderán presentar candidaturas as institucións públicas ou privadas, persoas físicas, fundacións/asociacións, colexios profesionais, academias e personalidades de distintos ámbitos que posteriormente serán avaliadas polo xurado.
Para optar ao premio, deberá presentarse:
- Formulario oficial cuberto cos datos do/a candidato/a.
- O currículum vitae do/a candidato/a.
- Unha memoria ou motivo que detalle o labor desenvolvido polo/a candidato/a a través da actividade exercida e na que se detallen os premios acadados de ser o caso, publicacións e outra documentación que contribúa á xustificación dos méritos alegados, tales coma fotografías, vídeos das actividades ou actuacións desenvolvidas polos/as nomeados/as.
D. PRAZO DE PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS
O prazo para presentar as candidaturas dos distintos premiados será de quince días a partir da publicación das presentes bases.
E. LUGAR DE PRESENTACIÓN DAS CANDIDATURAS
As candidaturas presentaranse no Rexistro do Concello de Oroso, en horario de 08:30 a 14:00 horas de luns a venres.
F. CRITERIOS DE VALORACIÓN
- Para seleccionar a candidatura premiada, valorarase a entrega do/a candidato/a á súa actividade, así como os beneficios derivados dela para a sociedade e a repercusión da actividade dentro e fóra do concello.
- Para participar nesta convocatoria a persoa ou entidade da que se presente candidatura deberá estar vinculada ao concello de Oroso.
- As persoas premiadas na categoría Recoñecemento Especial á Traxectoria no eido da Cultura en edicións anteriores non poderán presentarse nas sucesivas. No resto de categorías poderán repetir presentación de candidaturas tanto as persoas premiadas como as nomeadas.
- As persoas nomeadas en edicións anteriores poderán repetir nomeamentos e ser premiadas en anos posteriores ata acadar premio se fose o caso.
G. XURADO
O xurado estará presidido polo Alcalde do Concello de Oroso (ou mediante DELEGACIÓN) e estará formado por un total de 9 membros designados por este co concelleiro de Cultura e especialistas nas categorías premiadas que non se presenten nesta convocatoria.
Constituirase un único xurado para todos os premios. O voto non se poderá delegar e as súas decisións serán inapelables.
A votación será mediante o sistema de papeleta.
O xurado poderá declarar o premio deserto nalgunha das categorías.
A resolución do xurado darase a coñecer na Gala da Cultura que terá lugar o 8 de xuño de 2018 ás 20:30 horas no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa de Sigüeiro.
H. DOCUMENTACIÓN ADXUNTA Á CANDIDATURA
Achegarase a seguinte documentación:
- Formulario oficial.
- Currículum vitae da persoa candidata.
- Memoria.
- Outra documentación.
- Fotografías da persoa candidata.