Concurso de receitas de entroido. "En galego sabe mellor".
Bases do Concurso
As bases polas que se rexerá o Concurso de receitas de Entroido “En galego sabe mellor” son:
PRIMEIRA:
Poderán participar todas as persoas interesadas, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos.
SEGUNDA:
O concurso está dirixido a adultos maiores de 16 anos.
TERCEIRA:
As receitas terán que ser típicas do Entroido, deberán estar escritas en lingua galega e presentarse mecanografadas. Así mesmo, deberase presentar o prato elaborado o día indicado pola organización.
CUARTA:
Valoraranse a presentación e a creatividade do prato, e a orixinalidade e a lingua da receita.
QUINTA:
Aceptaranse como máximo dúas receitas por participante.
SEXTA:
Os concursantes presentarán as súas receitas no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa, de luns a venres de 10:00 a 13:00h e de 17:00 a 20:30h e os sábados de 10:00 a 13:00h, tendo como data límite de presentación o 1 de marzo de 2011, antes das 13:00h. No día indicado pola organización (que será comunicado coa antelación suficiente) deberase presentar, ademais, o prato cociñado da casa.
SÉTIMA:
Requirirase presentar a seguinte documentación: a receita presentada no concurso, impresa en papel, co nome e os datos persoais do autor.
OITAVA:
O día 5 de marzo, ás 19.30h , terá lugar un acto de entrega de premios, ao cal poderán asistir todos os participantes e o público en xeral.
NOVENA:
Os premios dos gañadores serán os seguintes:
> Gañador: Cea para dúas persoas nun restaurante do Concello
> Finalista: Libro de cociña
Ademais, as súas receitas serán publicadas na páxina web do concello: www.concellooroso.com
DÉCIMA
A participación no concurso significa a aceptación destas bases.
Receita gañadora ano 2011. Loly Bello Nine
Filloa rechea de lacón con crema de queixo San Simón da costa
Ingrendientes para as filloas
- 2 ovos
- 150 ml. de auga mineral ou auga do cocido
- 150 grs. de fariña de trigo
- Sal
Elaboración das filloas.
Mesturamos todos os ingredientes ata conseguir unha mestura ben ligada e deixamos que repouse uns 5 minutos.
Untamos unha filloeira cunha pinga de aceite de oliva, deixamos que quente ben, e procedemos a botar cun cazo un pouco da mestura anterior, estendéndoa rapidamente pola tixola, deixámola que se doure e dámoslle a volta retirándoa rapidamente.
Ingrendientes para o recheo
- Lacón cocido
- Queixo San Simón da Costa
- Nata líquida
- Pementa
- Sal
Elaboración do recheo.
Cortamos o lacón en anacos finos.
Derretemos o queixo e engadimos a nata líquida, mesturamos ben os dous ingredientes, e finalmente engadimos sal e pementa ao gusto.
Abrimos a filloa, poñemos encima o lacón e botámoslle a salsa por enriba.
Nota: para a presentación do prato podemos utilizar unha redución de vinagre de Módena.
Receita finalista ano 2011. M. Mercedes Fernández González
Paus de Entroido
- 2 ovos
- 100 grs. azucre
- 100 ml. leite
- 100 ml. aceite de fritir unha pela de laranxa
- Raspa dun limón
- ½ kg. fariña ou algo máis
- 1 cullerada de lévedo
- Canela e azucre mesturados
Batemos os ovos, o azucre, o leite, o aceite de fritir a pela dunha laranxa e a raspa dun limón, engadimos a fariña co lévedo pouco a pouco ata ir formando unha masa fácil de traballar, amasamos, deixamos repousar unha media hora, facemos os paus ao noso xeito e fritimos en abundante aceite.
Botámoslle por riba azucre e canela mesturados.