Animación á Lectura.
No ano 2006 no concello de Oroso comezamos a dar os primeiros pasos na “Campaña de Animación á Lectura”, entendendo a animación á lectura como aquela actividade, ou conxunto de actividades, encamiñadas a espertar nos nenos/as, a curiosidade e o desexo de ler, incluso antes de saber ler, para tratar de tender pontes entre o neno e o libro. Tratamos de fomentar a lectura desde as primeiras idades, nunca desde a imposición, senón desde o afecto e o xogo. Trátase de desenvolver actividades que estimulen a curiosidade dos nenos/as cara ao libro, para que poidan descubrir a riqueza que estes encerran.
Obxectivos
- Fomentar o pracer pola lectura.
- Espertar a imaxinación e a fantasía do/a neno/a, ao introducilo/la en mundos fantásticos ou reais, case sempre descoñecidos.
- Enriquecer o vocabulario, favorecendo a expresión e a compresión oral así como a expresión escrita.
- Mellorar a elocución do/a neno/a.
- Favorecer a conversación e a comprensión.
- Adquirir novos coñecementos.
A campaña de animación á lectura lévase a cabo durante o curso académico, de outubro a maio, na Biblioteca Municipal, situada no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa.