subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Ordenanza municipal para a instalación e funcionamento de instalacións de telefonía móbil persoal e outros servizos de telecomunicacións e de difusión. (B.O.P. Nº40)


Exposición de motivos

O forte avance tecnolóxico e a liberalización do mercado experimentado nos últimos anos no campo das telecomunicacións tivo na telefonía móbil persoal unha das súas máis importantes repercusións, cun desenvolvemento tan considerable que, unido ó forte impacto que as súas instalacións teñen na paisaxe urbana e natural, e a carencia de normativa municipal específica, xustifican a elaboración e aprobación por parte de este Excelentísimo Concello de Oroso dunha Ordenanza Municipal propia para estes fins.

O proceso de implantación das operadoras e o rápido crecemento do mercado están creando unha serie de disfuncións que, como se dixo, provocan a necesaria intervención da administración local neste proceso.

Así, esta Ordenanza ten como obxectivo a regulamentación das condicións urbanísticas aplicables á localización, instalación e funcionamento dos elementos e equipos de telecomunicación, sempre dende a busca da maior protección tanto medioambiental como sanitaria.

En todo caso, a Administración favorecerá aquelas infraestructuras que produzan un menor impacto visual e ambiental sobre o entorno, velando para que as instalacións ofrezan un mínimo de garantía de salubridade na súa área de influencia.

Os concellos están lexitimados para a regulamentación desta Ordenanza de acordo coas competencias atribuídas no artigo 25.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local.

Ó amparo do disposto nos artigos 168 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do Solo de Galicia e o art. 10 do Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Disciplina Urbanística, estará sometida a licencia municipal a instalación no noso termo municipal de elementos e equipos de telecomunicación.

Sen prexuízo da regulación urbanística municipal contida nesta Ordenanza, será plenamente aplicable e de obrigado cumprimento a normativa sectorial específica reguladora do sector das telecomunicacións, constituída na actualidade basicamente pola Lei 11/1998, do 24 de abril, Xeral de Telecomunicacións, así como o Real Decreto de 1066/2001, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que establece as condicións de protección do dominio público radioeléctrico, restriccións ás emisións radioeléctricas e medidas de protección sanitaria fronte a emisións radioeléctricas.

O artigo 62 da Lei 11/1998, establece que o Goberno desenvolverá regulamentariamente as condicións de xestión do dominio público radioeléctrico, precisándose que en dito regulamento deberase incluí-lo procedemento de determinación dos niveis de emisión radioeléctricos tolerables. Este mandato foi debidamente atendido a través do xa referido Real Decreto 1066/2001, o cal establece uns límites de exposición, referidos os sistemas de radiocomunicacións, baseados na Recomendación do Consello da Unión Europea, do 12 de xullo de 1999, relativa á exposición do público en xeral a campos electromagnéticos. Ademais o Regulamento prevé mecanismos de seguimento dos niveis de exposición, mediante a representación de certificacións e informes por parte de operadores de telecomunicacións, así como a realización de plans de inspección.

Por último, sinalar que a intervención administrativa municipal no ámbito ambiental pode quedar condicionada á actuación normativa da Xunta de Galicia, mediante a Comisión correspondente, que determinará a incorporación definitiva deste tipo de instalacións ó anexo ou anexos máis apropiados do Decreto 2414/1961 de 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Actividades Molestas, Nocivas, Insalubres e Perigosas.

 

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

A presente Ordenanza regula as condicións de ubicación e instalacións da infraestructura de telecomunicacións no Concello de Oroso, constituídas por instalacións de telefonía móbil persoal e outros servicios de telecomunicacións e de difusión, a fin de compatibilizar a funcionalidade de tales elementos e equipos e a utilización polos usuarios dos servicios de telecomunicación cos niveis de calidade requiridos coas esixencias de preservación da paisaxe urbana e natural e de minimización da ocupación e o impacto que a súa implantación poidan producir.

Todo isto a través do establecemento das condicións de protección do dominio público radioeléctrico, a autorización, planificación e inspección de instalacións radioeléctricas en relación cos límites de exposición ás emisións, a avaliación de equipos e aparatos e o réxime sancionador aplicable.

Artigo 2. Autorización.

A instalación de equipos e elementos de telecomunicacións, ten que estar expresamente autorizada polo Concello de Oroso, e estará suxeita ó cumprimento das condicións que se establezan nesta Ordenanza, a que determinará cales de estas instalacións serán suxeitas a previa licencia municipal e o procedemento administrativo pertinente.

Artigo 3. Finalidade.

Esta Ordenanza ten por finalidade:

a) A protección da saúde dos cidadáns ante as posibles consecuencias que as ondas electromagnéticas poden ocasionar sobre a mesma.

b) A armonización do despregue das redes de radiocomunicación coa finalidade de protección no medio ambiente.

c) A integración das estacións base de telefonía móbil e outras estacións de radiocomunicacións no entorno urbanístico e territorial.

 

CAPÍTULO II

Programa de implantación e de desenvolvemento

Artigo 4. Plan de implantación e desenvolvemento.

As operadoras de radiocomunicación estarán suxeitas á aprobación dun Plan de Implantación e Desenvolvemento do conxunto de toda a rede que contemple as estacións fixas xa existentes e as previsións de implantación e desenvolvemento do conxunto de toda a súa rede dentro do termo municipal.

Dito plan proporcionará a información necesaria para a adecuada integración destas instalacións na ordenación medioambiental e territorial e asegurar o cumprimento das limitacións establecidas na lexislación vixente.

Artigo 5. Contido do Plan de Implantación e Desenvolvemento.

1. Con carácter xeral:

a. Esquema xeral da rede, indicando os principais modos e localización da cabeceira, enlaces e posibles alternativas.

b. Descrición dos servicios prestados e tecnoloxías utilizadas.

c. Programa e calendario de execución das novas instalacións.

2. Para cada emprazamento:

a. Disposición do terreo, accesos e suministros.

b. Calificación urbanística do chan, afeccións medio ambientais e ó patrimonio histórico-artístico.

c. Posibilidade de uso compartido.

d. Definición da tipoloxía das instalacións para cada emprazamento, mencionando: a xustificación da solución técnica proposta, altura do emprazamento e altura das antenas do sistema radiante, área de cobertura, marxe de frecuencias e potencia de emisión, número e tipo de antenas, así como calquera outro requisito de carácter técnico esixido pola lexislación vixente.

e. Previsión das áreas de nova implantación de equipos xustificando a cobertura territorial prevista.

f. Incidencia dos elementos visibles da instalación sobre os elementos que se consideran protexidos e que afecten á paisaxe urbana ou ó entorno medioambiental nos supostos nos que a ubicación se realice en solo non urbanizable.

3. A información gráfica sinalará os lugares de emprazamento, con coordenadas UTM e sobre a cartografía seguinte:

a) A escala 1:25.000 para instalacións que se empracen na demarcación non urbana.

b) A escala 1:2.000 para as instalacións que se empracen na demarcación urbana.

4. A presentación do Plan de Implantación e Desenvolvemento farase por triplicado e deberá acompañarse da correspondente solicitude cos requisitos formais de carácter xeral que determina a Lei 30/1992, do 26 de novembro, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e o Procedemento Administrativo Común.

Artigo 6. Criterios de implantación.

6.1. Criterios de implantación.

Na planificación das instalacións radioeléctricas, os titulares destas deberán ter en consideración, entre outros criterios, os seguintes:

a) O emprazamento, características e condicións de funcionamento das estacións radioeléctricas deben minimiza-los niveis de exposición do público en xeral ás emisións radioeléctricas con orixe tanto nestas como, no seu caso, nas terminais asociados a estas, mantendo unha adecuada calidade do servicio.

b) Os plans de implantación faranse axustar ós correspondentes proxectos técnicos, aprobados polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, cando se trata de servicios finais ou portadores e de difusión de conformidade co que prevén os artigos 13, 14, 17, 25 e 26 da Lei de ordenación das telecomunicacións.

c) As empresas operadoras presentarán un seguro de responsabilidade civil que cubra de maneira ilimitada posibles afectacións ós bens ou ás persoas. Este seguro cubrirá cada instalación, e non poderá ser un seguro xenérico da totalidade destas.

d) No caso de instalación de estacións radioeléctricas en cubertas de edificios residenciais, os titulares de instalacións radioeléctricas procurarán, sempre que sexa posible, instala-lo sistema emisor de maneira que o diagrama de emisión non incida sobre o propio edificio, terraza ou ático.

e) A compartición de emprazamentos podería estar condicionada pola conseguinte concentración de emisións radioeléctricas.

f) De maneira particular, o emprazamento, características e condicións de funcionamento das estacións radioeléctricas debe minimizar, na súa maior medida posible, os niveis de emisión sobre espacios sensibles, tales como escolas, centros de saúde, hospitais ou parques públicos.

g) As instalacións deberán respectar, tanto pola súa composición e cor como polos materiais a empregar, o carácter do lugar en que se coloquen, tendo o menor tamaño e complexidade, que permita así a máxima reducción do impacto visual, conseguindo o adecuado mimetismo coa paisaxe arquitectónica urbana.

h) Non se permitirán estas instalacións sobre espacios especialmente sensibles tales como escolas infantís, centros educativos, hospitais, centros de saúde, residencias xeriátricas ou parques urbanos públicos, nin en parcelas ou edificacións lindantes con estes, debendo en todo caso, situarse a unha distancia non inferior a 100 metros a calquera lindeiro da parcela.

6.2. Condicións da instalación.

6.2.a. As instalacións situaranse de forma que, na medida do posible, se impida a súa visión desde a vía pública e non se dificulte a circulación pola cuberta.

6.2.b. Cumpriranse, en todo caso, as seguintes condicións:

1. Prohíbese a colocación de antenas sobre soporte apoiado no peitoril de remate dun edificio.

2. As antenas terán a altura mínima posible para permiti-la operatividade do servicio. En calquera caso o conxunto formado polo mastro e a antena non poderá exceder de 8 metros sobre a envolvente da cuberta, agás nos casos en que se xustifique tecnicamente a necesidade de superar esa altura máxima.

3. O recuamento mínimo de calquera elemento integrante destas instalacións será de 3 metros con respecto ó perímetro do edificio sobre o que se sitúa.

4. En edificios de menos de 10 metros de altura non se permitirá a instalación de estacións de telefonía móbil.

6.2.c. Na instalación de recintos colectores vinculados funcionalmente a unha determinada estación base de telefonía situados sobre a cuberta de edificios ou construccións cumpriranse as seguintes regras:

1. Non serán accesibles ó público en xeral.

2. En ningún caso a instalación comprometerá a seguridade estructural do edificio nin a dos seus habitantes.

3. A superficie da planta non excederá de 25 m2 e a altura máxima será de 3 metros.

4. Poderán estar situados nos locais da planta baixa do edificio, baixos porticados de uso privado e baixo cuberta.

Non se permitirá a súa instalación sobre as ás dunha cuberta inclinada nin sobre casetóns de ascensores; en caso de ser necesario admitirase a súa situación sobre a cuberta con caída á parte oposta a fachadas exteriores, a patios interiores ou de quinteiro cando sexa visible dende a vía pública.

5. A situación do colector non dificultará a circulación necesaria para a realización dos traballos de conservación e mantemento do edificio ou das súas instalacións.

6.2.d. Excepcionalmente poderá admitirse a instalación de antenas nas fachadas dun determinado edificio sempre que, polas súas reducidas dimensións, direccionalidade do faz de emisión e condicións de localización, resulten acordes coa composición da fachada e non supoñan un menoscabo no seu ornato e decoración nin un impacto ambiental; e sempre que se sitúen a máis de 30 metros respecto de calquera outro edificio existente, con ocupación habitual ou ocupacional, por enriba dun plano situado a 6 metros das zonas ou plantas habitadas deste último. As distancias haberá que consideralas desde o sistema radiante, sempre na dirección de máxima radiación.

En calquera caso cumpriranse as seguintes regras:

1. Situaranse por debaixo do nivel de cornixa sen afectaren a elementos ornamentais do edificio

2. As antenas colocaranse de forma que queden pegadas á fachada do edificio.

3. O trazado da canalización ou cable integrarase harmonicamente na fachada e a súa cor adaptarase á do parámetro correspondente.

4. O colector situarase nun lugar non visible.

Artigo 7. Instalación de antenas de telefonía móbil situadas sobre mastros ou estructuras soporte apoiadas sobre o terreo.

1. As localizacións autorizadas serán:

a.-Sen prexuízo do disposto nos artigos seguintes, a instalación de antenas de telefonía móbil obxecto deste artigo só será admisible nos lugares autorizados expresamente polo Concello de Oroso. Para estes efectos, o Concello resérvase o dereito de dispor de localizacións no seu termo municipal para este tipo de instalacións.

b.-Gardarán unha distancia mínima de 15 metros a calquera lindeiro de parcela. A altura máxima total do conxunto formado pola antena e a súa estructura soporte non excederá de 35 metros.

Para poder autorizar unha localización situada a unha distancia inferior á indicada, ou instalacións de maior altura, deberase xustificar expresamente a súa necesidade, así como a idoneidade da localización elixida, podendo ser condicionada a súa autorización ó cumprimento de especiais condicións de implantación, especialmente paisaxísticas e de camuflaxe.

En calquera caso, non deberán situarse a menos de 100 metros de ningunha vivenda ou calquera edificio con ocupación habitual.

2. No solo urbanizable, sen Plan parcial aprobado, só se admitirá a implantación destas instalacións con carácter provisional.

3. Para autorizar calquera instalación que se pretenda en solo rural non urbanizable deberase acreditar non só a compatibilidade cos usos previstos e a comprobación da legalidade vixente, senón fundamentalmente a adopción de tódalas medidas que resulten oportunas ó obxecto de garanti-la preservación do contorno rural e ambiental, minimizando ó máximo o seu impacto sobre este.

Na zona rural, será necesario gardar unha distancia mínima de 300 metros entre dúas instalacións deste tipo, e non menos de 100 metros de calquera vivenda, adoptando as medidas oportunas para reduci-lo impacto paisaxístico.

Para estes efectos, e respectando en todo caso as condicións establecidas nesta ordenanza, potenciarase o posible o uso compartido de infraestructuras.

Para poder autorizar unha localización situada a unha distancia inferior á indicada, deberase xustificar expresamente a súa necesidade, así como a idoneidade da localización elixida, podendo ser condicionada a súa autorización ó cumprimento de especiais condicións de implantación, especialmente paisaxísticas e de camuflaxe.

4. En polígonos industriais as instalacións deberán respectar, na medida do posible, as distancias mínimas a lindeiros e demais normativa aplicable, colocándose o recinto colector pegado ás naves ou edificación existentes e, con carácter xeral, deberán distar un mínimo de 100 metros de instalacións similares.

Cando o polígono limite con solo residencial, a distancia mínima a este lindeiro non será inferior á altura da instalación.

Artigo 8. Tramitación.

O Plan de implantación será sometido ó trámite previsto no Decreto 2414/1961, de 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas (RAMINP).

Na tramitación será preceptivo o informe favorable de quen teña atribuída as competencias urbanísticas e medio ambientais do Concello.

A competencia para resolver a petición corresponde ó Alcalde ou ó Organo que legalmente teña atribuída a competencia para o outorgamento de licencias de actividade.

A aprobación deste Plan de Implantación será condición indispensable para que o Concello de Oroso poida outorga-las licencias pertinentes para o establecemento das instalacións. A concesión dunha licencia municipal sen a previa aprobación administrativa do Plan será nula de pleno dereito.

Artigo 9. Actuación e modificación do Plan de Implantación.

As operadoras deberán comunicar calquera modificación ó contido do Plan de Implantación presentado, solicitando, no seu caso, ó órgano competente para a súa aprobación a súa actualización e correspondente aprobación para poder proceder a facer efectivos ditos cambios.

Artigo 10. Vixencia.

Os Plans de Implantación terán unha vixencia de dous anos. Transcorrido este prazo, os operadores adaptarán o plan ou presentarán un novo de cobertura actualizada.

En todo caso non se autorizará ningunha instalación que non cumpra as determinacións que se establecen no anexo que se incorpora á presente Ordenanza.

 

CAPÍTULO III

Límites de exposición, condicións tecnolóxicas de protección ambiental e de seguridade das instalacións

Artigo 11. Límites de exposición ás emisións radioeléctricas. Restriccións básicas e niveis de referencia.

En cumprimento do disposto no artigo 62 da Lei 11/1998, de 24 de abril, Xeral de Telecomunicacións, e en desenrolo da Lei 14/1986, de 25 de abril, Xeral de Sanidade, de acordo coa Resolución do Consello de Ministros de Sanidade da Unión Europea, de 12 de xullo de 1999, e co fin de garanti-la axeitada protección da saúde do público en xeral, aplicaranse os límites de exposición que figuran no Anexo II do Real Decreto 1066/2001, de 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que establece condicións de protección do dominio público radioeléctrico, restriccións ás emisións radioeléctricas e medidas de protección sanitaria fronte a emisións radioeléctricas.

Os límites establecidos cumpriranse nas zonas nas que poidan permanecer habitualmente as persoas e na exposición ás emisións dos equipos terminais, sen prexuízo do disposto noutras disposicións específicas no ámbito laboral.

Artigo 12. Normas de protección ambiental. Prohibicións e limitacións ás instalacións.

Queda prohibida a presencia de instalacións de radiocomunicación en centros hospitalarios e xeriátricos, centros educativos, escolas infantís e en todos aqueles espacios que se definan regulamentariamente como de especial risco.

Con carácter xeral e, sen prexuízo da normativa específica, non poderán establecerse instalacións de radiocomunicación nos bens inmobles de interese cultural declarados monumentos pola Lei do Patrimonio Histórico e nos espacios naturais protexidos calificados coa categoría de Microrreservas e Monumentos Naturais pola Lei de Conservación da Natureza.

Limitaranse as instalacións nos conxuntos histórico - artísticos, zonas arqueolóxicas e xardíns declarados como bens de interese cultural, así como no resto de categorías de espacios naturais protexidos, obrigándose a incorpora-las medidas de mimetización ou as solucións específicas que minimicen o espacio visual.

Artigo 13. Outras restriccións ós niveis de emisións radioeléctricas.

Sen prexuízo da remisión que se realizou no artigo 11 ós límites de exposición ás emisións radioeléctricas contempladas no artigo 6 do Real Decreto 1066/2001 a estación radioeléctrica virá limitada nos seus niveis de emisión por calquera das seguintes condicións:

a) A existencia de interferencias perxudiciais ou incompatibilidades con outros servicios de telecomunicacións previamente autorizados ou con outros servicios públicos esenciais.

b) As limitacións impostas polo Cadro Nacional de Atribución de Frecuencias.

c) A existencia, fora da zona de servicio autorizada á estación de niveis de intensidade de campo electromagnético superiores ós máximos establecidos.

Artigo 14. Emprazamentos compartidos.

O Concello, de forma xustificada, por razóns urbanísticas, medioambientais ou paisaxísticas, e dando audiencia ós interesados, establecerá a obriga de compartir emprazamento por parte das diferentes operadoras, seguindo os trámites previstos na normativa estatal sobre utilización compartida de instalacións de telecomunicacións, de acordo cos Plans de desenrolo propostos. En todo caso, a obriga de compartir pódese desestimar se as operadoras xustifican a imposibilidade técnica ou o Concello considera que o impacto medioambiental ou visual do uso compartido poida ser superior ó de instalacións de radiocomunicación que se pretendan instalar separadamente. No caso de uso compartido, o custe do uso deberá asumirse integramente polas empresas operadoras de servicios de radiocomunicación, exercendo o Concello funcións de arbitraxe en caso de desacordo.

 

CAPÍTULO IV

Réxime xurídico das licencias sometidas a esta ordenanza

Artigo 15. Determinados requisitos para a autorización referidos ás actividades calificadas.

1. Os operadores que establezan redes soporte de servicios de radiodifusión sonora e televisión e os titulares de licencias individuais, presentarán un estudio detallado, realizado por técnico competente, que indique os niveis de exposición radioeléctrica en áreas cercanas as súas instalacións radioeléctricas nas que poidan permanecer habitualmente persoas.

Os mencionados niveis de exposición, valorados tendo en conta o entorno radioeléctrico, deberán cumpri-los límites establecidos no Anexo II do Real Decreto 1066/2001, ó que xa nos remitimos no artigo 11 desta Ordenanza.

O citado estudio será presentado ante el Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, incorporado no proxecto ou proposta técnica necesarios para solicita-la autorización das instalacións radioeléctricas, segundo o establecido no Capítulo I, Título III, da Orde de 9 de marzo de 2000, pola que se aproba o Regulamento de desenrolo da Lei 11/1998, de 24 de abril, Xeral de Telecomunicacións, no relativo ó uso do dominio público radioeléctrico.

2. Os operadores e titulares de licencias individuais presentarán, simultaneamente e de xeito complementario ó estudio citado, un proxecto de instalación de sinalización e, no seu caso, vallado que restrinxa ó acceso do persoal non profesional a zonas nas que puideran superarse as restriccións establecidas no xa referido Anexo II. Dita sinalización ou vallado instalarase de xeito previo á posta en servicio da instalación radioeléctrica.

3. Sen prexuízo do establecido no apartado primeiro deste artigo, a aprobación definitiva das instalacións estará condicionada á non superación dos límites de exposición xa especificados.

4. Non poderán establecerse novas instalacións radioeléctricas ou modificarse as existentes cando o seu funcionamento supoña a superación dos límites de exposición permitidos.

Artigo 16. Aprobación do plan de implantación

Na solicitude e tramitación das licencias urbanísticas para as instalacións de radiocomunicación en calquera clase de solo, a mencionada licencia soamente poderase outorgar previa aprobación do Plan de Implantación e sempre que este Plan se axuste as súas previsións ou ás progresivas actualizacións.

Artigo 17. Suxeición a licencia.

1. Conforme ós artigos 168 da Lei 1/1997, de 24 de marzo, do Solo de Galicia (LSG), e o artigo 10 do Decreto 28/1999, de 21 de xaneiro, polo que se aprobou o Regulamento de Disciplina Urbanística para o Desenrolo e aplicación do LSG, estará sometida a licencia municipal a instalación con obra, no seu caso, dos equipos de telecomunicación.

2. Ós efectos previdos nesta Ordenanza, as actividades nela reguladas se clasifican en :

- Actividades inocuas.

- Actividades calificadas

3. Son actividades inocuas as actuacións que teñen por obxecto a instalación de antenas de telefonía de reducidas dimensións, estacións para usuarios de telefonía fixa con acceso vía radio, contedores de nodos finais de redes de telecomunicacións por cable, antenas receptoras de sinais de radiodifusión sonora e televisión, estacións de radioaficionados, así como a instalación en fachadas de cables ou canalizacións pertencentes a redes de telecomunicacións por cable.

4. Son actividades calificadas as actuacións que teñen por obxecto a instalación de estacións de base de telefonía, así como aquelas que teñen por obxecto a instalación dos equipos e elementos pertencentes a estacións emisoras, repetidores, reemisoras dos servicios de radiodifusión sonora e televisión e a instalación de estacións de radioenlaces e radiocomunicacións para uso exclusivo dunha soa entidade.

Artigo 18. Licencias no solo non urbanizable.

Requisitos para a petición e tramitación das solicitudes de licencia urbanística para as instalacións de radiocomunicación en solo non urbanizable.

1. A tramitación axustarase ó establecido nesta Ordenanza con carácter xeral, coa salvedade referida no apartado seguinte.

2. O Concello trasladará o expediente ó Órgano da Consellería de Política Territorial e Urbanismo competente na materia. O Concello emitirá un dictame sobre as solicitudes de licencia en solo non urbano e nel se fará constar todo o referido ó impacto ou afectación da instalación sobre o medio e a proximidade a vivendas ou zonas habitadas. O informe será negativo se non se cumpren como mínimo, as distancias esixidas para as instalacións en solo urbano.

Artigo 19. Disposicións particulares aplicables ás actividades calificadas.

1. Ademais da documentación requirida con carácter xeral polas normas de procedemento do PXOU que sexa necesaria e congruente coa natureza e características da instalación, de que se trate, requirirase a presentación de proxecto técnico asinado por técnico competente e visado polo correspondente colexio de profesional no que se inclúa, como mínimo, a seguinte documentación.

1.1 Estudio de calificación ambiental que describa con detalle a posible incidencia da súa implantación e funcionamento no medio natural exterior e interior das edificacións e construccións do seu entorno, con indicación dos seguintes datos:

- Acreditación do cumprimento das normas e directrices dictadas polos órganos competentes da Administración do Estado en materia de saúde ambiental. A estes efectos, aportarase a xustificación da aprobación do Proxecto Técnico polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía.

- Impactos ambientais producidos por ruídos e vibracións e pola expulsión forzada de aire quente ou viciado.

- Impacto visual na paisaxe arquitectónico urbano

- Medidas correctoras que se propoñen adoptar para eliminar ditos impactos e o grao de eficacia previsto.

1.2 Documentación gráfica ilustrativa do impacto visual da instalación dende o nivel da vía pública e xustificativa da localización e da solución de instalación na que se inclúan:

a) Fotomontaxes:

- Frontal de instalación (cando fose posible)

- Lateral dereito: dende a beirarrúa contraria da vía, a 50 metros da instalación.

- Lateral esquerdo: dende a beirarrúa contraria da vía, a 50 metros da instalación.

b) Plano, a escala axeitada, da localización da instalación e do trazado cableado ( a súa situación nos trazados verticais e horizontais), se se realiza a instalación en fachada exterior.

1.3 Farase fará referencia ó Plan de Implantación previamente aprobado que contemple as características da instalación para a que se solicita a licencia.

1.4 Medidas correctoras adoptadas para a protección contra as descargas eléctricas de orixe atmosférico.

1.5 Declaración ou compromiso de mante-la instalación en perfectas condicións de seguridade, estabilidade e ornamentación.

2. Será preceptivo o informe favorable dos servicios municipais competentes en materia de medio ambiente, de patrimonio histórico e estética urbana e, cando proceda segundo a normativa sectorial aplicable, o informe dos órganos ou institucións competentes en materia de protección do patrimonio histórico - artístico natural.

Artigo 20. Disposicións particulares aplicables ás actividades inocuas.

1. Coas solicitudes de licencia relativas ás actividades definidas como inocuas e que, conforme co artigo 17 desta Ordenanza precisen de licencia municipal, aportarase a seguinte documentación:

a) Solicitude de impreso regulamentario

b) Memoria descritiva e xustificativa das obras e instalacións con fotomontaxes e simulación gráfica do impacto visual na paisaxe arquitectónico urbano.

c) Planos a escala axeitada das obras e das instalacións, da localización da instalación na construcción ou no edificio e do trazado do cableado se a instalación proxectada se realizara na fachada exterior.

d) Certificación da acreditación oficial da empresa responsable das obras e instalacións.

2. Concederase simultaneamente a licencia que autorice as obras e a que autorice a instalación e o funcionamento da actividade ou instalación nas condicións reflectidas no documento da licencia, sen prexuízo das comprobacións que a administración municipal considere procedente realizar no exercicio das facultades de control e de disciplina que a normativa vixente lle outorga.

Artigo 21. Disposicións de carácter xeral.

1. A documentación que se acompañará á solicitude, da que se xuntarán tres copias, presentarase no Rexistro Xeral do Concello. Esta documentación acompañarase da documentación acreditativa do cumprimento das obrigas tributarias que determinen as Ordenanzas Fiscais correspondentes.

2. A falta desta documentación a que fai referencia o artigo anterior deberá solucionarse no prazo de 10 días a partires da notificación que sobre estes efectos emita o Concello ó interesado. A non subsanación en prazo comportará a desestimación da solicitude.

3. As licencias para a instalación de servicios de radiocomunicación poderán revisarse a instancia do Concello cando transcorran como mínimo, dous anos dende a súa autorización ou última revisión, sempre que a evolución tecnolóxica faga posible aplicar solucións que diminúan o impacto visual ou as modificacións do entorno fagan necesario reducir aquel impacto.

4. A competencia para resolve-la petición corresponde o Alcalde - Presidente. A resolución concedendo ou denegando a licencia urbanística deberá dictarse no prazo dun mes dende a entrada da solicitude no Rexistro. O cómputo do prazo de resolución quedará en suspenso durante o prazo que se conceda ó interesado para solucionar deficiencias, prazo de suspensión que non poderá exceder de tres meses.

 

CAPÍTULO V

Inspección, revisión e conservación

Artigo 22. Inspección e certificación das instalacións radioeléctricas.

1. Será requisito previo á utilización do dominio público radioeléctrico por parte dos operadores, a inspección ou recoñecemento satisfactorio das instalacións polos Servicios Técnicos do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, nos termos establecidos no artigo 65 da Lei 11/1998, de 24 de abril, Xeral de Telecomunicacións.

2. As instalacións radioeléctricas realizaranse por instaladores de telecomunicacións inscritos, para o tipo correspondente de Telecomunicación, segundo o disposto no Real Decreto 279/1999, de 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento Regulador das Infraestructuras Comúns de Telecomunicacións para o Acceso ós Servicios de Telecomunicación no Interior dos Edificios e da Actividade de Instalación de Equipos e Sistemas de Telecomunicacións.

3. Os titulares de licencias individuais, deberán remitir ó Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, no primeiro trimestre de cada ano natural, unha certificación emitida por técnico competente de que se respectaron os límites de exposición establecidos no artigo 11 desta Ordenanza durante o ano anterior, de acordo co establecido na orde CTE/23/2002, de 11 de xaneiro, pola que se establecen condicións para a presentación de determinados estudios e certificacións por operadores de servicios de radiocomunicacións.

Artigo 23. Conservación e revisión.

Os operadores están obrigados a mante-las súas instalacións nas debidas condicións de seguridade, estabilidade e conservación, así como a incorpora-las melloras tecnolóxicas que aparezan e contribuír a reduci-los niveis de emisión dos sistemas de radiantes e a minimiza-lo impacto ambiental e visual de acordo cos fins desta Lei.

Os operadores terán que revisa-las instalacións anualmente, notificando no prazo de tres meses á Consellería competente a acreditación de dita revisión.

Os titulares das instalacións estarán obrigados a subsana-las deficiencias de conservación nun prazo máximo de quince días a partires da notificación da irregularidade. Cando existan situacións de perigo para as persoas ou bens, as medidas deberán de adoptarse de forma inmediata.

Nos supostos de cese definitivo da actividade ou existencia de elementos da instalación en desuso, o operador, ou no seu caso, o propietario das instalacións deberán realizar as actuacións necesarias para desmantelar e retira-los equipos de radiocomunicación ou seus elementos, e deixa-lo terreo, a construcción ou edificio que sirva de soporte a dita instalación, no estado anterior ó establecemento dos mesmos.

Cando os servicios municipais detecten un estado de conservación deficiente, comunicarallo ós titulares da licencia para que adopten as medidas oportunas no prazo de quince días ou inmediatamente en caso de urxencia. De non ser así, a instalación poderá ser retirada polos servicios municipais, a cargo do obrigado.

Artigo 24. Obrigados ó cumprimento.

Quedan especificamente obrigados ó cumprimento da presente Ordenanza as empresas operadoras de telefonía móbil persoal e doutros servicios de telecomunicación e difusión, titulares das instalacións e antenas.

En caso de incumprimento dos preceptos desta Ordenanza, os servicios técnicos municipais poderán ordena-la adopción das medidas que acaden o efecto de restaura-la legalidade infrinxida, segundo o que establece o Regulamento de Disciplina Urbanística de Galicia e demais normativa urbanística aplicable.

As ordes de desmontaxe e retirada das instalacións de antenas realizaranse por empresas titulares da instalación no prazo máximo de quince días ou inmediatamente en caso de urxencia.

As medidas de execución subsidiaria son independentes e compatibles coas que se poidan impoñer en concepto de sanción.

 

CAPÍTULO VI

Réxime de protección da legalidade e sancionador das infraccións.

Artigo 25. Protección da legalidade.

1. As accións ou omisións que vulneren o disposto nesta Ordenanza poderán motivar a adopción das medidas que a continuación se establecen:

a) Restitución da orden urbanístico vulnerado

b) Imposición de multas ós responsables trala tramitación do correspondente procedemento sancionador.

2. En todo caso, a Administración municipal adoptará as medidas tendentes a repoñe-los bens afectados ó estado anterior á producción da situación ilegal.

Artigo 26. Infraccións e sancións.

As sancións ou omisións que vulneren o disposto nesta ordenanza respecto das normas urbanísticas sobre localización, instalación e funcionamento dos equipos de telecomunicación constitúen infraccións urbanísticas que serán sancionadas de conformidade co establecido na normativa urbanística vixente e nos artigos seguintes.

Artigo 27. Clasificación das infraccións.

1. As accións ou omisións que vulneren o disposto nesta Ordenanza constitúen infraccións urbanísticas que poden ser cualificadas como moi graves, graves ou leves:

2. Son infraccións moi graves:

- A construcción de instalacións que non estean incluídas nos Plans de Implantación.

- O funcionamento da actividade superando os niveis máximos de emisión de radiacións e distancias de seguridade legalmente vixentes.

3. Son infraccións graves:

- A instalación con obras, no seu caso, sen licencia dos equipos de telecomunicación ós que se refire o artigo 17 desta Ordenanza.

- O funcionamento da actividade cos seus equipos de comunicacións ós que se refire o artigo 17.4 desta Ordenanza sen respecta-las condicións que figuren incorporadas á autorización ou licencia concedida.

- O incumprimento dos deberes de conservación, certificación, revisión e retirada das instalacións dos equipos de telecomunicacións ós que se refiren los artigos 22 e 23 desta Ordenanza.

- O incumprimento dos prazos de adecuación das instalacións existentes establecidos na Disposición Transitoria Única do Real Decreto 1066/2001, de 28 de setembro.

4. Son infraccións leves:

- As accións ou omisións que vulneren o disposto nesta Ordenanza relativas á instalación de equipos de telecomunicacións ós que se refire o seu artigo 15.3

- En todo caso, cando no procedemento sancionador se demostre a escasa entidade do dano producido ós intereses xerais, as accións ou omisións que vulneren o disposto nesta Ordenanza serán cualificadas como infraccións leves.

Artigo 28. Sancións.

1. A determinación das sancións que corresponda impoñer por comisión das infraccións tipificadas nesta ordenanza realizaranse da seguinte maneira:

a) Sancionarase con multa do 1% ó 5% do valor da obra, instalación ou actuación realizada, a comisión das infraccións leves ás que se refire o artigo 27.4 da Ordenanza.

b) Nos supostos previstos no seu artigo 27.3 aplicaranse as seguintes:

- Serán sancionados con multa do 1% ó 15% do valor das obras complementarias que fose necesario realizar para cumpri-los deberes contemplados nos artigos 22 e 23 desta Ordenanza, calculado polos servicios técnicos municipais.

- Serán sancionados con multa do 5% ó 15% do valor da instalación, calculado polos servicios técnicos municipais, os que realicen as actuacións previstas nesta ordenanza sen licencia, sempre que ditas actuacións fosen legalizables.

- Serán sancionadas con multa do 15% ó 30% do valor da instalación, calculado polos servicios técnicos municipais, os que realicen as actuacións previstas nesta ordenanza sen licencia, sempre que ditas actuacións non fosen legalizables.

- Serán sancionados con multa do 15% ó 30% do valor da instalación, calculado polos servicios técnicos municipais, os que non adecúen as instalacións existentes dentro dos prazos establecidos na Disposición Transitoria Única do Real Decreto 1066/2001, de 28 de setembro.

c) Sancionarase con multa do 30% ó 50% do valor da obra, instalación ou actuación realizada, a comisión das infraccións moi graves ás que se refire o artigo 27.2 da Ordenanza

As actuacións reguladas nesta Ordenanza que a pesar de estares amparadas nunha licencia, se realicen en contra das condicións por ela impostas serán consideradas, ós efectos de aplicación do réxime de protección da legalidade e sancionador das infraccións correspondentes, como actuacións sen licencia e se impoñerá a sanción de acordo cos criterios establecidos nos apartados anteriores.

Artigo 29. Suxeitos Responsables.

Das infraccións ás que fai referencia esta Ordenanza serán responsables:

a) A empresa instaladora ou a persoa física ou xurídica que dispuxera a colocación da instalación.

b) O director técnico das obras de instalación.

c) O propietario ou comunidade de propietarios do edificio ou terreos en dondo se ubique a antena e demais elementos de instalación.

Artigo 30. Criterios para a graduación das sancións.

Para a graduación das sancións a aplicar se considerarán os seguintes criterios:

a) A existencia ou non de intencionalidade.

b) O resarcimento dos posibles prexuízos ocasionados con anterioridade ó acordo de inicio do expediente sancionador.

c) A subsanación das deficiencias causantes das infraccións durante a tramitación do expediente sancionador.

d) A natureza dos prexuízos ocasionados.

e) A reincidencia, entendendo por tal a comisión de máis dunha infracción da mesma natureza, no prazo dun ano a contar dende a firmeza da resolución da primeira.

Artigo 31. Suspensión do funcionamento da instalación.

Por razóns de seguridade, a Administración poderá acordar, tanto durante a tramitación do procedemento, como previamente a súa iniciación, como medida provisional, a suspensión do funcionamento da instalación.

Artigo 32. Aplicación das sancións e prescrición.

No relativo á aplicación das sancións previstas nesta Ordenanza, e á prescrición das infraccións tipificadas nela, estarase ó establecido sobre o particular na normativa urbanística vixente en Galicia e á restante de aplicación.

 

ANEXO

Área de protección o distancias mínimas en zonas abertas e de exposición ou uso continuado a cumprir polas antenas sectoriais do tipo de telefonía móbil.

Neste anexo inclúense unhas restriccións adicionais de protección a cumprir naquelas zonas abertas, sen protección de edificacións, onde exista un uso e exposición continuada para as persoas.

Estas restriccións adicionais implican a determinación dun área de protección en forma de paralelepípedo cunhas distancias mínimas ós sistemas radiantes ( 10 m x 6 m x 4 m), para dar maior garantía de preservación do espacio vital das persoas.

Paralelepípedo de protección: É un paralelepípedo trazado a partir do extremo da antena na dirección de máxima radiación (figura 1).

No interior deste paralelepípedo non poderá existir ningunha zona de paso onde exista un uso e exposición continuada para as persoas. No caso de que dicho volume de protección coincida con algunha zona de paso, será obrigatorio modifica-la posición do sistema radiante.

As distancias haberá que consideralas desde o sistema radiante, sempre na dirección de máxima radiación.