subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Ordenanza reguladora do servicio de subministración de auga corrente. (B.O.P. Nº 173)


 

Preámbulo.

 

A subministración de auga é un servicio de competencia municipal (artigo 25.2.1 da LBRL e 80.2.1 da LALG)) e de prestación obrigatoria (artigo 26.1.a da LBRL e 81.a da LALG) para tódolos concellos. O artigo 86.3 da LBRL declárao como servicio esencial reservado, xunto coa depuración de augas, a prol das entidades locais.

Para a elaboración desta ordenanza débense ter en conta as disposicións que,con carácter xeral, conteñen os artigos 7, 33 e 34 do RSCL, e no tocante á prestación por medio de concesión, o 115 e seguintes do devandito regulamento. Concretamente, en canto á subministración de auga, cómpre cita-la Orde do Ministerio de Industria e Enerxía, do 9 de decembro de 1975 (BOE 13.1.76), que regula as normas básicas para as instalacións interiores de subministración de auga, ademais do Decreto da Xunta de Galicia 204/1994, do 16 de xuño (DOG do 6.7.94), que se ocupa das instalacións interiores de subministración de auga nos artigos 7 a 19 e o Real decreto 140/2003, do 7 de febreiro, dos criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano (BOE 21.2.2003). Por razóns de analoxía, tamén se debe consulta-lo Regulamento de verificacións eléctricas aprobado por Decreto do 12 de marzo de 1954 (BOE 15.4.1954), aínda que se deben ter en conta a disposición derrogatoria e as disposicións transitorias da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

 

CAPÍTULO I

Normas xerais

 

Artigo 1.-Obxecto.

1. Esta ordenanza contén a normativa do servicio público de subministración de auga corrente do Concello de Oroso.

2. Denomínase usuario ou abonado calquera persoa física ou xurídica que teña contratado o servicio municipal de subministración de auga corrente.

3. Denomínase entidade subministradora quen efectivamente realice a xestión e servicio material da subministración de auga; nesta ordenanza tamén se chamará simplemente entidade ou subministrador.

4. Denomínase servicios técnicos a unidade administrativa que o Concello determine como responsable do servicio en canto ás tarefas de planificación, control, inspección técnica ou calquera outra de policía sobre o servicio e a súa xestión técnica.

Artigo 2.-Natureza xurídica do servicio.

1. A subministración de auga corrente nos territorios delimitados do termo municipal de Oroso é un servicio público municipal do que é titular o Concello de Oroso.

2. O Concello ten as potestades de:

a) inspeccionar e controla-los actos e traballos que realice a entidade subministradora, ademais das obras, instalacións, locais e documentación que estean adscritos ou relacionados co servicio, asegurando a súa correcta prestación e continuidade;

b) dicta-las ordes necesarias para manter ou repo-la debida prestación; e

c) imporlle, no seu caso, ó concesionario e ós usuarios as correccións pertinentes por mor das infraccións que cometan;

d) fiscaliza-la correcta aplicación das tarifas e o seu cobramento;

e) modifica-lo contido dos contratos de subministro e, no seu caso, de adxudicación, con variacións que respondan a motivos xustificados de interese público;

f) suprimi-lo servicio en caso de interese público.

3. Tódolos bens adscritos á prestación do servicio de subministración teñen a consideración de bens demaniais de servicio público.

 

CAPÍTULO II

As obrigas e os dereitos da entidade subministradora e dos usuarios

 

Artigo 3.-Obrigas da entidade subministradora.

1. Prestárlle-lo servicio de subministración de auga corrente ós usuarios con suxeición ás normas deste regulamento e das outras disposicións legais aplicables, nomeadamente as de carácter sanitario. Esta obriga enténdese referida a pór a disposición do usuario a auga ata a chave de rexistro, a cal, con carácter xeral, constitúe o límite exterior da instalación que é propiedade del. Os controis sanitarios da calidade da auga faranse con periodicidade mínima trimestral, nun mínimo de 2 puntos terminais escollidos aleatoriamente, un nunha billa domiciliaria e outro nun punto de entrega ó usuario. O exame organoléptico, previsto no artigo 18.4.1º do Real decreto 140/2003, farase cunha periodicidade de dúas veces á semana. A análise completa da rede, depósito e captación farase unha vez ó ano.

2. Mante-la subministración de forma permanente en condicións de dispoñibilidade e regularidade, comprobando e resolvendo as irregularidades denunciadas polos usuarios.

3. Garanti-lo dereito á utilización do servicio por parte de tódalas persoas que cumpran os requisitos e condicións que dispón este regulamento, e mediante o pagamento das contraprestacións económicas legalmente establecidas.

4. Indemnizar a terceiras persoas dos danos que se lles poidan causar como consecuencia do desenvolvemento do servicio.

5. Levar a cabo, con suxeición a este regulamento e á lexislación aplicable, a planificación, programación, execución e conservación das obras e instalacións precisas para a captación, conducción e almacenamento de auga corrente, e para a súa distribución ós núcleos de poboación que corresponda.

Correspóndelle á entidade subministradora a conservación, mantemento e explotación das obras e instalacións unha vez formalizada a súa adscrición ó servicio, sen prexuízo das responsabilidades que se lle poidan esixir ó constructor ou subministrador delas no período de garantía ó abeiro do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, de contratos das administracións públicas.

6. Realizárlle-la tramitación e execución de empalmes de subministración de auga ás persoas que o soliciten para o seu uso en inmobles dos que sexan titulares, sempre que reúnan as condicións esixidas neste regulamento e fosen aprobadas polo Concello.

7. Dispor dun servicio para a recepción de avisos de avarías e de informacións relacionadas coa prestación do servicio.

8. Informar ós usuarios, sempre que sexa posible e polos medios de difusión adecuados, das interrupcións e alteracións que se rexistren na prestación do servicio.

9. Aplica-los prezos e cadros de tarifas aprobados regulamentariamente, tendo en conta a lectura dos contadores.

Artigo 4.-Dereitos da entidade subministradora.

O concesionario terá os dereitos que lle recoñece a lexislación aplicable, tamén no seu caso o contrato de xestión do servicio, e en concreto os seguintes:

a) Inspeccionar, revisar e intervir nas instalacións particulares que estean conectadas á rede de subministración coa finalidade de garanti-lo cumprimento da normativa aplicable;

b) Cobra-lo importe das facturacións ou cargos que os usuarios deben pagar polas prestacións do servicio; todo isto sen prexuízo do dereito de retribución directa polo Concello no caso de necesidade de restablecemento do equilibrio financeiro do servicio.

Artigo 5.-Obrigas do usuario.

1. Pagar puntualmente os cargos que lle presenten pola prestación dos servicios de subministración de auga, ou polos complementarios, de conformidade cos prezos e tarifas aprobados; no caso de domiciliación de cobramentos comunica-los datos precisos ou a súa modificación.

A obrigatoriedade de pagamento esténdese ós casos en que se produzan fugas ou perdas de auga por avarías ou irregularidades na construcción ou conservación das instalacións particulares do usuario, ou por calquera outra causa non imputable á entidade subministradora.

2. Usa-la auga corrente obxecto de subministración con suxeición ás normas contidas na lexislación aplicable, neste regulamento e no contrato, e cumprir, se é o caso, as limitacións e prioridades de uso que se dispoñan regulamentariamente.

3. Respecta-las instalacións da infraestructura do servicio, as redes de distribución e os empalmes que forman parte integrante do dominio público, e non realizar neles ningunha manipulación ou alteración sen a correspondente autorización.

4. Darlle á entidade subministradora os datos que lle solicite en relación ó contrato de subministración.

5. Conserva-las súas instalacións particulares de xeito que non prexudiquen as redes públicas de subministración nin o funcionamento do servicio, utilizalas correctamente e respecta-los precintos que garanten a integridade do contador.

6. Comunicar calquera avaría ou irregularidade das instalacións de subministración de auga que poida afecta-lo funcionamento normal do servicio.

7. Permitirlle ó persoal do concesionario que estea debidamente acreditado o acceso ás instalacións ou locais onde sexa necesario desenvolver traballos relacionados coa lectura do contador e coa inspección ou reparación das instalacións.

8. Solicitarlle á entidade subministradora a autorización para calquera modificación nas súas instalacións particulares que comporte variación no número de usuarios ou cambio no uso da auga.

9. Se nun mesmo inmoble existe, ó par do servicio público de subministración, auga doutra orixe, o usuario disporá a súa instalación interior de xeito que a súa auga particular non poida entrar na rede xeral.

Artigo 6.-Dereitos do usuario.

1. Acceder ó servicio en condicións de igualdade unha vez que reúna as condicións e requisitos sinalados por este regulamento.

2. Utiliza-lo servicio con carácter permanente, a non ser por razóns de forza maior, e dispor nas súas instalacións de auga dos requisitos hixiénico-sanitarios e das condicións técnicas de presión axeitadas e conformes coa normativa legal aplicable.

3. Ser informado polo concesionario de tódalas cuestións que atinguen á prestación e funcionamento do servicio e recibir contestación por escrito ás consultas que presente con ese carácter.

4. Presenta-las queixas ou reclamacións que xulgue oportunas en relación coa prestación do servicio, de conformidade co procedemento que recolle este regulamento, e obter contestación a elas.

5. Recibir factura do prezo de subministración de auga de conformidade coas tarifas legalmente aprobadas.

6. Obter unha copia do contrato ou póliza de subministración.

Artigo 7.-Prohibicións que atinguen ó usuario.

Os usuarios non poderán:

a) ceder auga de balde ou baixo prezo, ben sexa con carácter permanente ou con carácter temporal, para outros locais ou vivendas diferentes dos recollidos no contrato;

b) pór nos encanamentos de subministración, sen a autorización previa do concesionario, bombas ou calquera outro aparello que modifique ou afecte as condicións da rede de distribución e que poida interferir no servicio prestado a outros usuarios;

c) utiliza-la auga para fins distintos dos que foron obxecto de contrato;

d) realizar calquera operación que teña por finalidade que o consumo de auga non sexa rexistrado polo contador ou equipo de medición;

f) causar fugas de auga con carácter intencionado ou por neglixencia; nin

g) creba-los precintos dos contadores ou equipos de medición, ou fedellar neles.

Artigo 8.- Regularidade do Servicio e Interrupcións.

1.- Os servicios de abastecemento de auga serán permanentes non puidendo interrumpirse ó menos de que existan causas xustificadas, forza maior ou caso fortuito; así coma por paros para proceder á reparación de averías nas instalacións, na forma e condición establecidas no párrafo seguinte.

2.- Cando debido á realización de reforzos ou ampliacións das redes, instalacións de acometida ou reparación de averías non urxentes, o prestador do servicio teña necesidade de suspender o servicio os seus abonados, o deberá poñer en coñecemento dos que resulten afectados mediante anuncios na prensa, se é posible; a través da emisora local, ou da forma que en cada momento resulte máis útil e práctica, e con cuarenta oito horas de antelación, a fin de que se poidan tomar as medidas oportunas.

Cando debido a averías inesperadas nas instalacións, e que non admitan demora, deba igualmente suspenderse, o prestador do servicio porá en coñecemento público coa máxima urxencia que a natureza da avería o permita. En todo caso deberá da prublicidade na forma establecida no párrafo anterior sempre que a interrupción do suminstro por esta causa o sexa por un período previsto maior as dúas horas.

 

CAPÍTULO III

As instalacións públicas do servicio

 

Artigo 9.-Elementos materiais da rede pública de subministración.

1. A rede de alta. Abrangue as obras hidráulicas de captación, elevación, estación de tratamento, depósitos de almacenamento -que poden ser de cabeceira, de cola e reguladores-, edificios, dispositivos electromecánicos, encanamentos, conduccións mestras e sistemas de regulación e control.

2. A rede de baixa. Abrangue a rede de distribución necesaria para a subministración ós usuarios e está integrada por canos, arquetas, pezas especiais e bocas de rego e incendios. A rede de baixa pode ser de distribución primaria e secundaria.

A rede de distribución primaria é a que está integrada polos canos que enlazan diferentes sectores das áreas abastecidas, e nela non se poden realizar empalmes.

A rede de distribución secundaria é a que está integrada polos canos que discorren ó longo dunha vía pública ou de terreo privado -neste caso, trala constitución da correspondente servidume-, e dela derivan os empalmes.

3. O empalme. É o ramal ou derivación que sae da rede de distribución secundaria máis próxima e leva a auga ó pé do inmoble ou á estrema do terreo a onde vai ser subministrada.

Artigo 10.-O empalme.

1. O empalme estará formado por un cano único de características axeitadas ó volume de auga servido e disporá cando menos dunha chave de corte exterior situada nunha caixa na vía pública por diante do inmoble ou terreo, e o máis achegada posible a el.

2. O empalme disporá dos seguintes elementos:

a) O dispositivo de toma, que vai sobre o cano da rede de distribución secundaria e abre o paso do empalme;

b) O ramal ou treito de encanamento, que une o dispositivo de toma coa chave de rexistro;

c) A chave de rexistro, que vai ó final do ramal do empalme, na vía pública e achegada á estrema do inmoble ou terreo.

A chave de rexistro constitúe o límite entre as instalacións públicas do servicio e as interiores do usuario e, xa que logo, precisa ata onde chegan as obrigas respectivas de mantemento e reparación por parte do subministrador e do usuario.

 

CAPÍTULO IV

A solicitude de conexión ó servicio

 

Artigo 11.-Requisitos da solicitude de conexión ó servicio.

1. A solicitude de conexión ó servicio deberá conter, como mínimo, e para os efectos de notificacións, o nome do peticionario ou a súa razón social, o enderezo e mailo teléfono. A esta información tamén lle haberá que engadi-lo enderezo do local ou inmoble para o que se pide a subministración e o uso ó que se destinará a auga.

2. A solicitude de conexión á rede de distribución deberá, ademais do impreso normalizado, conte-la seguinte documentación:

a) se é para un inmoble novo o boletín de instalación de fontanería;

b) se é para unha obra, a licencia urbanística para a súa construcción;

c) se é para unha industria ou comercio, a licencia municipal de apertura, e o boletín de instalación de fontanería;

d) en calquera caso, unha copia do título que abeire o dereito de uso do inmoble ou local.

Deberase presentar unha solicitude independente para cada inmoble que física ou legalmente constitúa unha unidade de edificación.

3. A casa que ten un só portal constitúe unha unidade de edificación. No caso de que teña varios, a unidade de edificación virá constituída por cada unha das partes dela que teña portal propio. Cada portal deberá ter un armario adecuado cos contadores en batería, con destino ós locais independentes do edificio (negocios ou vivendas).

4. Se a criterio do concesionario existe unha causa que o xustifique, o titular do uso dun local comercial ou industrial situado no baixo dun inmoble poderá solicitar e obter un empalme independente para o seu local.

Artigo 12.-Presentación, tramitación e resolución da solicitude de conexión.

1. A solicitude de conexión será presentada ante a entidade subministradora, que lla remitirá ó Concello, xunto co seu informe, para que a resolva.

2. O informe da entidade subministradora determinará, se é o caso, as características técnicas do empalme ou conexión.

3. A alcaldía do Concello autorizará ou denegará a conexión con suxeición á normativa legal aplicable e tralo informe dos servicios técnicos municipais.

4. A solicitude deberá ser resolta no prazo máximo dun mes contado dende a súa presentación.

Artigo 13.-Causas de denegación da conexión.

O Concello poderá denega-la conexión cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

a) que o solicitante non presente a documentación esixida;

b) que o inmoble non estea situado na área de cobertura do servicio, a non ser que se proceda consonte o que dispón o artigo 17;

c) que o inmoble non conte coas instalacións interiores axeitadas por non se axustaren a este regulamento ou á normativa técnica aplicable;

d) que algunha parte do empalme teña que discorrer por terreos privados e o solicitante non xustifique a existencia da servidume correspondente inscrita no rexistro da propiedade;

e) que a presión da auga no punto de conexión non sexa abonda para a subministración correcta do servicio, a non ser que se poña por conta do solicitante o grupo de elevación ou mecanismo necesario para corrixi-la devandita deficiencia;

O Concello poderá autoriza-la conexión se o solicitante asume, mediante declaración expresa, as consecuencias da falta de presión;

f) que a presión da auga no punto de conexión sexa excesiva para a subministración correcta do servicio, a non ser que se poñan por conta do solicitante as medidas de reducción axeitadas.

Artigo 14.-A realización das obras de conexión.

1. A execución das obras de empalme ou conexión é competencia exclusiva da entidade subministradora, que realizará os traballos e instalacións por conta do solicitante e con suxeición ás características técnicas determinadas no expediente e aprobadas polo Concello.

2. A execución das obras de modificación da rede de subministración precisas para a realización da conexión tamén é competencia exclusiva do concesionario, que as realizará por conta do solicitante e con suxeición ás características técnicas determinadas no expediente e aprobadas polo Concello.

3. A conexión e mailas obras de modificación mencionadas no apartado 2 anterior quedarán incorporadas á rede de subministración e serán de titularidade pública.

4. A entidade subministradora elaborará o orzamento de execución das obras de conexión con suxeición ó cadro de prezos aprobado polo Concello, que lle será notificado ó solicitante xunto coa autorización. O usuario deberalle aboar ó concesionario o custo das obras con carácter previo á súa execución.

A conexión será executada pola a entidade subministradora no prazo dun mes des que se lle notifique o outorgamento da autorización municipal.

Artigo 15.-Conexións provisionais.

1. Excepcionalmente, o Concello poderá conceder conexións provisionais vinculadas á realización de obras. Estas tomas de auga enténdense outorgadas en precario e réxense, á parte de polas normas xerais que lles sexan aplicables, polas condicións particulares que se sinalen en cada caso.

2. A toma de auga outorgada con destino á realización dunha obra non se poderá usar, en ningún caso, para vivendas ou locais. O constructor está obrigado a comunicarlle á entidade subministradora a finalización da obra, e daquela a conexión provisional quedará automaticamente sen vixencia. Por esa razón, o uso que se faga da toma de auga a partir desa data rexerase polas condicións xerais de subministración e polas que lle sexan aplicables en función da súa finalidade.

3. O constructor que solicite a conexión provisional con destino á realización dunha obra responderá solidariamente, xuntamente co usuario real, do pagamento do prezo da auga consumida.

Artigo 16.-Conservación e ampliación do empalme.

1. Os traballos de manexo, amaño e modificación dos empalmes ou conexións son competencia exclusiva da entidade subministradora, que os realizará por conta do usuario que os solicite ou ó que beneficien.

2. Se un inmoble amplía o número de vivendas ou locais e o empalme non fose suficiente para a normal satisfacción das novas necesidades creadas, a persoa interesada solicitaralle á entidade subministradora a substitución ou modificación do empalme preexistente por outro axeitado. Os gastos serán por conta do usuario.

Artigo 17.-Conexión inutilizada.

Cando se finalice ou suspenda o contrato de subministración, a conexión quedará a disposición do usuario. Pero se este non lle comunica á entidade subministradora no prazo de vinte días, de maneira fidedigna, a intención de que lla retire da vía pública, e non deposita simultaneamente os gastos que comporte a dita operación, enténdese que renuncia a ela.

Neste caso a entidade subministradora poderá adoptar, no tocante ó citado empalme, as medidas que coide oportunas, coa conformidade do Concello respectivo.

Artigo 18.-Pequenas extensións e modificacións da rede de subministración.

1. As pequenas extensións da rede de subministración necesarias para dotar de auga edificacións novas (ou vellas que non estean na área de cobertura do servicio) serán por conta do usuario e integraranse na rede pública.

Por regra xeral, enténdese por pequenas extensións da rede as obras que sexan necesarias cando se dea calquera das seguintes circunstancias:

a) que existan redes de distribución secundaria na vía pública que discorra á beira do inmoble, pero a nova conexión comporte unha baixada de presión ou de caudal apreciable;

b) que non exista rede de distribución na vía pública situada á beira do inmoble.

2. Se a rede de subministración existente nunha área urbana determinada non permite satisfacer adecuadamente o consumo que xeren as novas solicitudes de conexión, o Concello aprobará o correspondente proxecto técnico de modificación da rede que faga posible a correcta subministración.

Artigo 19.-Proxectos de mellora e extensión.

1. Se para realizar unha nova conexión é preciso facer unha prolongación da rede de distribución, o Concello aprobará o correspondente proxecto técnico de ampliación.

Nos casos que prevén os dous parágrafos do artigo anterior, o custo das obras de modificación ou ampliación da rede correrá por conta dos solicitantes da conexión, e as novas instalacións, unha vez executadas, serán de titularidade pública.

As obras de modificación e ampliación mencionadas serán executadas polo concesionario con suxeición ó proxecto e orzamento aprobado polo Concello.

2. As obras de ampliación da rede discorrerán, por regra xeral, por terreos de dominio público. De se tratar de terreos privados, os donos deberán pór á libre disposición do Concello unha franxa de 3,00 m de ancho ó longo do percorrido da rede ou constituír unha servidume a prol do Concello, que será inscrita no rexistro da propiedade.

 

CAPÍTULO V

As instalacións interiores

 

Artigo 20.-Instalacións interiores.

1. Enténdese por instalacións interiores do servicio as existentes en cada inmoble ou terreo a partir da chave de rexistro, e que forman parte integrante del.

2. As instalacións interiores de subministración de auga (non sendo no tocante á colocación do contador, que é competencia da entidade subministradora) deberán ser realizadas por un técnico autorizado e axustaranse ás normas legais de aplicación.

Artigo 21.-Inspección das instalacións interiores.

1. As instalacións interiores dun inmoble realizadas polo usuario estarán suxeitas á inspección do concesionario e do Concello coa finalidade de comprobar se foron executadas conforme ás normas legais e técnicas aplicables.

2. Cando as instalacións interiores non se axusten ás normas citadas, o Concello denegará a conexión ou, se é o caso, a entidade subministradora suspenderá a subministración de auga, e comunicaráselle ó interesado para que corrixa as deficiencias rexistradas no prazo que se lle sinale.

Artigo 22.-Conservación das instalacións interiores.

1. O usuario será responsable da conservación e mantemento das instalacións interiores do servicio e estará obrigado a amañar pola súa conta os danos e avarías que sufran. As reparacións deberanse realizar no prazo máximo de cinco días naturais desque se produza o dano ou avaría.

2. Se o estado das instalacións interiores de subministración de auga dun inmoble ou terreo constitúe un perigo para a seguridade das persoas ou unha ameaza de dano inminente para as cousas, a entidade subministradora poderá suspende-la subministración de auga de xeito inmediato, notificándollelo así mesmo ó usuario e mais ó Concello.

3. Cando exista perigo de danos inminentes e graves para as persoas ou para as cousas derivado do estado das instalacións interiores de subministración de auga dun inmoble, o concesionario poderá realizar por si mesmo as obras imprescindibles para evitalo e poderá facer repercutir no usuario responsable os gastos orixinados. A entidade subministradora está obrigada a comunicárlle-la realización das obras ó Concello e mais ó usuario.

 

CAPÍTULO VI

Os contadores

 

Artigo 23.-A medición do consumo de auga.

1. A medición do consumo de auga que servirá de base á facturación realizarase por medio de contadores, que serán dalgún dos modelos oficialmente homologados e verificados pola autoridade administrativa competente.

2. Toda vivenda unifamiliar ou local en que se realicen actividades comerciais, industriais, profesionais ou de servicios disporá dun contador individual que será propiedade do usuario.

Se nun inmoble hai máis dunha vivenda ou local, cada un deles disporá dun contador independente, sen prexuízo do que corresponda para os servicios comúns.

3. Nas comunidades de propietarios con contador xeral, a facturación mínima esixible (e, se é o caso, a cota de mantemento) será o que resulte de multiplica-los valores correspondentes a cada vivenda polo número de vivendas ou locais que constitúan o inmoble, ó que haberá que sumarlle o que corresponda ós servicios comúns.

4. Cando nun local coexistan varias clases de usos, poranse contadores independentes para cada un deles; pero, se por razóns técnicas soamente puidese haber un, o consumo total será facturado conforme á tarifa máis alta das aplicables.

Artigo 24.-Situación ou posición dos contadores.

1. Os contadores estarán situados nun lugar axeitado e accesible, en posición horizontal preto da chave de paso, á altura do baixo e na parte de fóra do inmoble.

2. No caso de vivendas colectivas, os contadores irán nun compartimento ou caixa, en sistema de batería, no baixo do inmoble e nunha zona de uso común con acceso directo dende o portal de entrada.

3. A modificación da situación ou posición do contador será por conta da parte contratante que a promova. Sen embargo, será por conta do usuario nos seguintes casos:

a) cando sexa por reformas realizadas por el con posterioridade á instalación do contador e estas dificulten a lectura, o acceso ou a inspección do contador;

b) cando a instalación do contador non se axuste ás condicións que prevé este regulamento e se produza un cambio de titularidade do inmoble.

Artigo 25.-Colocación dos contadores.

1. A colocación dos contadores é competencia da entidade subministradora e os gastos serán por conta do usuario; neste momento, ademais do resto dos casos de manipulación, será debidamente precintado. O custo será o sinalado no cadro de prezos aprobado polo Concello.

2. A entidade subministradora manterá existencias de contadores adecuados ás diversas necesidades e caudais obxecto de contratación, e a disposición dos usuarios que os soliciten.

Os prezos de venda serán aprobados polo Concello.

Artigo 26.-Conservación dos contadores.

1. É obriga do usuario conservar e mante-lo contador en perfecto estado de funcionamento.

2. O contador só poderá ser obxecto de manipulación polos empregados da entidade subministradora.

As operacións de mantemento, reparación e, se é o caso, substitución serán realizadas pola entidade subministradora e por conta do usuario. Os prezos destes servicios serán os sinalados polo Concello.

3. Cando se comprobe a existencia de irregularidades ou avarías no contador, a entidade subministradora requirirá ó usuario para que no prazo de sete días aboe a tarifa correspondente á reparación ou substitución. Transcorrido ese prazo sen que o fixese, a entidade subministradora estará facultada para suspende-la subministración de auga.

4. O Concello poderá establecer unha taxa fixa de aplicación xeral para a conservación e substitución de contadores por medio da correspondente ordenanza.

Neste caso, os gastos derivados daquelas operacións serán por conta da entidade subministradora.

Artigo 27.-Renovación periódica de contadores.

1. A vida útil dos contadores fíxase, para os efectos desta ordenanza, en quince anos.

2. Transcorrido ese prazo, o contador será substituído polo concesionario e por conta do usuario. A entidade subministradora daralle ó usuario un documento xustificativo da renovación.

3. Os gastos de substitución de contadores serán por conta da entidade subministradora no caso que prevé o apartado 4 do artigo anterior.

Artigo 28.-Desmontaxe de contadores.

1. A montaxe e desmontaxe de contadores será sempre realizada pola entidade subministradora.

2. Procederá a desmontaxe polas seguintes circunstancias:

a) por finalización do contrato de subministración;

b) por avaría do aparello de medida, aínda que non exista reclamación do usuario;

c) por renovación periódica dos contadores;

d) por alteración do réxime de consumo, de tal maneira que supere a capacidade teórica do contador;

Artigo 29.-Verificación de contadores.

1. Se un usuario xulga que o volume de auga realmente consumido non se corresponde co rexistrado no contador, poderá solicita-la súa revisión. Para eses efectos, deberá pó-la fianza e aboa-la tarifa por verificación aprobada polo Concello.

2. As tolerancias para verificación de contadores serán as que sinale o Centro Nacional de Metroloxía ou entidade pública equivalente.

3. Se trala correspondente comprobación se acredita que o funcionamento do contador é correcto, o usuario perderá a fianza depositada.

Se o funcionamento do contador é incorrecto, a entidade subministradora correrá cos gastos da comprobación, devolveralle a fianza ó usuario reclamante e substituirá o contador por conta deste último, a non ser no caso de que estea vixente a taxa fixa que prevé o artigo 25.4.

4. Se o funcionamento do contador é incorrecto e o usuario o solicita, a entidade subministradora revisará as facturacións por consumo de auga correspondentes ós seis meses anteriores á solicitude de verificación, coas porcentaxes de desviación detectadas.

 

CAPÍTULO VII

Contratación da subministración

 

Artigo 30.-Suxeitos do contrato.

1. O contrato de subministración de auga formalizarase entre a entidade subministradora e o titular do dereito de uso do inmoble ou local ó que se lle vai face-lo servicio.

2. Se o contratante é o arrendatario ou un posuidor precarista, precisará da autorización do dono do inmoble. Esta autorización comportará que o dono asume, ante o concesionario, a responsabilidade solidaria das obrigas derivadas do contrato de subministración.

3. Se o solicitante do servicio é unha comunidade de propietarios, intervirá en nome dela o seu representante legal.

4. Cando a subministración de auga sexa con destino a unha obra, o solicitante será o titular da licencia urbanística.

Artigo 31.-Incapacidade para contratar.

Están incapacitadas para contrata-lo servicio de subministración de auga as persoas que xa fosen usuarias del con anterioridade e desen lugar á suspensión ou resolución do contrato por incumprimento das súas obrigas. Non existirá a incapacidade se a persoa á que lle afecta -ou calquera outra en nome dela- cumpre as obrigas que motivaron a suspensión ou resolución do contrato.

Artigo 32.-Obxecto do contrato.

1. Os contratos de subministración de auga referiranse a unha vivenda, local, industria ou obra que constitúa unha unidade independente.

2. A subministración de auga enténdese adscrita ó uso para o que se conveu e non se pode dedicar a outros fins.

Artigo 33.-Duración do contrato.

O contrato sinalará o prazo de vixencia da subministración e entenderase prorrogado tacitamente polo mesmo período, a non ser que cun mes de antelación o usuario lle advirta á entidade subministradora, de xeito expreso e por escrito, o seu desexo de dalo por rematado.

Artigo 34.-Cambio de usuarios.

Cando se produza un cambio de titularidade no dereito de uso do inmoble ou industria obxecto de subministración, o novo titular deberallo comunicar ó concesionario no prazo dun mes coa finalidade de facer un novo contrato. En caso de falecemento do titular deberá ser substituído ou sub-rogado por calquera dos seus herdeiros no inmoble (cónxuxe, descendentes, etc), preferentemente usuario deste.

Artigo 35.-Forma do contrato.

1. O contrato de subministración de auga formalizarase por escrito con suxeición ós modelos aprobados polo Concello.

2. O texto do contrato deberá cumpri-los seguintes requisitos:

a) concreción, claridade e sinxeleza na súa redacción, con posibilidade de comprensión directa sen remisións a textos ou a documentos que non se acheguen co contrato e non se lle entreguen simultaneamente ó usuario, ós cales, en calquera caso, se deberá facer referencia expresa no documento contractual;

b) exclusión de subas de prezos por servicios accesorios, financiamento, aprazamentos, recargas ou indemnizacións que non correspondan a prestacións adicionais susceptibles de seren aceptadas ou rexeitadas en cada caso;

c) exclusión de repercusión sobre o usuario de fallos, defectos ou erros administrativos, bancarios ou de domiciliación de pagamentos que non lle sexan directamente imputables, ou de servicios que no seu día se lle ofreceron de balde;

d) exclusión de adquisición obrigada de bens, servicios ou mercadorías complementarios ou accesorios non utilizados;

e) exclusión da inversión da carga da proba en prexuízo do usuario.

 

CAPÍTULO VIII

Condicións da subministración de auga

 

Artigo 36.-Garantía de presión e caudal.

1. A entidade subministradora está obrigado a presta-lo servicio de subministración de auga coa presión da rede á altura do rasante da vía pública pola que cada inmoble teña a súa conexión.

2. Se as condicións técnicas da subministración (presión e/ou caudal) non son suficientes para satisface-las necesidades do usuario, este deberá realizar pola súa conta e cargo as instalacións necesarias para conseguir aquelas condicións, recorrendo a sistemas e materiais que estean homologados pola administración.

Artigo 37.-Continuidade do servicio.

Non sendo por causa de forza maior ou avarías nas instalacións públicas, a entidade subministradora ten a obriga de manter permanentemente o servicio nas condicións sinaladas

no artigo anterior.

Artigo 38.-Suspensións temporais do servicio.

1. O concesionario poderá suspender temporalmente o servicio nos seguintes casos:

a) cando sexa imprescindible para realizar traballos de mantemento, de reparación ou de melloras nas instalacións públicas;

b) no suposto de perda das condicións de potabilidade da auga que comporte un risco para a saúde dos usuarios;

c) por causas de forza maior.

2. Cando se produzan cortes previstos e programados, a entidade subministradora deberá preavisar ós usuarios, cando menos con vintecatro horas de antelación, por medio de anuncios nun medio de comunicación ou nos lugares públicos de costume. Os cortes programados comunicaránselle ó Concello e serán autorizados por este. O preaviso advertirá da duración prevista da interrupción.

Artigo 39.-Reservas de auga.

1. Sen prexuízo do que dispoña a normativa específica aplicable, os usuarios que desenvolvan actividades industriais, comerciais ou de servicios nas que se precise a auga de xeito ininterrompido e inescusable para preserva-la saúde pública e a seguridade das persoas e dos bens deberán dispor de depósitos de reserva con capacidade abonda e adopta-las medidas precisas para garanti-la continuidade das citadas actividades.

2. A mesma obriga lles compete ós usuarios que destinen a auga ó funcionamento de aparellos ou instalacións industriais que se poden ver danados como consecuencia dunha interrupción ou diminución na subministración, de xeito que deben asegura-lo seu autoabastecemento cando menos durante 24 horas.

3. A entidade subministradora non é responsable dos danos e perdas que se poidan producir como consecuencia de que os usuarios non cumpran as obrigas previstas nos dous apartados anteriores.

Artigo 40.-Restriccións na subministración.

1. O servicio de subministración de auga corrente ten por finalidade satisface-las necesidades da poboación, e preferentemente as derivadas dos usos domésticos. A utilización da auga para outras finalidades estará suxeita a que as necesidades de abastecemento da poboación o permitan.

2. Sen prexuízo do que dispoña a normativa legal aplicable o Concello, previa audiencia á entidade subministradora, poderá restrinxir ou suspende-la subministración de auga para usos non domésticos, sen que iso comporte ningunha obriga de indemnización. Neste caso a entidade subministradora está obrigada a informar a través dos medios de comunicación ós usuarios das medidas que se van adoptar, da data de iniciación, da duración previsible e das razóns que as motivan.

 

CAPÍTULO IX

Lecturas, consumos e facturación

 

Artigo 41.-Periodicidade da lectura dos contadores.

1. A entidade subministradora está obrigado a manter un sistema de lectura dos contadores que sexa permanente e periódico.

2. A facturación de consumo realizarase con carácter semestral e de conformidade co cadro de tarifas da ordenanza reguladora da taxa do servicio.

Artigo 42.-Lecturas.

1. A lectura farase en horario que vai das 9.00 ás 20.00 horas, e realizaraa persoal autorizado pola entidade subministradora, que levará a súa correspondente credencial.

2. Cando por causas alleas á entidade subministradora non fose posible face-la lectura dun contador, o empregado deixará aviso da súa visita por medio dunha nota que recollerá aquela circunstancia e coa que se acompañará un impreso de lectura.

Neste caso, o usuario cubrirá por si mesmo o impreso de lectura e deberallo devolver á a entidade subministradora no prazo dos seis días seguintes á visita do lector. Os impresos de lectura recibidos pola entidade subministradora despois dese prazo poderán ser considerados como nulos, e daquela a facturación realizarase como se o consumo fose cero.

Artigo 43.-Determinación do consumo.

1. O consumo de cada usuario determínase pola diferencia entre as lecturas de dous períodos consecutivos de facturación.

2. A entidade subministradora soamente terá en conta para a facturación a medición resultante do contador debidamente homologado e instalado.

3. As fugas de auga que se produzan nas instalacións interiores e sexan rexistradas polo contador seranlle facturadas ó usuario de acordo coas tarifas correspondentes.

4. Se a entidade subministradora detecta a través da lectura do contador consumos desproporcionados ou fóra do común, comunicarallo ó usuario para que faga as comprobacións oportunas nas súas instalacións interiores.

Artigo 44.-Consumos calculados.

1. Cando non sexa posible coñece-lo consumo realmente realizado por un usuario por mor dunha avaría no equipo de medición, a facturación calcularase segundo o consumo rexistrado durante o mesmo período de tempo do ano anterior, e de non existir este, conforme á media aritmética dos seis meses anteriores.

2. No caso de que non existan datos históricos para calcula-lo consumo consonte o que se di no parágrafo anterior, os consumos facturaranse polo mínimo esixible.

3. Os consumos calculados de conformidade co que dispoñen os dous apartados anteriores terán carácter definitivo no caso de avaría no contador, e provisorio noutros supostos. Nestes últimos, logo de que se obteña a lectura real, o consumo calculado compensarase por exceso ou por defecto na facturación correspondente ó seguinte período.

4. Cando se produza unha avaría no contador, a entidade subministradora substituirao o máis axiña posible, previa advertencia ó usuario.

5. Se por ausencia do usuario non fose posible le-lo contador durante tres períodos de facturación consecutivos e o pagamento dos recibos non estivese domiciliado nunha entidade bancaria, a entidade subministradora advertiralle por escrito ó usuario da necesidade de normaliza-la situación. Se o usuario non atende o requirimento no prazo de dez días, a entidade subministradora poderá suspende-la subministración de auga, previa autorización do Concello. Para reemprende-lo servicio, o usuario deberá aboa-la facturación correspondente ó consumo realizado e ós gastos de reposición da subministración.

Artigo 45.-Facturas e recibos.

As facturas e recibos emitidos polo concesionario deberán levar, cando menos, os seguintes datos:

a) enderezo do inmoble obxecto de subministración;

b) enderezo ó que se dirixe a notificación, se é distinto do anterior;

c) tarifa aplicada;

d) calibre do contador ou equipo de medición;

e) lecturas do contador que determinan o consumo, xunto coas datas destas que definen o prazo de facturación;

f) indicación de se os consumos facturados son reais ou calculados;

g) indicación diferenciada dos conceptos que se facturan;

h) importe dos tributos que se aplican;

i) importe total dos servicios prestados;

j) teléfono e enderezo da entidade subministradora para obter información;

k) enderezos, prazos e formas para efectua-lo pagamento.

Artigo 46.-Forma de pagamento das facturas e recibos.

1. O usuario poderá paga-lo importe da factura emitida pola entidade subministradora na oficina desta, nas entidades de crédito ou noutros establecementos autorizados por aquel.

2. O pagamento de recibos periódicos realizarase preferentemente polo sistema de domiciliación bancaria en oficina aberta no municipio ou nas oficinas da entidade subministradora.

3. No caso de devolución de recibos polas entidades bancarias por causa imputable ó usuario, serán por conta deste tanto os gastos orixinados pola dita devolución coma a liquidación de xuros de mora correspondentes. Dúas devolucións consecutivas darán lugar á anulación da domiciliación bancaria.

Artigo 47.-Anuncio e prazo de pagamento e vía de constrinximento.

1. O usuario disporá do prazo dun mes para face-lo pagamento en vía voluntaria.

2. O prazo anterior compútase desde a publicación do correspondente anuncio no taboleiro de edictos do Concello e nos lugares de costume da parroquia de que se trate.

3. A administración outórgalle á entidade subministradora a utilización da vía de constrinximento para o cobramento das prestacións económicas que lle deban os usuarios por razón do servicio, de conformidade cos cadros de tarifas e prezos aprobados polo Concello.

4. Os recibos non pagados no período voluntario serán sometidos a expediente de constrinximento.

Artigo 48.-Corrección de erros na facturación.

1. O usuario poderá obter da entidade subministradora calquera información tocante ás lecturas, facturacións, comprobacións de contador, cobramentos, tarifas aplicadas e, en xeral, a calquera cuestión relacionada coa subministración prestada nos dous anos anteriores á presentación da solicitude.

2. Nos casos en que por erro imputable á entidade subministradora se facturasen cantidades inferiores ás realmente debidas, o usuario terá dereito a que se lle fraccione o pagamento das diferencias ó longo dun período de tempo igual a aquel ó que se refiren as facturacións erróneas, ata o máximo dun ano.

3. Cando o usuario lle presente á entidade subministradora unha reclamación para a devolución de ingresos indebidos, expresará de xeito breve e claro os conceptos e fundamentos nos que se basee e achegará os xustificantes de pagamentos e calquera outra documentación que corresponda.

A entidade subministradora deberá resolve-las reclamacións de devolución dos usuarios por ingresos indebidos o máis axiña posible, e en calquera caso no prazo máximo dun mes desque llas presentaran.

4. O usuario ten dereito a que a entidade subministradora lle devolva os ingresos que percibira de xeito indebido. A devolución deberase realizar no período máximo dun mes desque se comprobe o erro que os orixinou. Transcorrido ese prazo, a débeda xera o xuro legal do diñeiro máis dous puntos a prol do acredor.

 

CAPÍTULO X

Suspensión e extinción da subministración

 

Artigo 49.-Causas de suspensión da subministración.

1. A entidade subministradora poderalles suspende-la subministración de auga ós usuarios polas seguintes causas:

a) por falta de pagamento da facturación por subministración de auga, transcorrido o prazo de tres meses des que rematase o período de pagamento en vía voluntaria;

b) por inexistencia de contrato que abeire a subministración;

c) por falta de pagamento dunha liquidación firme por fraude no uso da auga, transcorrido o prazo de quince días desque lle fose presentada para o seu cobramento;

d) por mor de que o usuario poña nas súas instalacións de subministración, sen autorización da entidade subministradora, bombas ou calquera outro aparello que poida afecta-la rede de distribución do seu contorno e o servicio prestado a outros usuarios;

e) por mor de que un usuario derive ou permita a derivación de auga desde as súas instalacións a outros inmobles, terreos, edificacións ou locais diferentes ós sinalados no contrato;

f) por mor de que o usuario non lle permita a entrada no seu inmoble ou local ó persoal autorizado da entidade subministradora, se se pretende esta dentro do horario previsto neste regulamento e ten por finalidade revisar ou inspecciona-las instalacións.

A negativa do usuario a permiti-la entrada constatarase perante dúas testemuñas imparciais ou un axente da autoridade;

g) por mor de se atoparen derivacións clandestinas de auga desde as instalacións da rede pública de subministración. Enténdese por derivacións clandestinas as realizadas sen contrato nin autorización do Concello nin do concesionario. Nestes casos, a entidade subministradora poderá suspende-la subministración de xeito inmediato, comunicándolle os feitos ó Concello;

h) por mor de que o uso que lle dea á auga o usuario ou o estado das súas instalacións interiores poidan afectar negativamente as condicións de potabilidade na rede de distribución. Neste caso a entidade subministradora poderá suspende-la subministración de xeito inmediato, comunicándolle os feitos ó Concello;

i) por mor de que o usuario non cumpra a orde de modificación das condicións da caixa do contador, de substitución do contador ou de reparación das instalacións interiores para adecualas ás condicións regulamentarias;

j) por non ser posible a lectura do contador durante tres períodos de facturación consecutivos e o pagamento dos recibos non estivese domiciliado nunha entidade bancaria, de conformidade co que prevé o artigo 43;

k) por neglixencia grave do usuario na conservación das súas instalacións;

l) por utilización inapropiada da auga doméstica para regar ou para outros usos diferentes dos contratados, sempre e cando a facturación supere o 150 por cento do mínimo que lle correspondería ó uso autorizado;

m) por infracción das restriccións ou prohibicións de usos da auga legalmente adoptadas.

2. A potestade de suspensión da subministración enténdese que o é sen prexuízo das outras accións legais que sexan procedentes para esixirlles ós usuarios as responsabilidades en que puidesen incorrer.

Artigo 50.-Procedemento de suspensión da subministración.

1.- Comprobado o incumprimento dalgunha das obrigas por parte do abonado, o prestador do servicio porá o feito en coñecemento do mesmo e do organismo oficial competente, considerándose queda autorizada a suspensión do suministro se non recibe resolución en contrario do devandito organismo, no prazo de doce días hábiles, conforme ó disposto no Decreto de 12 de marzo de 1954, modificado por Real Decreto 1725/84 de 18 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de verificacións eléctricas , irregularidade no suministro de enerxía eléctrica e as consicións de carácter xeral da mesma que extensivos ós suminstros da auga e gas. Se o citado procedemento deixara de ser aplicable nun futuro, levarase a cabo a suspensión, previo o que sinale a lexislación vixente en cada momento.

Se se acreditara polo abonado haber interposto a reclamación correspondente, quedará interrumpida a execución da suspensión ata a resolución expresa ou tácita da reclamación.

2.- A suspensión do suministro non poderá realizarse en día festivo e en que por calquer motivo non exista servicio completo administrativo e técnico de atención ó público a efectos da tramitación completa do restablecemento do servicio, nin en víspera do día en que se de algunha destas circunstancias.

A notificación do corte de suministro o servicio incluirá, coma mínimo, os seguintes datos:

a) Nome e dirección do abonado.

b) Nome e dirección do abono.

c) Data e hora aproximada en que se producirá o corte.

d) Detalle da razón que orixina o corte.

e) Nome, dirección, teléfono e horario das oficiñas do prestador do servicio, onde poidan subsanarse as causas que orixinaron o corte.

Artigo 51.-Extinción da subministración.

1. A subministración de auga extinguirase:

a) por pedimento do usuario;

b) por pedimento do dono do inmoble aínda que non sexa o usuario, sempre que probe que este perdeu o dereito de uso do inmoble;

c) polo transcurso do prazo contractual e, de se da-lo caso, da súa prórroga;

d) por derrubamento, destrucción ou modificación substancial do inmoble ó que estaba destinada a subministración;

e) por decisión do concesionario nos seguintes casos: 1) no suposto que prevé no artigo anterior; 2) no suposto de que o beneficiario do servicio non teña a calidade de usuario, isto é, non dispoña de contrato de subministración ó seu nome; e 3) por cambio do uso ó que está destinada a subministración; e

f) por resolución da administración pública competente, a pedimento da entidade subministradora, nos seguintes casos: 1) cando o uso da auga ou as condicións das instalacións interiores do inmoble comporten perigo para a seguridade da rede, para a potabilidade da auga ou para os bens de terceiros, e se trate de irregularidades non emendables; e 2) cando o usuario incumpra as condicións do contrato de subministración.

2. Se a autoridade administrativa competente non se pronuncia expresamente no prazo de dous meses desque o concesionario lle solicite a resolución do contrato, enténdese aceptada a extinción da subministración.

Artigo 52.-Retirada do contador.

Unha vez extinguido o contrato, a entidade subministradora retirará o contador e porao a disposición do usuario durante o prazo de tres meses. Se o usuario non se fai cargo del no citado prazo, enténdese que renuncia á súa propiedade.

 

CAPÍTULO XI

Infraccións fraudulentas, inspección e responsabilidade

 

Artigo 53.-Infraccións fraudulentas.

Constitúen infraccións fraudulentas:

a) a inexistencia de contrato que abeire a subministración de auga;

b) a manipulación do contador ou equipo de medición de consumo de auga;

c) a existencia de derivacións do caudal antes do equipo de medición; e

d) a utilización da auga para usos diferentes dos contratados, con prexuízo na facturación por aplicación doutra tarifa.

Artigo 54.-Inspección.

1. Cando a entidade subministradora teña coñecemento da realización dunha infracción fraudulenta por parte do usuario, requiriralle por escrito que a corrixa no prazo de tres días e advertiralle que de transcorre-lo devandito prazo sen que o fixese suspenderá a subministración da auga.

2. Se a infracción consiste na derivación ilegal de caudal, o concesionario poderá suspender de xeito inmediato a subministración.

3. Se co gallo da comprobación dunha denuncia por infracción fraudulenta, o usuario lle denega a entrada no inmoble ó persoal inspector, a entidade subministradora poderá suspender de xeito inmediato a subministración.

Artigo 55.-A liquidación por fraude.

1. Cando non exista contrato que abeire a subministración, a entidade subministradora liquidará unha facturación por fraude na que se inclúa o consumo equivalente á capacidade nominal do contador que corresponda ás instalacións de que se trate, cun tempo mínimo de seis horas diarias de utilización durante o prazo que vai desde a adquisición do dereito de uso do inmoble ata que se emende a existencia da fraude. En calquera caso, a duración mínima dese prazo non serán nunca inferior a un mes nin superior a seis meses.

2. Cando a fraude consista na manipulación do contador ou equipo de medición, a entidade subministradora liquidará unha facturación que tome como base a capacidade de medida do caudal nominal cun tempo mínimo de seis horas diarias de utilización desde a data da última verificación oficial do contador. A duración mínima dese prazo non será inferior a un mes nin superior a un ano. Descontaranse da liquidación os consumos correspondentes a ese período que xa fosen aboados polo usuario.

3. Se a fraude consiste na derivación de caudais de auga antes do equipo de medición, a liquidación realizarase coma no apartado 1 anterior e sen que se desconte a auga medida polo contador.

4. Cando se utilice a auga para outros usos diferentes ós contratados, con prexuízo na facturación, a liquidación realizarase aplicándolle ó volume de auga consumido a diferencia entre a tarifa correspondente ó uso real da auga e a contratada durante o período de que se trate. Este período non será inferior a un mes nin superior a un ano.

5. En tódolos casos de actuación por fraude, a liquidación estará suxeita ós impostos legalmente aplicables.

6. A entidade subministradora notificaralle a liquidación ó usuario coa advertencia de que contra ela pode interpor, no prazo dun mes, recurso de alzada ante a autoridade administrativa competente en materia de consumo, sen prexuízo doutras accións ou reclamacións que xulgue oportunas.

Artigo 56.-Responsabilidade penal por fraude.

O que dispoñen os artigos anteriores enténdese sen prexuízo da responsabilidade penal por defraudación en que poida incorre-lo usuario infractor, de conformidade cos artigos 255 e 623 do Código penal.

 

CAPÍTULO XII

Das accións legais, información e reclamacións.

 

Artigo57 .- Accións legais.

O prestador do servicio, aínda despois da suspensión e a rescisión do contrato de suministro poderá entablar cantas accións administrativas, civís e penais considere oportunas en defensa dos seus intereses e dereitos, e en especial, a acción penal por fraude.

Asimesmo, e en caso de que a suspensión do servicio efectuada polo seu prestador resultase improcedente, o abonado poderá esixir a debida indeminización, sen prexuizo de poder entablar as accións administrativas, civía e penais que considere oportunas en salvagarda dos seus intereses.

Artigo 58.- Reclamacións ó titular do servicio.

O abonado poderá formular reclamacións directamente ó prestador do servicio, verbalmente ou por escrito. Tamén ten dereito a solicitar una acta conxunta de presencia emitida polo prestador do servicio.

Para formalizar a acta conxunta, o abonado, por sí ou mediante representante debidamente autorizado deberá personarse no local do prestador do servicio no prazo dos dez días seguintes a aquel no que se requira a necesidade de comparecencia. Se non se efectuase tal personación no devandito prazo, se lle terá por desistido da reclamación, a menos que no mesmo prazo e en solicitude razonada o abonado propoña unha data posterior que en todo caso non irá máis lonxe de trinta días.

Artigo 59.- Reclamacións ante o Concello.

Contra a resolución expresa desestimando en todo o en parte as peticións do abonado, éste poderá efectuar reclamación ante a Alcaldía no prazo dun mes.

Se transcurrise un mes sen resolución expresa, considerarase denagada a reclamación, quedando aberta a vía xurisdiccional correspondente.

Artigo 60.- Tribunais.

Todas as cuestións de índole civil, penal e administrativo, derivadas do servicio de auga domiciliario, que se susciten entre os abonados e o prestador do servicio, entenderase que son de competencia dos Tribunais e Xuzgados do Concello respectivo.

CAPÍTULO XIII

Réxime sancionador

 

Artigo 61.-Infraccións.

1. Non poden ser obxecto de procedemento sancionador outras infraccións que as especificadas por esta ordenanza, sen prexuízo da lexislación sectorial.

2. As infraccións clasifícanse en moi graves, graves e leves. No suposto de que a lexislación sectorial tipifique conductas non descritas neste capítulo a súa clasificación axustarase á presente ordenanza, sen prexuízo de aplicar correccións necesarias.

3. Son infraccións moi graves:

a) provocar voluntaria ou involuntariamente, retornos de auga cara á rede pública con perigo de altera-las súas condicións de potabilidade;

b) comportamentos neglixentes ou maliciosos que provoquen calquera tipo de contaminación na rede;

c) reincidencia na comisión de infraccións graves no prazo máximo dun (1) ano;

4. Son infraccións graves:

a) abuso do subministro concertado, consumindo caudais desproporcionados en relación á actividade de usuario, sen causa xustificada;

b) destina-la auga para usos diferentes dos pactados;

c) subministro de auga a terceiras persoas, ben sexa de xeito gratuíto ou de xeito oneroso;

d) impedi-la entrada ó persoal do servicio en horas de normal relación co exterior ó lugar das instalacións, conexión e contador;

e) abrir ou cerra-la chave do rexistro existente antes do contador, tanto se está precintada como se non;

f) non atende-los requirimentos do Concello para reparación dos defectos observados na súa instalación, no prazo que se indique;

g) reincidencia na comisión de infraccións leves no prazo máximo dun (1) ano.

5. Son infraccións leves:

a) calquera acción ou omisión que infrinxa a presente ordenanza, non estando clasificada como moi grave ou grave.

b) a descarga non autorizada de auga na vía pública, procedente da instalación interior particular.

c) coller auga de fontes públicas para usos distintos dos domésticos e municipais.

Artigo 62.-Sancións.

1. As clases de sancións que se poden impoñer son as seguintes:

a) multa económica.

b) suspensión, permanente ou temporal, do permiso de vertido.

c) clausura, temporal ou permanente, das vías de vertido.

2. As sancións imporanse con independencia da responsabilidade civil ou penal que poida ser esixida diante dos tribunais competentes..

3. A contía das multas será como mínimo de 2 euros e como máximo o permitido pola lexislación sectorial. A gradación das multas será por infraccións leves ata 2 euros, por infracción graves ata 2,50 euros e por infraccións moi graves ata 3 euros, sen prexuízo doutros máximos establecidos pola lexislación sectorial.

4. A competencia para resolve-los expedientes e sanciona-las infraccións a esta ordenanza será do alcalde.

5. Os criterios de gradación das sancións poderán ser obxectivos (afectación á saúde e seguridade ambiental, alteración social, gravidade do dano, posibilidade de reparación e beneficio obtido) e subxectivos (grao de malicia, grao de participación e capacidade económica).

Artigo 63.- Das infraccións e do procedemento sancionador do prestador do servicio.

1.- As infraccións que poida cometer o concesionario clasificaranse en leves, graves e moi graves, atendidas as circunstancias, intencionalidade, neglixencia, reiteración e o prexuizo que se ocasione ó servicio ou ós usuarios.

2. Consideraranse infraccións leves:

a) O incumprimento de deber de comunicar á Administración en forma e prazo o previsto do prego de cláusulas administrativas e prescriccións técnicas que rexe na relación entre o Concello e a empresa, sempre que se comunique antes do requerimento da Administración, sendo grave despois.

b) As pequena deficiencias nas oficinas e nos servicios e dependencias da concesión.

c) As infraccións leves de normas laborais, tributarias ou administrativas.

d) As que impliquen irregularidade nas obrigas e deberes contidos no prego de cláusulas administrativas sen trascendencia econòmica e funcional apreciable para la xestiòn do servicio.

3. Consideraranse infraccións graves:

a) As infraccións graves de normas laborais, tributarias ou administrativas.

b) As deficiencias graves en oficinas e dependencias.

c) A reincidencia na comisiòn de faltas leves dentro dun perìodo de tres meses.

d) As accións ou omisións que interfiran ou alteren ocasionalmente a prestaciòn do servicio sempre que non estivera tipificada coma leve.

e) O descuido notable na conservaciòn e mantemento das instalacións ó servicio.

f) A inobservancia respecto ó libro de reclamacións a disposiciòn do pùblico e comunicaciòn de reclamacións ó Concello.

4. Consideraranse infraccións moi graves :

a) A interrucción inxustificada ou sen previo aviso do servicio, salvo extrema urxencia da medida no segundo suposto.

b) A percepción de tarifas, tasas ou dereitos sen cumprimento das normas de aplicación.

c) Incumprimento da normativa sanitaria con trascendencia directa para a saude pùblica.

d) A no contrataciòn de las pòlizas de seguros esixidas no correspondente prego.

Artigo 64.- Das sancións ó concesionario.

1. As sancións que se aplicarán ó concesionario, con independencia das que procederán en función de outras vulneradas, serán as seguintes:

2. Para as infraccións leves poderanse impoñer multas entre 6 e 300,51 euros, atendidas as circunstancias concurrentes.

3. Para as infraccións graves poderanse impoñer multas de 306.52 a 3.005 euros, a tenor da importancia e consecuencias da infracción. Tamén se poderá proceder á resoluciòn do correspondente contrato cos efectos previstos na Lei de Contratos das Administracións Pùblicas.

4. Para as infraccións moi graves poderanse impoñer multas de 3.011 a 6.010,12 euros. ou declarar la caducidad de la concesión, coas consecuencias e procedemento que se establece nos artigos 136 e 137 do Regulamento de Servicios das Corporacións Locais.

Para a aplicación das sanciones observarase o seguinte procedemento:

As faltas leves seràn sancionadas polo Alcalde previa audiencia co concesionario durante un perìodo de 10 dìas hàbiles.

Para a correcciòn de faltas graves deberà tramitarse un procedemento sancionador sumario: incoacciòn do procedemento polo Alcalde con designaciòn do instructor e secretario, proposta do instructor, audiencia do concesionario e, no seu caso, imposiciòn de sanciòn pola comisión de goberno.

Para a correciòn de faltas moi graves deberà tramitarse un procedemento sancionador coas seguintes garantìas formais: incoacciòn do procedemento con designaciòn de instructor e secretario, perìodo de instrucciòn e proba, prego de cargos polo instructor, audiencia ó concesionario, proposta de sanciòn do instructor, alegacións do concesionario á proposta e, no seu caso, resoluciòn sancionadora do Pleno da Corporaciòn que tamén poderá declarar a resoluciòn do contrato dacordo cos prazos establecidos a tales efectos legalmente.

 

Disposición adicional

 

No caso de confusión das persoas de entidade subministradora e Concello, as actuacións e procedementos sufrirán as adaptación convenientes, respectando a intencionalidade da ordenanza e non podendo causar prexuízo ós usuarios.

 

Disposición final

 

Esta ordenanza ten carácter indefinido e entrará en vigor o día seguinte de que se publique enteiramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo de quince días a que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Contra esta ordenanza pódese interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo pertinente, diante do Xuzgado do Contencioso Administrativo no prazo de dous meses.