subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Ordenanza da taxa pola prestación do servicio do centro de atención á primeira infancia. (B.O.P. N1 297).


ARTIGO 1. FUNDAMENTO E NATUREZA

De conformidade co previsto no artigo 127, en relación co artigo 41, TR 2/2004 da lei reguladora das Facendas Locais este concello establece o prezo público por prestación do servizo público Escola Infantil Municipal de Oroso, especificando as tarifas no artigo 4 e seguintes, que se rexerán polo presente texto normativo.

ARTIGO 2. CONCEPTO

Os prezos públicos regulados nesta ordenanza constitúen prestacións patrimoniais de carácter público que se satisfarán polos usuarios que voluntariamente soliciten o ingreso na Escola Infantil do concello de Oroso, comprendendo as seguintes prestacións:

- Atención, coidado e custodia nas instalacións deste centro, a nenos de 0 a 3 anos, durante o horario definido no Regulamento do servizo, así como a atención educativa apropiada ós nenos e nenas desta idade, de conformidade coa normativa aplicable.

- Prestación do servizo de comedor, de acordo co Regulamento do servizo.

ARTIGO 3. OBRIGADOS O PAGAMENTO

Están obrigados ó pago das cantidades que se establecen como prezo os proxenitores dos nenos ou nenas matriculados na escola ou, no seu caso, a quen corresponda o exercicio da patria potestade, exerza a tutela ou incluso teña os nenos en acollida.

ARTIGO 4. BASE DE CÁLCULO.

4.1 Enténdese por "renda per cápita mensual" o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir entre 12 meses a suma dos ingresos totais da unidade familiar

No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar ós efectos de cálculos da renda per cápita.

4.2 Para os efectos desta Ordenanza, ten a consideración de ingresos a suma da parte xeral máis a parte especial da base impoñible previas á aplicación do mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles as que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

4.3 A efectos de aplicación desta Ordenanza, entenderase por "unidade familiar" a formada polos cónxuxes non separados legalmente e, no seu caso, os fillos e fillas menores con excepción dos que, con consentimento dos pais, vivan independentes destes e os fillos maiores de idade e menores de 26 anos cunha discapacidade superior ao 33% e os incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada ou os así declarados pola administración autonómica competente.

Nos casos de separación legal ou cando non existise vínculo matrimonial, a unidade familiar estará formada polo pai ou nai e tódolos fillos e fillas que convivan con un ou outro e reúnan os requisitos descritos no parágrafo anterior e, si é o caso, pola persoa que sexa parella de feito de calquera dos proxenitores que teña as fillas e fillos a cargo.

A determinación dos membros da unidade familiar farase atendendo á situación existente a 31 de decembro de cada ano.

ARTIGO 5. CONTÍA

5.1 A contía do prezo público deriva da aplicación das seguintes tarifas mensuais, polo que se refire á asistencia ó centro:
 

Nº Tarifa Renda per cápita mensual Horario mañá Horario tarde Horario xornada partida ou continua
T-1 inferior ó 50% SMI 0,00 euros 0,00 euros 0,00 euros
T-2 Entre o 50% o 75% SMI 28,50 euros 20,63 euros 33,00 euros
T-3 Superior 75% e inferior 100% SMI 57,00 euros 41,25 euros 66,00 euros
T-4 Entre 100% e 150% SMI 85,50 euros 61,88 euros 99,00 euros
T-5 Superior 150% SMI 95,00 euros 68,75 euros 110,00 euros


5.2 Servicios complementarios
 

Renda per capita mensual. Servizos comedor Servizos comedor días soltos Hora ampliada
inferior ó 30% SMI 0,00 euros 0,00 euros 0,00 euros
Entre o 30% ó 100% SMI 16,50 euros 1 euros 6,88 euros
Superior ó 100% SMI 33 euros 2 euros 13,75 euros


5.3 Para as nenas e os nenos que, con carácter extraordinario, soliciten máis horas diarias de asistencia ao centro que as contempladas no horario do que é usuaria/usuario, a tarifa mensual que lle corresponde abonar incrementarase atendendo o número de horas que permaneza no centro.

ARTIGO 6. REDUCIÓNS.

A) Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte de aplica-lo disposto no artigo anterior aplicaranse os seguintes descontos:

a) Nenos/as pertencentes a familias numerosas, desconto dun 20 por cento.

b) Nenos/as pertencentes a familias monoparentais, desconto dun 20 por cento.

c) Cando asistan ó mesmo centro varios irmáns, desconto dun 20 por cento por cada neno/a atendido/a. No caso de que estes irmáns nacesen en parto múltiple, o desconto será dun 30 por cento por cada neno/a.

Os descontos anteriores, cando se dean nunha mesma persoa, serán acumulables.

B) Cando por circunstancias sobrevidas, o/a neno/a ingrese no centro con posterioridade ó día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes terá un desconto do 50 por cento de desconto.

ARTIGO 7. NORMAS DE XESTIÓN

7.1 O importe das cotas por asistencia e comedor a pagar para cada obrigado determinarase pola resolución de Alcaldía, que de acordo co regulamento do servicio, aprobe a relación definitiva de admitidos e non admitidos na Escola Infantil cada curso escolar ou no seu caso nas convocatorias extraordinarias.

Nembargantes, as tarifas inicialmente establecidas poderán ser obxecto de revisión segundo os termos do artigo 9.

7.2 Unha vez determinada a admisión na escola infantil municipal, os obrigados ó pago deberán facer efectivo as cantidades establecidas nos termos do artigo seguinte.

7.3 O beneficiario queda obrigado a comunicar calquera variación que se produza na situación socioeconómica e familiar que dera lugar á concesión de praza e aplicación de tarifa.

7.4 O concello poderá recadar en calquera momento, previo consentimento dos usuarios, os datos económicos necesarios das administracións tributarias para proceder á actualización das tarifas a pagar polos usuarios, así coma que os propios usuarios aporten a documentación xustificativa precisa.

ARTIGO 8. PAGAMENTO

8.1 A obriga do pagamento do prezo público regulamentado nesta ordenanza nace desde o momento en que, formalizada a matrícula do neno/a usuario do servicio para todo o curso escolar, se preste o servicio, e durará ata a formalización da baixa ou finalización do curso.

8.2 O pago das cotas por asistencia e comedor realizarase mensualmente nos dez primeiros días do mes natural a que correspondan. Nos casos en que o ingreso no centro se produza con posterioridade ó día primeiro do mes, a cota correspondente ó devandito mes ingresarase nos dez días seguintes á data de ingreso.

8.3 No caso de utilización do servicio de comedor por días soltos, realizarase o pago deste servicio xunto á cota do mes seguinte.

8.4 Salvo o disposto no artigo 10 desta ordenanza , a falta de asistencia do neno/a ó centro non suporá reducción nin exención da cota mentres non se formalice a baixa correspondente. Nese suposto non se eximirá do pago nin se reducirá a cota do mes natural no que se produza a baixa.

8.5 O medio de pago será o de cargo en conta ou domiciliación bancaria, mediante impreso autorizante firmado polos usuarios no momento da matrícula no centro.

ARTIGO 9. REVISIÓN DE TARIFAS

9.1 Ao longo do curso poderase proceder á revisión da tarifa fixada inicialmente, tanto a petición dos usuarios coma por propia iniciativa do concello, cando concorran e se xustifiquen variacións socioeconómicas na unidade familiar referidas aos seguintes casos:

a) Modificación das variables que determinan as persoas que, convivindo no mesmo domicilio, teñen ingresos inferiores o salario mínimo interprofesional anual vixente.

b) Variacións nos seus ingresos que supoñeren unha diminución ou incremento do 25% fronte aos ingresos tidos en conta para a fixación inicial de cota.

9.2 No caso de revisión de tarifas á baixa, os usuarios non poderán esixir o reintegro total ou parcial das cotas xa devengadas no momento da solicitude, cando a súa contía e determinación derivasen de documentación ou circunstancias que puidesen ser alegadas polo propios interesados no seu momento, ou por erros atribuíbles ós propios usuarios.

9.3 No caso de revisión de tarifas en incremento, estas só serán esixibles de cara ás cotas a devengar no futuro.

9.4 En todo caso, e con independencia do exposto nos puntos anteriores, cando por ocultación ou falsidade nos datos e documentación determinante de encadramento nunha determinada tarifa, as tarifas cobradas fosen inferiores a contía sinalada na presente ordenanza, poderase esixir o deixado de cobrar por parte do concello.

9.5 A modificación da tarifa, será acordada polo Alcalde-Presidente á proposta da comisión de baremación da escola infantil municipal, previa audiencia dos interesados.

ARTIGO 10. SUSPENSIÓN TEMPORAL DE PAGO DA COTA

Os suxeitos obrigados ós que fai referencia o artigo 3º non terán a obriga de aboa-la cota durante os seguintes períodos:

10.1 O mes de vacacións anual do neno/a, sempre que non se produza baixa antes de finaliza-lo curso. Non obstante, co fin de facilita-la xestión, ao só efecto de pago da cota, considerarase coma mes de vacacións o derradeiro mes natural do curso escolar, con independencia do mes real de disfrute das vacacións.

10.2 Cando, por calquera motivo, o centro permaneza pechado un período superior a quince días naturais, prorrateándose a cota polo período de tempo proporcional.

10.3 Cando, por causa debidamente xustificada, o neno/a deixe de asistir temporalmente ó centro. Neste caso, o suxeito obrigado estará exento de aboa-la cota mensual unicamente respecto a períodos de ausencia que comprendan meses naturais completos, dende o primeiro día do mes natural de ausencia completa ó centro, ata o último día do mes natural inmediatamente anterior ó que teña lugar a reincorporación do neno/a ó centro. Non obstante, se a reincorporación se produce con posterioridade ó día 15 do mes, a cota correspondente ó dito mes reducírase nun 50 por cento.

A solicitude de suspensión de cota, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante o alcalde-presidente, con unha antelación mínima de dez días naturais ó de inicio do mes natural de comezo da exención, o cal resolverá sobre a procedencia da suspensión previo informe da comisión de baremación, segundo o disposto no regulamento do servicio.

Nos casos de suspensión temporal da cota, o pagamento correspondente ó mes de reincorporación realizarase no prazo de dez días seguintes ó da data de reincorporación. Así mesmo, nos casos en que o Alcalde-Presidente acorde a non procedencia da suspensión solicitada, o suxeito obrigado deberá ingresa-las cotas atrasadas no prazo de dez días seguintes ó da notificación da resolución denegatoria.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

Ata que se produza a adxudicación do contrato de concesión do servicio da escola infantil municipal e entre en vigor o novo regulamento do servicio cos novos horarios, as tarifas a aplicar segundo o artigo 5.1 serán substituídas polas seguintes:
 

Nº tarifa Renda per cápita mensual Horario mañá Horario tarde Horario xornada partida ou continua
T-1 inferior ó 50% SMI 0,00 euros 0,00 euros 0,00 euros
T-2 Entre o 50% o 75% SMI 27,00 euros 18,56 euros 33,00 euros
T-3 Superior 75% e inferior 100% SMI 54,00 euros 37,13 euros 66,00 euros
T-4 Entre 100% e 150% SMI 81,00 euros 55,60 euros 99,00 euros
T-5 Superior 150% SMI 90,00 euros 61,88 euros 110,00 euros


DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Queda derrogada a ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servicio do centro de Atención á primeira infancia do concello de Oroso.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

A presente ordenanza entrará en vigor cando unha vez aprobada definitivamente polo Pleno da corporación e publicado o seu texto integro no Boletín Oficial da Provincia, teña transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derogación expresas.