subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O goberno de Oroso proxecta un novo Centro Deportivo Multiusos fronte ao CEIP Camiño Inglés


O alcalde, Luis Rey, e o concelleiro de Deportes, Antonio Leira, avanzaron os detalles do proxecto a unha trintena de representantes de clubs deportivos do municipio

“Ademais da aportación do concello, xa temos o compromiso verbal da Deputación para colaborar no financiamento e agardamos implicar tamén á Xunta de Galicia”, adiantou o rexedor

orosoO alcalde de Oroso, Luis Rey, e o concelleiro de Deportes, Antonio Leira, mantiveron na noite de onte unha reunión cunha trintena de directivos e representantes dos clubs deportivos do municipio para presentarlle o proxecto do novo Centro Deportivo Multiusos de Sigüeiro que agardan comezar a construír a finais de ano nunha parcela situada fronte ao CEIP Camiño Inglés.

Luis Rey explicou que esta infraestrutura, que requerirá un investimento aproximado de 1,5 millóns de euros, é “unha resposta ás demandas e necesidades de boa parte dos 29 clubs e entidades deportivas que hai en Oroso e á crecente práctica dos deportes de pista”. “O deporte move moita xente en Oroso e, ademais dos beneficios que representa no ámbito da saúde, en certa medida tamén é unha fonte de xeración de riqueza para sectores como o da hostalaría e por iso decidimos apostar forte por esta nova infraestrutura”, argumentou.

En canto ao financiamento do proxecto, o alcalde indicou que, ademais da aportación económica que realizará o propio concello, xa está xestionado o “compromiso verbal” do presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, da colaboración económica do ente provincial e agarda implicar tamén á Xunta de Galicia.

O rexedor local avanzou que a previsión é licitar e adxudicar a construción do Centro Deportivo Multiusos nos vindeiros meses, coa finalidade de que antes de que remate o presente exercicio poidan comezar as obras. Ao respecto, xustificou esta primeira reunión cos representantes dos clubs apuntando que o proxecto construtivo aínda non está rematado ao cento por cento, polo que aínda admite cambios que non sexan substanciais pero que poidan mellorar o resultado final.

Ao respecto, o alcalde e o concelleiro de Deportes tomaron nota das suxestións comentadas polos asistentes á reunión de onte, que principalmente se centraron na dotación dun maior número de vestiarios para deportistas, na racionalización da iluminación natural a través da cuberta e na previsión das prazas de aparcamento no exterior do recinto.