subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Máis de 80 artistas participan este sábado en Sigüeiro no espectáculo “Endaterra”, da A.C. Xacarandaina


A montaxe mistura distintas artes escénicas como o baile galego, o teatro e as artes visuais

O alcalde, Luis Rey, destaca que “a falta de tres días xa só quedan un 30% das invitacións, que poden retirarse no Centro Deportivo”

orosoO pavillón polideportivo Juanito Amigo de Sigüeiro acollerá este sábado, a partir das 21.30 horas, a representación da espectacular montaxe musical e teatral “Endaterra”, da Asociación Cultural Xacarandaina, dentro da súa xira por concellos do Camiño Inglés e do Camiño a Fisterra.

“Endaterra” é un espectáculo de música e baile tradicional para todos os públicos que mistura distintas artes escénicas como o baile galego, o teatro e as artes visuais a través de imaxes e sons do Camiño de Santiago. Durante a súa representación, a Asociación Cultural Xacarandaina contará a historia da peregrinación levada a cabo no ano 1900 por unha aristócrata inglesa e máis a súa doncela desde Londres ata Santiago de Compostela, rematando en Fisterra e Muxía.

O alcalde, Luis Rey, destaca que “o espectáculo Endaterra está a xerar grande expectación entre a veciñanza, tal e como demostra o feito de que a falta de tres días xa só quedan un 30% das invitacións, que poden retirarse no Centro Deportivo, cun máximo de dúas invitacións por persoa”.

Esta montaxe, dirixida polo coreógrafo Henrique Peón, contará con máis de 80 artistas sobre o escenario repartidos entre o corpo de baile, as pandereteiras, o grupo de gaitas e os coros.

Outono cultural

Por outra banda, dentro da programación do Outono Cultural de Oroso, este venres están previstos senllos pases do espectáculo para bebés “Na casa”, de Caramuxo Teatro, ás 18.00 e ás 19.00 horas, no Centro Cultural. A asistencia a esta actividade é gratuíta, pero é preciso inscribirse no teléfono 981 690 903. Xa na xornada do sábado, ás 11.30 horas está programada a obra “Ás para Álex”, de Baboab Teatro.