subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso pecha a primeira semana solidaria xuntando arredor de 1.000 kgs. de alimentos non perecedoiros


O equipo formado por caras coñecidas da TVG impúxose por 9 a 3 ao conxunto dos políticos locais nun partido que congregou a unhas 200 persoas no pavillón

orosoO Concello de Oroso pechou este mediodía a I Semana Oroso Solidario coa disputa do partido benéfico de fútbol sala entre o equipo dos políticos locais e o conxunto formado por caras coñecidas da TVG, que serviu para reunir arredor de 1.000 quilogramos de alimentos non perecedoiros que en vindeiras datas o Departamento de Servizos Sociais distribuirá a familias con escasos recursos.

O encontro, que congregou a unhas 200 persoas no pavillón de Sigüeiro e estivo marcado polo bo humor, rematou cun resultado de 9 a 3 a favor do equipo das caras coñecidas da TVG. Os goleadores foron Federico Pérez (3), Adrián Díaz (2), Terio Carrera (2), Xosé A. Touriñán (1) e Fran Cañotas (1). Por parte dos políticos locais marcaron Luis Rey, Fernando Gutiérrez e Jonatan Rey. Afortunadamente, non houbo lesións e non foi necesaria a participación da fisioterapeuta Begoña Alonso Basalo, que tamén colaborou solidariamente no evento.

Con anterioridade a este partido solidario, a I Semana Oroso Solidario axudou a recadar fondos para a Asociación de Nenas e Nenos Oncolóxicos de Galicia cunha Andaina Solidaria o pasado domingo; o martes celebrouse unha charla do xornalista Alfonso Pérez e do produtor de televisión Ramón Castaño sobre a súa viaxe a Polonia para traer a España mulleres refuxiadas ucraínas; o xoves promoveuse a doazón de sangue na unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue; e o venres recolléronse bicicletas usadas para o colectivo Recyling, que se encarga de arranxalas e distribuílas a familias necesitadas e tamén envialas a países africanos.