subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso supera os 14 quilómetros de sendas peonís coa construción do treito de Baxoia a Bouzalonga


Eulogio Viñal Obras y Construcciones dispón dun prazo de catro meses para rematar o tramo de 760 metros de lonxitude que conecta ambos lugares

O alcalde, Luis Rey, que supervisou esta mañá o comezo dos traballos, destaca que con esta actuación Oroso pasará a contar con 13 sendas peonís

orosoO alcalde de Oroso, Luis Rey, supervisou esta mañá o comezo das obras de construción da senda peonil de Baxoia a Bouzalonga, na parroquia de Deixebre, que abarca un treito de 760 metros de lonxitude e que eleva por enriba dos 14 quilómetros o percorrido peonil que suman en total as 13 sendas existentes en todo o municipio.

A empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones é a encargada de acometer a construción desta senda peonil, cuxos traballos dispoñen dun prazo de execución de catro meses e suporán un investimento de 141.500 euros. Durante a visita ás obras, o rexedor local indicou que este novo itinerario peonil de 760 metros entre Baxoia e Bouzalonga verase interrompido baixo a ponte da autoestrada debido a que non autorizaron a súa execución nese pequeno treito.

Luis Rey salienta que coa construción desta senda peonil o Concello de Oroso pasará a contar cun total de 13 sendas para as persoas, que suman máis de 14 quilómetros de lonxitude, sendo a de Oroso Pequeno a Rego Carboeiro a máis longa, con 1,91 quilómetros, seguida pola da Igrexa-Valverde (A Gándara), con 1,84 quilómetros.
“Itinerarios peonís como estes non só representan un avance importante en materia de seguridade vial no rural, se non que ademais tamén favorecen un estilo de vida máis saudable ao ser idóneos para que a veciñanza pasee ou monte en bicicleta”, apuntou.

As outras dez sendas peonís existentes son as seguintes: Os Carballos-Baxoia (Deixebre), con 1,77 quilómetros; Senra, con 1,6 quilómetros; Rúa Portiño-Estación de Oroso, con 1,26 quilómetros; Sigüeiro-A Igrexa (A Gándara), con 1,07 quilómetros; A Igrexa-Piñeirón (A Gándara), con 920 metros; Castro-A Esquipa (Trasmonte), con 875 metros; A Baiuca-A Igrexa (Senra), con 770 metros; A Esquipa-Estación de Trasmonte (Trasmonte), con 620 metros; Valverde-O Cruceiro (Vilarromarís), con 400 metros; e Rúa María Casares (A Gándara-Portoavieira), con 250 metros.

O alcalde de Oroso resaltou tamén que esta obra forma parte do “investimento récord de 4,2 millóns de euros nas parroquias do rural” co que o goberno local prevé rematar o actual mandato.