O Concello abre a inscrición nunha trintena de actividades culturais, para maiores e deportivas
O Concello de Oroso está a iniciar o curso 2022-23
coa apertura na xornada de hoxe dos prazos de inscrición nunha trintena de
obradoiros culturais, actividades para maiores de 60 anos e actividades deportivas
que arrancarán durante o vindeiro mes de outubro e continuarán ata maio e xuño de
2023 para “dinamizar á veciñanza tanto de Sigüeiro como do rural e fomentar estilos
de vida saudables”.
No caso dos Obradoiros Culturais, a programación inclúe talleres de debuxo e pintura,
mecanografía, tapicería, patchwork, cestería e ioga en familia e o prazo de inscrición
permanecerá aberto ata o día 27 de setembro. As persoas interesadas poden
informarse acudindo ao Centro Cultural ou chamando ao teléfono 981 690 903 e as
solicitudes de prazas deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello, tendo
preferencia as persoas empadroadas.
En canto ás actividades dirixidas ás persoas maiores, comezarán o día 13 de outubro
e a programación deste ano inclúe ximnasia -en Sigüeiro, Trasmonte, Senra e Os
Ánxeles-, tai chi, música e movemento, e obradoiros de memoria. As datas e horarios
pódense consultar na páxina web do concello (www.oroso.gal) e o prazo de inscrición
está aberto desde hoxe ata o día 23 de setembro. Neste caso, os/as destinatarios/as
deben ter máis de 60 anos de idade, estar empadroados/as en Oroso, non estar
afectados/as por enfermedades infecto-contaxiosas e que as actividades a
desenvolver sexan compatibles co seu estado de saúde.
Por último, desde a Concellaría de Deportes abriuse ata o vindeiro día 30 de setembro
o prazo de inscrición nas actividades do curso 2022-23, que comezarán o 10 de
outubro e que se desenvolverán ata o día 8 de xuño de 2023 en catro localizacións: o
Pavillón Polideportivo, o Centro Deportivo, o ximnasio do IES Oroso e o ximnasio e a
pista exterior do CEIP Camiño Inglés. As actividades coordinadas e impartidas polos
clubes do municipio, que adoitan estar dirixidas a usuarios/as de 4 a 16 anos, inclúen
unha quincena de modalidades: hípica, golf, béisbol, fútbol, patinaxe, fútbol sala,
hockey patíns, xadrez, taekwondo, baloncesto, tenis, atletismo, ximnasia rítmica,
ciclismo e tenis de mesa.
Adicionalmente, o concello organizará unha actividade de zumba kids para mozos/as
de 8 a 16 anos e outras cinco actividades para adultos: aeróbic jumping, pilates,
zumba, ximnasia de mantemento e escola de costas, sendo esta última unha novidade
no programa, cuxas clases están enfocadas ao fortalecemento da zona lumbar.
As persoas interesadas en informarse das datas e horarios destas actividades poden
visitar a web municipal ou acudir ás oficinas do Centro Deportivo. Para formalizar a
solicitude de prazas, as follas de inscrición pódense descargar da páxina web e é
preciso presentalas no Rexistro Xeral do Concello. De ser necesario, as prazas
adxudicaranse por sorteo e os pagos das actividades deberán realizarse antes de
rematar o mes de outubro.