subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso reanuda as obras de reforma do Centro Cultural, que se inaugurará en outubro


O alcalde, Luis Rey, acudiu esta mañá a supervisar o comezo dos traballos acompañado por responsables da UTE adxudicataria, formada por Citanias e Grupo Mariño

O proxecto, que supón un investimento de 444.456,29 euros, inclúe a construción dun auditorio cun aforo de 190 prazas, a ampliación da biblioteca e unha sala de usos múltiples

orosoO alcalde de Oroso visitou esta mañá o Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa para supervisar a reanudación das obras de reforma e ampliación por parte da UTE adxudicataria, conformada polas construtoras Citanias Obras y Servicios e Grupo Mariño Obras y Servicios, que dispón dun prazo de tres meses para completar os traballos.

Esta actuación, que suporá un investimento de 444.456,29 euros, inclúe a construción e o equipamento dun auditorio cun aforo de 190 prazas, o acondicionamento dunha sala de usos múltiples e a ampliación da biblioteca, que pasará a contar cunha zona nova de acceso automatizado para que poida estar operativa as 24 horas do día os 365 días do ano.

O alcalde agradeceu o labor de todos os membros do goberno e dos técnicos municipais que traballaron para permitir “desatascar unha obra que estivo moitos meses paralizada debido a situacións relacionadas coas anteriores construtoras adxudicatarias e completamente alleas ao concello”. “Nos tempos que corren, primeiro coa pandemia e agora debido á invasión de Ucraína, é habitual que xurdan problemas na execución das obras e o importante é que fomos quen de solucionalos para que a veciñanza poida gozar moi pronto dunha infraestrutura cultural de primeiro nivel”, apuntou Luis Rey.

Ao respecto, o alcalde salientou que a citada demora na execución das obras debido a circunstancias alleas “non afectou nin alterou o desenvolvemento da programación cultural habitual, xa que a Concellaría de Cultura seguiu desenvolvemento a súa actividade con normalidade”. “Tamén é evidente que cando dispoñamos do novo auditorio teremos máis capacidade para coordinar unha programación cultural complementaria e máis ambiciosa, que nos permita sacarlle o máximo proveito a esta nova infraestrutura”, apuntou Luis Rey.