subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso entrega nun emotivo acto a súa Insignia de Ouro á Agrupación Local de Protección Civil


orosoO alcalde de Oroso, Luis Rey Villaverde, fixo entrega esta mañá da Insignia de Ouro do concello á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Oroso.

Ao acto celebrado na Alameda de Góis do concello asistiron, entre outras autoridades, a subdelegada do goberno na Coruña, María Rivas; o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta da Galicia, Santiago Villanueva; o deputado de Promoción Económica e Asistencia a Municipios na Deputación da Coruña e alcalde de Ames, Blas García, e o alcalde de Brión, Pablo Lago.

O concello recoñeceu con esta distinción a excepcional implicación e o traballo incansable realizado polos voluntarios e voluntarias de Protección Civil durante a pandemia da COVID-19.

Desde marzo de 2020, Protección Civil de Oroso foi parte fundamental de todas as medidas postas en marcha polo concello para axudar na pandemia aos colectivos máis vulnerables ou desinfectar os espazos públicos.

“Estou emocionado e orgulloso; as persoas que hoxe homenaxeamos estiveron na primeira liña nunha situación moi complicada e con moitos medos e dúbidas na sociedade, pero en ningún momento deixaron de cumprir, polo que estaremos sempre en débeda con eles”, asegurou o alcalde, Luis Rey Villaverde.

Santiago Villanueva lembrou pola súa parte “os dous anos de pandemia que se cumpren agora mesmo, dous anos difíciles e complicados nos que tivemos a gran axuda das agrupacions de Protección Civil”.

Blas García, que ademais é voluntario de Protección Civil, destacou “o orgullo que sinto hoxe; é difícil de explicar ás veces os motivos que levan a unha persoa a formar parte de Protección Civil, pero cando estás dentro sintes que formas parte dunha familia”.

Manuel Mirás, ex alcalde e actual presidente de Protección Civil de Oroso, non puido asistir tras dar positivo por Covid. No acto realizouse ademais unha sentida homenaxe a Pedro Suárez, unha das persoas máis activas nos primeiros anos da agrupación.