subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O alcalde de Oroso, Luis Rey, acorda co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, traballar de forma conxunta para mellorar o transporte metropolitano


orosoO alcalde de Oroso, Luis Rey, realizou unha visita institucional ao Concello de Santiago para reunirse co alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, e falar de temas e proxectos que afectan a ambos municipios.

Bugallo e Rey, que acudiu xunto a Antonio Leira, deputado provincial e concelleiro en Oroso, acordaron traballar de forma conxunta para introducir o antes posible melloras no transporte metropolitano.

“Moitos veciños e veciñas de Oroso utilizan o transporte metropolitano a diario para desprazarse a Santiago e compartimos ademais as demandas doutros concellos como Ames, na dirección de que hai que mellorar o servizo”, explica Luis Rey.

“Falamos de concellos moi conectados entre si e o transporte metropolitano é prioritario, un tema que está encima da mesa e sobre o que traballaremos a curto prazo”, apuntou.

Na reunión, tratáronse outros temas como o servizo de bombeiros. “Hai conversas coa Xunta e a Deputación para implantar en Santiago un modelo transitorio similar ao de Ferrol, de forma que a titularidade do parque sexa municipal pero preste servizo aos concellos limítrofes”, afirma o alcalde de Oroso.

“Agradezo a receptividade do alcalde de Santiago, co que tamén falei de temas como a necesaria coordinación para manter limpa a zona do Refuxio, todo elo nun clima moi cordial e de entendemento”, engadiu Rey.