subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso fai un balance moi satisfactorio do comezo de curso na Escola de Música Municipal


orosoO Concello de Oroso amosa a súa satisfacción polos primeiros días de curso da Escola de Música Municipal, que este ano comezou o 1 de decembro polos problemas derivados da pandemia.

Finalmente, houbo 51 renovacións de matrícula e 20 novas incorporacións, polo que a escola conta a día de hoxe con 71 alumnos e alumnas.

O Concello de Oroso decidiu neste curso non cobrar matrícula de ingreso, como medida de axuda ás familias e como compensación polo retraso do curso, aínda que foi unha demora obrigada pola pandemia.

A empresa Esproade, especializada na xestión de escolas musicais, adxudicouse en datas recentes o novo concurso para dirixir o centro. No pliego, o concello impuxo melloras á adxudicataria para que sexa unha referencia en calidade do ensino e condicións do persoal.

Ademais, a aportación do concello para o funcionamento da escola aumentou, xa que este ano é de 67.713,80 euros (56.005,34 o anterior), unha partida que mellorará as actividades previstas no centro.

“O primeiro balance é positivo, o curso comezou moi ben, con normalidade a pesares da situación, a escola cumpre con todos os protocolos Covid-19 e o comportamento do alumnado é exemplar”, engade Vanesa Boo, concelleira de Cultura de Oroso.