subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso repartirá mascarillas en todos os fogares


orosoDespois de semanas de intensas xestións pola situación do mercado, o Concello de Oroso recibiu esta mañá un novo envío de mascarillas.

Como ben sabedes, hai moitas dificultades no mercado nacional e internacional, polo que non é nada sinxelo conseguir mascarillas.

Desde hai días, o concello reparte mascarillas entre os colectivos de risco e as persoas maiores, ademais dos establecementos comerciais abertos e dos traballadores que onte tiveron que incorporarse aos seus postos de traballo.

Coa chegada do novo material, o Concello de Oroso está en disposición de iniciar o reparto entre todos os seus veciños e veciñas.

O reparto comezou HOXE mesmo e, en función das existencias, o concello deixará dúas mascarillas por fogar. No caso de conseguir máis material, haberá novas entregas.

O persoal de Protección Civil comezou agora mesmo o reparto, que chegará a todos os fogares, tanto de Sigüeiro como de todas as parroquias do municipio.

Pedimos comprensión e paciencia á veciñanza, xa que como vos podedes imaxinar, o reparto levará un tempo, así como un uso responsable das mascarillas.

Para o Concello de Oroso, é unha satisfacción poder iniciar o reparto de mascarillas en todos os fogares. As duras xestións das últimas semanas mereceron a pena.

Somos conscientes de que non son suficientes para ter á veciñanza totalmente protexida, pero queremos chegar canto antes a todos os fogares, o cal supón un esforzo grande, e esperamos recibir máis material.