subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inclúe no inventario municipal a antiga estación de ferrocarril de Garga-Trasmonte para darlle uso hostaleiro, social ou servizos


orosoO Concello de Oroso incluiu no seu inventario de bens municipais a antiga estación de ferrocarril de Garga-Trasmonte, que destinará a uso hostaleiro, social ou de servizos.

En concreto, o concello ten agora o antigo edificio, no que vivía o xefe de estación e se compraban os billetes, asi como un almacén próximo e o terreno circundante. A inclusión no inventario municipal aprobouse no último pleno municipal.

O edificio está ubicado nos terreos polos que pasará a Vía Verde que unirá Santiago con Cerceda e o Concello de Oroso ten planificada a posta en marcha na zona dunha estación de carga de bicicletas eléctricas.

Por outra parte, o concello solicitou tamén a Adif poder facerse cargo do almacén doutra das estacións que había no municipio, a de Vilacide-Oroso. En canto consiga a cesión, pretende destinalo a usos culturais ou recreativos.

“Son novidades importantes para o noso concello, xa que a Vía Verde impulsará as zonas nas que están ubicadas as vellas estacións e queremos sacar proveito aos edificios con proxectos para a veciñanza”, asegura o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, un dos grandes impulsores do sendeiro.

As obras, das que se fará cargo a Deputación da Coruña con 1,86 millóns de euros de fondos Feder, suporán a construción da primeira Vía Verde da provincia, que conectará Santiago e Cerceda cun sendeiro de 36,5 quilómetros sobre as antigas vías do ferrocarril.