subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso acada o apoio do Concello de Santiago para impulsar a nova circunvalación de Sigüeiro polo oeste e a vía verde


orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, obtivo hoxe o compromiso do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, de impulsar a nova circunvalación de Sigüeiro, unha infraestrutura que aliviará o tráfico de vehículos pesados polo centro do municipio.

Mirás e Bugallo mantiveron unha reunión “cordial e fructífera” no Concello de Santiago, na que trataron temas que afectan aos dous municipios, como o proxecto da nova circunvalación en Sigüeiro polo oeste, desde a rotonda do polígono (supermercado Familia) ata a bifurcación da estrada que vai ao aeroporto de Lavacolla.

Os dous concellos apoian a infraestrutura e realizarán xestións co Ministerio de Fomento para que axilice os prazos de execución do proxecto. “Preto do 20% do tráfico que pasa pola N-550 en Sigüeiro é de vehículos pesados, por iso lle pido a Fomento que impulse a nova circunvalación”, lembra Mirás.

Na Reunión, falaron tamén da Vía Verde que unirá Santiago e Cerceda, pasando por Oroso, cun sendeiro de 36,5 quilómetros sobre as antigas vías do ferrocarril. As obras, das que se fará cargo a Deputación da Coruña con 1,86 millóns de euros de fondos Feder, suporán a construción da primeira Vía Verde da provincia.

“É un proxecto polo que levo loitando dende hai 14 anos, xa conseguimos financiación europea a través da Deputación e coido que nesta lexislatura será unha realidade; dará moito do que falar e irá sobre o trazado do ferrocarril entre A Sionlla e Cerceda, que quedou en desuso”, explica o alcalde, Manuel Mirás.

Outro dos puntos tratados foi a posta en marcha de melloras no transporte metropolitano e a posibilidade de reactivar a Mancomunidade de Santiago, un organismo que no seu tempo provocou melloras en todos os concellos da comarca.

“Somos dous concellos veciños con boa relación, a sintonía que teño co alcalde de Santiago é moi boa, polo que manteremos máis reunións a curto prazo para falar dos temas que afectan ás dúas administracións”, engade Manuel Mirás.