subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso celebra a súa Gala da Cultura e entrega os premios do Certame de Investigación sobre o Camiño Inglés.


orosoO Concello de Oroso celebrou a súa Gala da Cultura, un evento que ten como obxectivo recoñecer o traballo e os méritos de todas aquelas persoas e entidades que traballan no eido da cultura ou apoian as actividades culturais no municipio.

Nesta ocasión, recibiron un galardón a empresa Severino Rial polo seu apoio á cultura, Carla Veiga na categoría de Promesa, a asociación Buxos Verdes e Xoán Porto, neste caso pola súa traxectoria. A gala serviu ademais para entregar os premios dunha nova edición do certame de investigación sobre o Camiño Inglés.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, asegurou na súa intervención que “a nosa aposta pola cultura seguirá, pola súa capacidade de formación e porque xenera emprego”. “Somos un concello que está agora mesmo no mapa cultural, tamén grazas ao Camiño Inglés”, lembrou.

Pola súa parte, o concelleiro de Cultura de Oroso, Luis Rey, agradeceu “a participación dos veciños e veciñas de Oroso, que sodes os que acudides de forma masiva ás actividades culturais que organiza o concello; a cultura debe ser un servizo público, pero nada do que facemos tería sentido se non houbese interese pola vosa parte”.

“Para o Concello de Oroso, a cultura non só é unha prioridade, se non que tamén é unha responsabilidade; a cultura é unha garantía para educar e formar ás novas xeracións, por iso apostamos pola promoción da lectura, a música ou o teatro desde idades moi tempranas”, afirmou Luis Rey.

A gala forma parte de ‘Mergúllate na Cultura’, que ata o mes de xullo leva a Oroso concertos, obras de teatro, exposicións e obradoiros para todas as idades. O programa inclúe a actuación do grupo de teatro infantil Bolboretas de Papel, os monicreques Pérez&Fernández, a festa da espuma, inchables e o concerto fin de curso da escola de música.

Haberá tamén actividades no exterior da piscina, como concertos e unha tarde de xogos populares. A Casa da Cultura acollerá o acto fin de curso da gardería A Ulloa e este programa de actividades rematará o 7 de xullo co festival Psicotroita Oroso 2018.