subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O alcalde de Oroso lamenta “a covardía” do portavoz do PP e lembra “o compromiso deste Concello contra os vertedoiros incontrolados”.


“A intención de Doval non é outra que intentar atallar para chegar á alcaldía, pero non parece a mellor maneira de conseguilo”, sostén o Alcalde.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, lamentou hoxe “a covardía” do portavoz do PP no municipio, Alexander Doval, e lembra o compromiso “que desde hai moitos anos temos neste concello para erradicar os vertedoiros incontrolados”.

Mirás responde desta maneira ás críticas de Doval por supostos verquidos de lixo nunha zona pola que pasará a futura Vía Verde: “Unha vez máis, Doval exhibe a súa covardía e leva aos medios de comunicación o que non se atreve a expoñer nos plenos por temor ao debate”.

“No último pleno, do pasado día 5, foi instado por min a que antes de acudir aos medios puxera en coñecemento do Concello as deficiencias que atope, pois sería unha maneira leal de colaboración, pero o afán de protagonismo de Doval non o deixa ser unha persoa leal e cabal”, sostén.

O alcalde instao, unha vez máis, “a utilizar a aplicación Oroso Informa, da cal é coñecedor e na que poden facer chegar todas aquelas anomalías que considere; a intención de Doval non é outra que intentar atallar para chegar á alcaldía, pero non parece a mellor maneira de conseguilo”. “Para ser alcalde dun concello hai que ser leal coa labor que debe desempeñar como concelleiro e por suposto cos veciños e veciñas”, afirma Mirás.

O alcalde engade que “aquí a crítica tería que ser para quen tira os escombros de forma incontrolada e esa debería de ser a súa preocupación, atallar de algunha maneira este tipo de condutas e mostrar a súa colaboración co Concello para erradicar hábitos como este”.