A concentración parcelaria nas parroquias de Senra, Cardama e Villaromarís entra na súa fase definitiva.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, anuncia a inminente toma de posesión das fincas.
A concentración parcelaria das parroquias de Senra, Cardama e Villaromarís entra na súa etapa definitiva, despois de máis de vinte anos de traballos. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, anunciou a toma de posesión provisional das fincas, que será o día 2 de abril nos terreos de prado, pasteiro, labradío sen colleita e monte. Nos restantes terreos, será no momento en que se retiren as colleitas actuais. A data límite para a retirada do arborado é o 2 de outubro deste ano.
Esta concentración parcelaria supón a reorganización de 10.798 parcelas, pasando a contar con 1.505 fincas pertencentes a 813 propietarios. Lévanse investido dende o inicio da concentración máis de 4,3 millóns de euros. Unha meirande parte -3,7 millóns de euros- foron destinaron á execución da rede de camiños e máis de 600.000 euros a investimentos en servizos técnicos, como a elaboración do proxecto de concentración e a redacción do acordo.
“Entramos na etapa final do proceso e temos que felicitar á Xunta, aos propietarios dos terreos e ao propio Concello de Oroso polo intenso traballo realizado para que este proxecto chegue a bo termo, despois de máis de vinte anos de loita e duro traballo”, sostén Manuel Mirás.
O alcalde lamenta “a demora no proceso de concentración parcelaria, con máis de dúas décadas nas que moitos proxectos non puideron desenvolverse por ser un proxecto tan lento e farragoso; nembargantes, nunca é tarde para unha iniciativa tan esperada en Oroso”.
Os planos do acordo e as coordenadas dos marcos poden consultarse en http://mediorural.xunta.gal/nc/es/areas/infraestruturas/concentracions_parcelarias/publicacions. Para calquera dúbida, os interesados poden chamar á Concellaría de Medio Rural do Condello de Oroso (981691478 ou 630077062).