subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso convoca a terceira edición do seu certame de traballos sobre o Camiño Inglés.


 

O concello de Oroso, a través da súa Concellería de Turismo, convocou a terceira edición do seu Certame de Traballos de Investigación do Camiño Inglés.

Ábrese así o prazo para presentar traballos ata o día 8 de abril, que deberán versar sobre calquera materia referida a dita ruta xacobea. “Non só de historia, senón que este ó un certame aberto a biólogos, farmacéuticos, filólogos ou expertos en turismo, por citar varios exemplos”, asegura Antonio Leira, concelleiro de Turismo de Oroso.

O concello se amosa desde hai anos moi activo en todo o referente ás peregrinacións, ata o extremo de abrir o único centro de mundo dedicado ao estudo dese sendeiro medieval que procedía da Coruña e Ferrol para rematar en Compostela: o CEICI, Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés.

O terceiro certame ten tres categorías: investigación pura, diarios de peregrinos e traballos de calquera tipo feitos por menores de 18 anos, co obxectivo de aumentar a participación nos colexios.

En total hai nove premios (1.000 euros é o primeiro de investigación pura), que nas dúas edicións anteriores -onde houbo máis de corenta aspirantes en cada unha delas- quedaron en ocasións na comarca de Santiago, pero tamén marcharon ás universidades de Lancaster (Gran Bretaña) ou Valencia, por exemplo, así como a Dublín e a Madrid.