EDUCAOROSO

Ensinanzas básicas de niveis I e II.



As ensinanzas básicas iniciais de nivel I e II están dirixidas a persoas adultas que non dominan as técnicas instrumentais elementais.

Nivel I, ou de alfabetización

Coa actividade de Nivel I, preténdese nun principio corrixir determinadas carencias manifestadas sobre coñecementos básicos e elementais, coñecementos precisos para o desenvolvemento e o progreso na vida cotiá. Carencias que en moitos dos casos dificultan a sociabilidade desas persoas en procesos moi comúns da vida diaria como pode ser ir ao médico, ao supermercado, ao xulgado . . . Por iso, o obxectivo en si, non é o de dotar ao alumnado dunha serie de coñecementos teóricos básicos sen máis, senón de que esa adquisición de coñecementos vaia acompañada da comprensión e posterior aplicación deles, da importancia do seu manexo no día a día, da relevancia que leva consigo.

As ensinanzas correspondentes ao nivel I ou de alfabetización deben permitir á poboación adulta, adquirir técnicas de lecto-escritura e cálculo que lle faciliten a comprensión lingüística e matemática suficiente para satisfacer as necesidades que se lle susciten na súa vida cotiá, así como para comprender a realidade da súa contorna.

Destinatarios:
Poderán cursar ensinanzas de Educación de Adultos todas as persoas maiores de 18 anos. Están dirixidas en particular a desempregados, e aos mozos e mozas que abandonaron o sistema educativo sen unha titulación básica e que desexan adquirila.

Nalgunhas ensinanzas autorízase a inscrición de alumnos menores de 18 anos que, por causas xustificadas, non poden seguir estudos equivalentes en centros ordinarios.

Organización:
Grupos reducidos, cunha metodoloxía individualizada e con materiais específicos, en horarios flexibles.

Matrícula:
O período de matrícula está aberto durante todo o curso.

Nivel II, ou de consolidación de coñecementos e técnicas instrumentais

A actividade NIVEL II vai dirixida ao sector da poboación que se atopa na situación de desemprego ou ben que intenta comezar un proceso de continuación de estudos e que, polo tanto, a posible obtención de coñecementos que os poidan acercar ao seu obxectivo facilitaríalle dispor de maiores capacidades á hora de atopar un emprego, e tamén, a aquel grupo profesional que, a pesar de ter un posto de traballo aspira a unha promoción laboral. No caso dos que queren continuar estudos a obtención destes coñecementos facilitaralle moito a súa incorporación, xa que ademais dos coñecementos adquiridos leva consigo o hábito de estudo, hábito difícil de acadar en persoas que levan varios anos fóra do sistema educativo.

Aquí, con maior frecuencia que no grupo de alfabetización, atopamos alumnado que remata o ensino obrigatorio sen a obtención do título, ou o que e peor, sen os coñecementos necesarios para incorporarse ao sistema laboral. Por iso é habitual que alumnos desta situación, despois de pasar un ou varios anos en branco, intenten retomar os estudos utilizando esta actividade como primeira referencia de preparación para poder optar ao acceso dun Ciclo Medio ou ben como preparación para a incorporación a certo posto de traballo.

Non menos importante é a orientación desta actividade ás amas de casa, porque tende a ser o grupo da poboación máis esquecido dende o punto de vista social, e está a ser un colectivo cada vez máis numeroso e máis falto de posibilidades e medios de integración social.

O nivel II, ou de consolidación de coñecementos e técnicas instrumentais, dos ensinos iniciais da educación básica para persoas adultas, está orientado a que o alumnado desenvolva habilidades, técnicas, métodos e estratexias. Baséase, polo tanto, no «aprender a facer» e na «capacidade de transferencia», é dicir, saber aplicar o aprendido a situacións diferentes, por iso é polo que se dá maior importancia aos contidos procedementais e actitudinais que aos de carácter conceptual.

Destinatarios:
Persoas sen ningunha titulación que desexen acceder á Educación Secundaria para persoas adultas, seguir con garantía de éxito cursos de cualificación profesional ou potenciar a súa participación activa na vida social, cultural, política e económica.

Organización:
Contidos relacionados coas necesidades e a realidade das persoas adultas, estruturados en tres ámbitos globalizados.

Matrícula:
Todo o curso, sempre que a dispoñibilidade do centro o permita.