subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inicia a instalación dunha ducia de pasos de peóns elevados no ensanche de Sigüeiro e na Rúa do Portiño.


Trátase dunha medida que incrementará a seguridade viaria dos veciños e veciñas de Sigüeiro.

orosoO Concello de Oroso iniciou esta semana a instalación dunha ducia de pasos de peóns elevados en varias rúas do casco urbano de Sigüeiro. Dez deses pasos de peóns estarán situados nas novas rúas do ensanche de Sigüeiro, mentres que os outros dous situaranse na rúa do Portiño.

O concelleiro de tráfico, Xosé Castro, explica que o Concello de Oroso tomou esta decisión “para incrementar a seguridade viaria dos veciños e veciñas de Sigüeiro naquelas rúas nas que se rexistra unha maior circulación, coma no caso do Portiño, ou nas que se prevé que teñan un gran tránsito de vehículos, coma no Ensanche, xa que así evitaremos que se circule por elas a unha velocidade inadecuada”.

A instalación destes pasos de peóns elevados comezou esta semana na rúa do Deporte e na súa prolongación ata o paseo do río Carboeiro, e terá continuidade nas rúas do Ensanche de Sigüeiro ao longo dos vindeiros días. En breve iniciaranse tamén os traballos na rúa do Portiño.

Xosé Castro apunta que a construción desta ducia de pasos de peóns elevados xustifícase na “boa experiencia” rexistrada cos dous primeiros pasos instalados nas rúas Xuncal e Río Lengüelle en outono de 2008. A instalación deses dous primeiros pasos de peóns fixo que os vehículos que circulan por ambas as rúas diminuíran considerablemente a súa velocidade. Unha situación moi importante, xa que a rúa do Xuncal é unha das principais entradas ao casco urbano de Sigüeiro dos vehículos que proveñen da N-550 e a rúa Río Lengüelle é unha das principais saídas do centro urbano á estrada nacional.