subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso e o Grupo Vegalsa-Eroski plantan 1.023 árbores no Polígono de Sigüeiro.


O acto serviu como homenaxe ao presidente fundador do grupo, Ventura González Prieto, quen apuntou que “Vegalsa-Eroski es ya un vecino más de Sigüeiro”.

orosoMáis de medio centenar de persoas, entre veciños/as de Oroso e empregados/as do grupo Vegalsa-Eroski, participaron esta mañá na plantación de 1.023 árbores en 3,19 hectáreas repartidas ao longo de varias parcelas do polígono industrial de Sigüeiro. Un acto que serviu para homenaxear ao presidente fundador do grupo Vegalsa-Eroski, Ventura González Prieto, en cuxa honra se descubriu unha placa onda as instalacións do gran centro de distribución que esta empresa ten en Sigüeiro.

Previamente, a corporación municipal, encabezada polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, recibiu no salón de plenos a Ventura González; ao seu fillo Joaquín González Iglesias, director xeral de Vegalsa-Eroski; responsables de Vegalsa-Eroski e numerosos integrantes da familia González Prieto. Un acto no que Joaquín González, en nome do seu pai, asegurou que “Vegalsa-Eroski es ya un vecino más de Oroso”.

oroso Manuel Mirás entregoulle a Ventura González unha figura dun peregrino, explicándolle que estamos en Ano Santo e que o Camiño Inglés atravesa Oroso, así como unha serie de libros e guías turísticas do municipio “para que coñeza aínda mellor Oroso”. Finalmente, Mirás Franqueira impúxolle unha insignia do Concello de Oroso, momento no que Ventura González tivo un breve recordo aos seus inicios empresariais, cando nos anos corenta montou unha tenda en Vigo. “Nací en Astorga y monté en Vigo una tienda con Carmiña (-a súa muller-). Y de ahí, hasta ahora”, resumiu o fundador dun dos grupos de distribución alimentaria máis importantes de España.

Manuel Mirás destacou a humildade de Ventura González, “que creou unha empresa que está a primeira no ranking de distribución en Galicia e que temos o pracer de que estea no concello de Oroso, que hai vinte anos tiña 3.100 habitantes, agora ten máis de 7.000 e que esperamos crecer aínda máis coa chegada de máis empresas aos nosos polígonos empresariais”.

Moderno centro tecnolóxico

Despois de que a comitiva oficial plantara unha das 1.023 novas árbores coas que conta dende hoxe o polígono empresarial de Sigüeiro, o director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González Iglesias, apuntou que “apostamos por Sigüeiro como centro de actuación logística, donde nuestro centro de distribución da servicio a nuestra red de supermercados en Galicia y donde estamos construyendo el mayor y más moderno centro logístico de Galicia”. Un centro que González Iglesias puxo como “ejemplo del compromiso de la empresa con su entorno: muchos habitantes de Oroso trabajan ya con nosotros y serán muchos más”. Coa plantación de hoxe, González Iglesias explicou que “esperamos contrarrestar un poco esas 8,2 toneladas de CO2 que emite nuestra flota de transportes”.

Pola súa banda, Manuel Mirás apuntou que “é unha gran satisfacción que Vegalsa-Eroski se instalara en Sigüeiro, onde ten unha plataforma loxística na que investiu moitos millóns de euros e que xera máis de 200 postos de traballo directos e uns 125 indirectos”. Mirás Franqueira insistiu en que esta empresa “está creando moita riqueza na zona, pois ademais deses postos de traballo directos tamén hai moitos negocios periféricos que viven do movemento que xera a plataforma loxística de Vegalsa-Eroski en Sigüeiro”.

Por esa razón, o alcalde orosán invitou os directivos de Vegalsa-Eroski a seguir investindo en Oroso. “Estamos facendo todo o posible para mellorar as nosas comunicacións e para facer que Sigüeiro estea mellor comunicado e máis cerca de todo o mundo”, apuntou Mirás Franqueira, quen destacou a cultura empresarial do grupo: “Vegalsa-Eroski ten unha cultura empresarial que me agrada porque, dos beneficios que xera, ademais de reinvestilos en crear máis riqueza, tamén dá unha parte para a cultura, o deporte ou para mellorar o noso medio ambiente”.