subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso pon en marcha un ambicioso plan de prevención e defensa contra os incendios forestais


orosoO Concello de Oroso vén de poñer en marcha un Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, un extenso documento de traballo para previr e actuar contra o lume.

“Despois de moitos meses de traballo, temos un plan que se adecúa ás novas esixencias da Xunta e o Goberno, con recomedacións e información detallada sobre a prevención de incendios”, asegura Manuel Mirás, alcalde de Oroso.

Un dos obxectivos do Plan, en cumprimento do establecido na lexislación autonomica, “é garantir o control da biomasa forestal, mediante técnicas silvícolas axeitadas, co fin principal de reducir o risco de incendio e protexer a seguranza das persoas”.

Este obxectivo fundamental concrétase “nunha serie de accións sobre o territorio que buscan organizar a xestión da biomasa en zonas estratéxicas, especialmente aquelas declaradas de alto risco de incendio”.

A redacción do Plan pretende, por tanto, aportar un documento que conteña as accións necesarias para a defensa contra os incendios forestais efectuando unha análise da situación actual, establecendo unha zonificación do territorio como marco das directrices de actuación a realizar para acadar os obxectivos propostos.

“Pedímoslle responsabilidade aos titulares das fincas, xa que entramos nun periodo de alto risco de incendios”, afirma Mirás, que lembra aos veciños do municipio as obrigas que a Consellería de Medio Rural da Xunta impuxo o ano pasado no relativo á limpeza de fincas e parcelas para evitar incendios forestais.

Mirás sostén que “se os titulares non acometen os traballos de limpeza das fincas, a lexislación da Xunta informa de que poderá procederse á execución subsidiaria dos mesmos, repercutindo os custos ás persoas responsables”.

O Concello de Oroso colabora coa Xunta na loita contra os lumes forestais, pois nos últimos anos conta cunha brigada contra incendios e a agrupación municipal de voluntarios de Protección Civil está alerta para unha primeira intervención rápida. “Dito isto, non é xusto trasladar toda a responsabilidade aos municipios ou abrindo expedientes aos veciños”, engade Manuel Mirás, que lamenta a nula axuda que os municipios reciben do Executivo autonómico.


Consultar ou descargar o plan de prevención e defensa contra os incendios forestais aquí