subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Protección Civil de Oroso leva retirado 40 niños de avespa velutina no que vai de ano.


As 19 trampas colocadas en zonas estratéxicas de Sigüeiro lograron atrapar unhas mil raíñas, evitando a creación de numerosos niños.
O Concello promoverá un protocolo de colaboración cos apicultores e formará á veciñanza na instalación de trampas con métodos caseiros.

orosoA Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Oroso leva retirado 40 niños de avespa velutina por todo o municipio no que vai de ano. Deles, 22 eran de carácter primario e 18 de carácter secundario. Rexistráronse tamén outros casos nos que non foi precisa a intervención de Protección Civil e tres avisos que en realidade non eran niños de velutina. Os resultados constatan unha elevada efectividade do persoal de Protección Civil, que dispón de equipamento específico para este tipo de tarefas.

Ademais dos labores de retirada, desde o Concello realizouse tamén unha campaña preventiva coa instalación de trampas en Sigüeiro. En conxunto, as 19 situadas na capital municipal lograron atrapar unhas mil raíñas da especie, o que permitiu evitar a formación de numerosos niños e o nacemento de milleiros de exemplares deste insecto foráneo. De feito, dos 40 niños retirados en todo Oroso só 3 corresponden a Sigüeiro.

As trampas colocáronse en puntos estratéxicos e sensibles da vila, co criterio de protexer as zonas nas que se concentra ou polas que pasa unha maior cantidade de poboación. Por iso, púxose especial atención nas contornas dos parques infantís, dos colexios, das garderías, do centro de saúde e en zonas verdes. As trampas utilizadas en Oroso non afectan ás abellas autóctonas, posto que incorporan un produto que as repele e fai que se absteñan de entrar. De todos os xeitos, o goberno municipal considera necesario que prosigan as investigacións para desenvolver trampas que non supoñan prexuízos para insectos ás que non están destinadas.

A distribución dos niños retirados dáse de xeito practicamente uniforme por todo o municipio. Detectáronse casos en todas as parroquias. A época da primavera, cando comeza a conformar os seus niños, é un dos periodos de maior traballo para o control da especie, xunto co final do verán e o comezo do outono, cando os niños que non foran observados acadan xa tamaños considerables.

Colaboración cos apicultores

Ademais dos niños eliminados por Protección Civil, o Concello de Oroso ten constancia da retirada doutros 17 primarios e 4 secundarios por parte de apicultores. O alcalde, Manuel Mirás, anuncia que se vai artellar o traballo conxunto con estes profesionais mediante un protocolo de colaboración. O obxectivo será que a retirada continúe estando ben organizada e que os apicultores conten coa supervisión de Protección Civil, posto que é un grupo tecnicamente capacitado para a loita contra a velutina.

Formación veciñal

Protección Civil ten previsto tamén organizar para a veciñanza actividades formativas sobre a colocación de trampas. Tal como explican, é unha tarefa sinxela que se pode efectuar con métodos caseiros sen perder eficacia.

Non obstante, á marxe destas medidas preventivas que non implican contacto coa avespa, mantense a recomendación para a poboación de chamar ao Concello (981 69 14 78) ou ao 112 cando se observe a existencia dun niño de velutina. Protección Civil indica que é fundamental contar con estas notificacións e, de feito, a gran maioría de niños retiráronse tras informacións veciñais.

Como consello fundamental, os efectivos da agrupación de voluntarios manifestan que se deben manter as distancias e sobre todo a tranquilidade. Trátase dunha especie que non é especialmente agresiva nin perigosa, salvo para persoas que padezan algún tipo de alerxia, se ben este risco é común a todo tipo de avespas. O maior problema que causan as velutinas é a depredación das abellas autóctonas, cos prexuízos consecuentes para a polinización da flora.