subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso traslada aos parques a campaña “Eu si que o fago”, para concienciar á veciñanza sobre a importancia da recollida dos excrementos das súas mascotas


Membros de Protección Civil e o concelleiro de Limpeza Viaria repartiron entre as persoas propietarias cans varios ecopoops, un sistema pioneiro en Galicia que facilita a recollida das deposicións.

orosoO Concello de Oroso decidiu trasladar aos parques e rúas do municipio a campaña “Eu si que o fago”, unha iniciativa coa que pretende “concienciar á veciñanza da importancia de coidar ben das mascotas e de recoller as súas deposicións na vía pública para lograr entre todos un municipio moito máis limpo”, explica o concelleiro de Urbanismo, Antonio Leira. Unha campaña na que persoal de Protección Civil, voluntariado do Concello de Oroso e o propio concelleiro están a repartir dípticos informativos e parte dos 3.000 ecopoops (un sistema pioneiro en Galicia para a recollida dos excrementos das mascotas dunha maneira máis sinxela e ecolóxica) dos que conta a campaña.

Despois de presentarlles o proxecto aos nenos e nenas de 4º e 5º de primaria dos CEIP de Sigüeiro e do Camiño Inglés, o Concello de Oroso decidiu agora baixar sobre o terreo e presentarlles a campaña directamente aos propietarios e propietarias de cans principalmente no parque do Río Carboeiro, pero tamén nos parques do Portiño e na urbanización Porto Avieira. Antonio Leira considera que “o acollida da campaña é bastante boa e a xente coincide na necesidade de que todos colaboren en evitar que as defecacións dos cans manchen as nosas rúas e zonas de ocio”.

Os membros de Protección Civil informaban a cada propietario/a de can da existencia da campaña “Eu si que o fago”, entregábanlle un díptico informativo e lle explicaban o sinxelo funcionamento do ecoppop, que poden recoller totalmente de balde no Concello ou nas dependencias da Policía Local.

O sistema “Ecopoop”, deseñado e patentado pola empresa valenciana Esferic Better Things, é un recolledor de cartón reciclado que axuda a minimizar, tanto visualmente como de forma táctil, a tarefa de recoller as deposicións das mascotas na vía pública, xa que establece unha barreira sólida de cartón entre o excremento e o usuario. O sistema funciona como unha pinza e, grazas ao seu peche fácil, permite selar o contido e convertelo nunha caixa con asas fácil de depositar nun colector para residuos orgánicos, para que se descompoña na súa totalidade. Un sistema máis ecolóxico co das bolsas de plástico, menos biodegradables que estas caixas de cartón reciclado.

De todos modos, Leira Piñeiro insiste en que “o importante non é que usen ou deixen de usar os ecopoops, senón que todos se conciencien e se afagan a recoller os excrementos dos animais e evitar os oríns nas nosas rúas. Os ecopoops acabaranse pero o obxectivo é que a xente siga concienciada na necesidade de manter limpo o municipio”.

Esta campaña está enmarcada dentro dunha serie de actuacións que está a levar a cabo o Concello de Oroso nos últimos anos para concienciar á poboación da importancia de coidar das súas mascotas dun xeito responsable. Todo comezou coa instalación de papeleiras e a habilitación de lugares especiais en Sigüeiro para que os propietarios puideran levar aló as súas mascotas. Hai apenas uns meses, e en colaboración coa asociación Can de Palleiro, o Concello explicoulles aos escolares que unha mascota non é un xoguete, senón unha responsabilidade tanto para eles como para toda a familia.