subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O servizo Liña Verde do Concello de Oroso cumpre dous anos en funcionamento, nos que atendeu un total de 548 incidencias.


O alumeado mantense como o tipo de incidencia máis comunicado e o Concello mantén a porcentaxe de consultas resoltas satisfactoriamente.

O servizo Liña Verde do Concello de Oroso atendeu un total de 548 consultas de veciños e veciñas do municipio nos seus dous primeiros anos operativo, o que demostra a boa acollida que ten entre a veciñanza. Un servizo que permite que os veciños e veciñas poidan comunicar a través dos seus móbiles calquera incidencia que observen no equipamento urbano e resolver consultas medio ambientais, favorecendo así un desenvolvemento sostible do municipio.

Ao igual que o ano pasado, a maioría das comunicacións estiveron relacionadas co alumeado público, seguido de parques e xardíns, limpeza viaria e mantemento de beirarrúas e calzadas. Destas 548 comunicacións, o 100% recibiu unha resposta inmediata, máis do 71% xa foron solucionadas satisfactoriamente mentres cas restantes aínda están en tramitación, ben porque se presentaron recentemente, ben porque o seu prazo de execución é máis longo.

O concelleiro de Parques e Xardíns, Antonio Leira, agradece “o alto grado de participación da veciñanza de Oroso pois son unha gran axuda para o Concello e nos permite coñecer necesidades que, de non ser pola colaboración cidadá, posiblemente tardariamos máis tempo en detectar”. De feito, a maioría das comunicacións correspóndese con bombillas fundidas, mobiliario deteriorado, defecación de cans... “O feito de ter milleiros de ollos atentos a calquera pequena incidencia é moi positivo para o Concello, pero tamén é todo un reto pois nos obriga a dar unha rápida resposta a todas as comunicacións veciñais e os medios son os que son”, explica Leira Piñeiro.

Utilización

O servizo de Liña Verde implantouse en probas en Oroso en setembro de 2014 e está accesible a través da páxina web municipal (www.concellooroso.com). Para utilizar o servizo a través do Smartphone ou tableta, basta con descargar a aplicación Liña Verde. Para elo o usuario conectase a Play Store ou APP Store e, dunha forma sinxela e intuitiva, descarga a aplicación. Unha descarga que é completamente gratuíta.

Unha vez aberta a aplicación no dispositivo móbil, o usuario pode plantear consultas ou comunicar unha incidencia. O procedemento é moi rápido e sinxelo. Para comunicar unha incidencia, basta con seleccionar o tipo de categoría. Por xeolocalización, a APP Línea Verde encargase de detectar de forma automática as coordenadas exactas nas que se empraza a mesma. Posteriormente, pódese axuntar unha fotografía da incidencia cunha breve descrición.

Unha vez enviada, o responsable nomeado polo Concello de Oroso recibe notificación da mesma. A partir deste momento inícianse os trámites para dar solución a incidencia detectada. O cidadán coñece en todo momento o estado no que se encontra a súa consulta grazas ás notificacións que recibe no seu dispositivo móbil.

Ademais, para poder resolver calquera consulta a nivel medioambiental tamén se pode acceder á web www.lineaverdeoroso.com. A través deste dominio, o cidadán pode plantexar calquera consulta medioambiental en un prazo máximo de 24 horas terá resposta por un equipo de expertos na materia. Neste enlace, tamén existe unha ampla información de consulta sobre guía de boas prácticas, recursos de educación ambiental, lexislación básica, noticias ambientais etc… Un extenso contido personalizado do propio municipio.

O servizo Liña Verde recibiu o premio Conama 2014 á Sostenibilidade e o Premio de Calidade 2013 na categoría de Desenvolvemento Urbano Saudable e Sostible outorgado pola Rede Española de Cidades Saudables (RECS), que recoñece aquelas iniciativas que colaboran coa mellora do entorno físico e funcional do municipio promovendo o desenvolvemento socioeconómico e favorecendo a calidade de vida persoal, familiar, laboral e social dos cidadáns.