subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Dúas brigadas con 22 voluntarios de Oroso retiran tres camións cheos de lixo dos camiños orosáns na primeira xornada dos “Días Verdes”


Este venres dedicaranse á eliminación de puntos de verquido incontrolado de lixo.

orosoUn total de 22 veciños e veciñas de Oroso, divididos en dúas brigadas, participaron durante esta mañá na primeira xornada do programa “Días Verdes”, unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Oroso para adecentar o municipio e concienciar á veciñanza da necesidade de preservar a nosa natureza. En tan só cinco horas, estes voluntarios retiraron tres camións de residuos desafiando a chuvia constante que os acompañou durante case toda a mañá.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, que participou no programa durante gran parte da mañá, sinalou que “o importante desta iniciativa non é só o labor de limpeza que están a desenvolver estes voluntarios, senón que o resto de veciños e veciñas nos concienciemos da necesidade de coidar o noso entorno. Tres camións de refugallos retirados en cinco horas dan unha idea da necesidade dunha maior educación ambiental por parte de todos”.

Residuos guindados dende o coche

E é que entre os refugallos retirados ao longo desta mañá proliferaban as latas de refresco, os botellíns de plástico, os papeis, os preservativos, as caxetiñas de tabaco... “en xeral desperdicios que a xente tira polas ventanillas cando van nos seus coches por fora dos núcleos de poboación”, explica o concelleiro de Medio Ambiente, Pepe Castro, quen sinala que “durante a xornada de hoxe non atopamos nin neumáticos nin residuos voluminosos, pois estes son máis visibles e xa os retiramos a diario”. Iso non impedíu que esta mañá se retirara unha neveira nas aforas de Sigüeiro.

Se durante a xornada de hoxe os voluntarios estiveron traballando en Sigüeiro (en lugares como o polígono empresarial ou a rúa do Portiño) e en Porto Avieira, mañá venres dedicaranse á eliminación de puntos de verquido incontrolado de lixo localizados no rural orosán. A cita para todos aqueles veciños que desexen colaborar é, coma hoxe, entre as 8:30 e as 9:00 horas na praza Isaac Díaz Pardo.

O programa “Días Verdes” está organizado polo Concello de Oroso e conta coa colaboración de Vegalsa-Eroski, Frutería Mujico e Panadería-Bollería Sigüeiro, que colaboraron durante esta mañá aportando o refrixerio dos voluntarios, con empanada, froita e bebidas.