subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Concentración en Oroso do tenis de mesa nacional


orosoA Real Federación Española de Tenis de Mesa, en colaboración coa Federacion Galega de Tenis de Mesa, organizaron esta semana en Oroso unha concentración de tecnificación dentro do programa MiniSpin.

Este novo programa, avalado pola Federación Europea, busca detectar futuros talentos do tenis de mesa entre os xogadores máis mozos, formalos e traballar con eles desde moi temperá idade.

Estas concentracións desenvólvense en formato burbulla, cun número de seleccionados moi reducido, aplicando un estrito protocolo aprobado polo CSD e pasando previamente todos os integrantes unha proba covid nas 72 horas previas ao comezo da competición.

O concelleiro de Deportes de Oroso, Antonio Leira, visitou a concentración para falar cos adestradores da Selección Nacional, Fran Berzosa e Dranca Codruta, e os galegos Valeri Malov, Nuria Castro e Miguel Rey. Todos eles eloxiaron as instalacións e agradeceron a aposta do concello polo tenis de mesa.

Pero Oroso non só puxo as instalacións, senón que un dos seleccionados para este evento foi o xogador da canteira do Oroso TM, Sasha Malov que, á súa curta idade, conseguiu chamar a atencion dos adestradores do combinado nacional e ser seleccionado para este importante evento, sendo o xogador máis novo da convocatoria. Noraboa!

Oroso afiánzase como un dos referentes a nivel nacional de traballo coa base e espera seguir organizando nun futuro eventos de tan importante nivel.