subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso aproba en pleno a súa adhesión ao plan de transporte metropolitano e asegura que "seguirá demandando melloras no servizo"


orosoO pleno do Concello de Oroso aprobou hoxe en pleno, cos votos a favor de PSOE, PP e BNG e a abstención de Oroso Renovable, a súa adhesión ao plan de transporte metropolitano da Xunta de Galicia.

O grupo de goberno do Concello de Oroso advirte de que “seguiremos pelexando por melloras no servizo, pero temos que facelo desde dentro, formando parte da rede, non podemos deixar ser transporte aos nosos veciños”.

O alcalde, Manuel Mirás, considera que “para Oroso o transporte metropolitano é prioritario, necesitamos este servizo pero somos coñecedores da necesidade de contar con máis liñas e máis paradas no centro de Santiago”.

Oroso considera fundamental que o transporte metropolitano se adapte “ás necesidades de cada municipio”. O concello aporta anualmente unha partida próximas aos 15.000 euros para formar parte desta rede de transporte e espera que cheguen melloras ao servizo, tamén cando se poña en marcha a estación intermodal de Santiago de Compostela.

“Dende o concello entendemos que o cinturón da área de Compostela ten que verse reforzado, tanto no aumento no número de frecuencias como nas paradas, polo que seguiremos a traballar cos concellos limítrofes para ter máis melloras”, engade o grupo de goberno.

“Agradecemos o apoio do PP e non entendemos a abstención de Oroso Renovable, os intereses veciñais teñen que estar por enriba de todo”, apuntou o portavoz socialista, Antonio Leira.

Co transporte metropolitano e coa achega económica anual de Oroso, a veciñanza desfruta de importantes descontos e bonificacións para estudantes, xubilados, persoas en situación de desemprego ou aquelas que acrediten unha discapacidade en grao igual ou superior ao 65%. Ademais, coa Tarxeta Xente Nova, os menores de 21 anos viaxan gratis.