Oito establecementos hostaleiros de Sigüeiro participarán do 24 ao 26 de novembro na ruta gastronómica “Bocados de Outono” de Oroso.
Os locais obsequiarán a todos os seus clientes cunha elaboración especial con cada consumición elaborada con produtos de temporada como castañas, grelos ou cogomelos.
O Concello de Oroso organiza a segunda ruta gastronómica “Bocados de Outono”, na que tomarán parte oito locais do municipio que durante os días 24, 25 e 26 de novembro obsequiarán a todos os seus clientes cun bocado especial con cada consumición. A concelleira de Comercio, Vanesa Boo, explica que “é unha iniciativa para atraer un maior número de visitantes a Oroso e dinamizar a nosa hostalería, ao tempo que promovemos a nosa gastronomía local e de temporada entre todos cantos nos visiten”.
As propostas culinarias fan honra ao nome da ruta, “Bocados de outono”, pois son tapas elaboradas con produtos de temporada: caldo galego, castañas, grelos, xabaril ou cogomelos, cuantitativamente o produto máis escollido. A diferenza do Concurso de Tapas, nos “Bocados de Outono” non haberá premios, salvo o de degustar un saboroso bocado con cada consumición. O horario das degustacións é o seguinte: venres 24 (de 20:00 a 22:30 horas), sábado 25 (de 12:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 22:30 horas) e o domingo 26 (de 12:00 a 15:00 horas).
Os locais participantes son: Sigü Café, Mesón Tambre, Cafetería-Bar 6 Ríos, O Café de Manuela, Adega O Ribeiro, Café-Bar Restaurante Mirás, Café-Bar Xardín e Bar Tapas. Vanesa Boo salienta “a colaboración ofrecida polos hostaleiros” e está convencida de que “as súas propostas serán moi atractivas tanto para a veciñanza de Oroso como para a nosa contorna”.