subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

A Deputación acolleu unha reunión para reactivar o proxecto de Vía Verde entre Santiago e Cerceda.


González Formoso considerou o proxecto “interesante polo seu gran potencial turístico, ambiental e polo retorno económico que tería para os concellos da zona”.
Manuel Mirás salienta que “despois de 13 anos de traballo, espero que o proxecto poida estar rematado neste mandato”

orosoO presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse no seu despacho da institución provincial cos alcaldes de Santiago, Martiño Noriega; Oroso, Manuel Mirás, e Cerceda, José García Liñares; e coa tenente alcalde do Concello de Tordoia, Inés Santos, para abordar a reactivación do proxecto de construción da Vía Verde, un itinerario de sendeirismo e cicloturismo de 36,9 quilómetros sobre a antiga liña do ferrocarril que une os municipios de Santiago, Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda. Á reunión asistiron tamén o concelleiro de Medio Ambiente compostelán, Xan Duro, e os deputados provinciais Manuel Dios e Antonio Leira, responsable da área de Economía e Facenda da institución provincial e concelleiro de Seguridade Viaria en Oroso.

Durante o encontro, que os asistentes cualificaron de “cordial e produtivo”, os alcaldes repasaron a historia do proxecto, que xurdiu inicialmente en Oroso no 2004, para conectar Oroso con Santiago. Un proxecto que en 2008 se estendeu para unir Santiago, Oroso e Ordes mediante unha Vía Verde e ao que posteriormente se incorporaron Tordoia e Cerceda. Así, na actualidade o percorrido plantexado para a Vía Verde contaría cunha lonxitude total de 36,9 quilómetros dos que 12,6 discorrerían por Compostela, 5,8 por Oroso, 8,1 por Ordes, 2,5 por Tordoia e 7,9 por Cerceda.

Gran potencial turístico e ambiental

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, considerou o proxecto “interesante polo seu gran potencial turístico e ambiental” e “polo retorno económico que tería para os concellos da zona, xa que contribuiría a promocionar o turismo sostible na área”. Neste sentido, o presidente comprometeuse a estudar vías de colaboración da Deputación tanto desde o punto de vista técnico como de financiamento do vial, unha vez que o proxecto estea actualizado e se coñeza o investimento a realizar.

Manuel Mirás valora o interese amosado por González Formoso nun proxecto no que “levamos traballando dende o 2004 no Concello de Oroso porque consideramos que é unha boa opción medioambiental, turística e económica”. Mirás explica que “a Vía Verde vai ser un produto turístico que retería máis tempo aos turistas en Santiago e potenciaría económica os seus arredores”. Neste sentido, salienta que “ademais do encanto que pode ter este camiño para sendeiristas, camiñantes e ciclistas da comarca, tamén hai que lembrar a capacidade de atracción que teñen as antigas estacións deste camiño, con dous fermosos edificios en Santiago e en Oroso (en Garga e Trasmonte), tres en Cerceda e o da Pontraga en Ordes”. Mirás considera que este camiño é “unha gran oportunidade de negocio pois pode atraer servizos de aluguer de bicicletas, casas de turismo rural, venda de produtos do campo...”

Dado que o proxecto orixinal só abarcaba parte dos municipios implicados, na reunión decidiuse contactar coa Fundación dos Ferrocarriles Españoles para actualizalo tanto no seu trazado como no seu presuposto. A posta en marcha desta iniciativa depende, entre outras cuestións, de que ADIF permita a utilización dos terreos, xa que o sendeiro discorre sobre as antigas vías do tren que son da súa titularidade.

Mirás lembra que Santiago e Oroso son os dous municipios que máis avanzado teñen esta cuestión, pois teñen cedidos os terreos por parte de ADIF e aprobadas as desafeccións dos terreos por parte de Fomentos, a falta da sinatura formal da cesión. Por iso considera que “como o resto de concellos tamén teñen cousas feitas, polo que calculamos que en abril podería estar todo feito”, xa que se amosa convencido de que “despois de trece anos de traballo, espero que o proxecto da Vía Verde poida estar rematado neste mandato”.

Fórmula xurídica

Outro dos asuntos abordados na reunión foi a fórmula xurídica que se empregará para pór en marcha o proxecto, que podería articularse a través dun convenio de colaboración entre os cinco concellos implicados, co obxecto de axilizar ao máximo a tramitación; así como o financiamento do mesmo, xa que podería incluir a participación de varias administracións.

Mirás considera que “a fórmula máis correcta sería unha asociación de concellos para este único fin e xestionado por un único Concello que, por volume, entendo que debería ser Santiago pero se non queren, xa podo dicir que aquí levamos trece anos traballando neste tema e non teriamos problemas de poñernos á fronte”.

Os asistentes decidiron manter unha nova reunión avanzar nos trámites en cada un dos concellos, e plantexar un borrador conxunto de convenio para o desenvolvemento do proxecto, así como contactar coa Fundación Española do Ferrocarril para levar a cabo a actualización do proxecto técnico, partindo do proxecto de 2008.

A Vía Verde é unha marca rexistrada en 1994 pola Fundación dos Ferrocarriles Españoles para designar itinerarios que discorren sobre antigas infraestruturas ferroviarias. En España existen actualmente máis de 2.500 quilómetros de vías de tren en desuso que foron reconvertidas en sendeiros sostibles para uso peonil.