subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Alumnado da Escuela Universitaria de Turismo do Centro Español de Nuevas Profesiones porá en valor o Camiño Inglés en Oroso.


O alcalde Manuel Mirás e Carlos Rodríguez, secretario académico da escola, asinaron un convenio para a realización de prácticas de estudos.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o secretario académico da Escuela Universitaria de Turismo do Centro Español de Nuevas Profesiones (adscrita á Universidade da Coruña), Carlos Rodríguez, asinaron un convenio de colaboración entre ambas entidades para a promoción do Camiño Inglés ao seu paso polo municipio. “É unha gran satisfacción asinar este convenio porque entendemos que é un plus máis para poñer en valor o Camiño Inglés, o cal nos enche de orgullo”, explica Manuel Mirás.

O acordo permitirá que alumnos e alumnas da Escuela Universitaria de Turismo poidan realizar prácticas de estudos no Concello de Oroso tanto durante este curso académico en vigor como durante o verán de 2017. As tarefas a desenvolver polo alumnado estarán relacionadas co Camiño Inglés ao seu paso por Oroso e, particularmente, co Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés (CEICI) e co Punto de Información do Camiño Inglés. Entre os labores destas persoas figura a promoción do Camiño nos centros educativos, información turística, atención ao peregrino e aos investigadores, promoción territorial...

Así mesmo, o Concello de Oroso convidará ao longo do ano a un grupo de alumnos e alumnas da Escola Universitaria de Turismo para que coñezan o Camiño Inglés e elaboren un traballo sobre esta ruta xacobea, que pasará a formar parte dos fondos do CEICI. Pola súa banda, a Escuela Universitaria de Turismo comprométese a colaborar en todas aquelas actividades de tipo turístico relacionadas co Camiño Inglés que organice o Concello de Oroso.

Por último, o convenio asinado por Manuel Mirás e Carlos Rodríguez recolle a posibilidade de organizar un curso divulgativo ou científico sobre o Camiño Inglés durante o verán de 2017, na que unha decena de estudantes da Escuela Universitaria de Turismo participarían presentando as súas propias comunicacións.