Desempregados de Oroso poden participar nun curso de creación de empresas.
O Concello de Oroso informa de que se abre un prazo extraordinario ata o vindeiro xoves 23 de outubro para a inscrición no curso de creación e xestión de empresas, autoemprego. Un curso dirixido a persoas demandantes de emprego no marco da Rede Xiana 2, iniciativa promovida pola Deputación da Coruña á que o Concello de Oroso se uniu en 2010.
A axente de emprego do Concello de Oroso recollerá as inscricións nas oficinas do Departamento de Servizos Sociais, situadas na rúa do Deporte número 9. A documentación precisa para tramitar a solicitude é fotocopia do DNI, da tarxeta de empadronamento en Oroso, da vida laboral e da tarxeta de demandante de emprego e certificado de cursos. O prazo de inscrición remata o vindeiro 23 de outubro.
As clases impartiranse no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa e no Centro CEMIT de Sigüeiro e comezaran o 27 de outubro cunah duración de 400 horas lectivas, rematando o 13 de febreiro de 2015. A Rede Xiana (acrónimo de Rede para a Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade no mercado laboral galego) pretende fomentar o emprego nos municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia da Coruña como un xeito para dinamizar a base económica do medio rural, mellorar o nivel de servizos de proximidade da poboación destes municipios e complementar as asccións xa iniciadas por outras Administracións.